miércoles, 27 de enero de 2010

ENTREVISTA A ROBERTO RANCAÑO

O protagonista de hoxe é Roberto Rancaño, mediocentro da SCD Malpica dende hai dúas tempadas e media. Comezou a súa andadura futbolística no UB Catalonia (pasou a súa infancia en Barcelona); posteriormente, xa en Galicia, pasou polas categorías inferiores do Bergantiños. En idade xuvenil ficha polo Compostela, para despois pasar por diversos equipos en modestos: Bergantiños, Laracha, Paiosaco, Bergantiños "B" e SCD Malpica.

Pregunta: Xa levas 2 tempadas e media na SCD Malpica, ¿cómo te sintes no clube?

Resposta: Realmente moi ben, despois de dúas tempadas no clube podo decir que me sinto cómodo cos compañeiros tanto dentro coma fóra do terreo de xogo, penso que conto coa confianza do entrenador e apoiado tanto polos siareiros como pola directiva.

P: ¿Qué foi o que máis gratamente te sorprendeu da Liga da Costa? ¿e o que menos?

R: Unha das cousas que máis valoro desta liga é o reencontro con antigos compañeiros e amigos, ademáis da rivalidade tan tanxible pola proximidade dos equipos que compoñen esta liga, polo lado negativo quero destacar que esta rivalidade as veces é confundida por parte dalgúns xogadores e aficción. Outro tema que me parece importante é a falta de rigor e actitude un tanto altiva dun sector dos colexiados que arbitran os partidos.

P: Xa levas 5 goles anotados, bastantes tendo en conta as túas cifras en anos anteriores, ¿a qué crees que é debido?

R: Bueno, creo que a causa son varios factores, nas dúas tempadas anteriores non tiven gran continuidade, xa fose por lesión ou por que a liga xa estaba a piques de rematar, tamén é posible que este ano teña máis opcións de chegar preto da área, a actitude xeral do equipo, o aspecto físico... todo axuda, pero este e o nivel mínimo que espero de min.

P: ¿Cómo calificarías a tempada do Malpica ata o momento?

R: ¡Vaia, ti que cres! Levamos dúas tempadas loitando por evitar o descenso, feito que aínda non asimilo moi ben xa que non creo que coa plantilla que tiñamos debéramos pasar tantos apuros, así que este ano por fin estamos nunha situación totalmente distinta que debemos aproveitar e disfrutar, de momento podería calificala de boa, pero aínda non está pechado.

P: Na túa opinión, ¿cáles son os factores que influíron no cambio que experimentou o equipo con respecto á tempada pasada?

R: Sería moi doado e inxusto a estas alturas da tempada facer unha comparación entre dúas situacións, así que non o vou facer, en cambio gustaríame destacar factores que axudan a ter un bo rendemento como son a aceptación de cada membro do rol que ten que desenvolver dentro do conxunto, e neste aspecto penso que é importante salientar a boa integración dos compañeiros que chegaron novos este ano así coma os rapaces que ascenderon do equipo de xuvenís, me parece que todos están a facer un bo papel, feito no que teñen gran parte de "culpa" o resto da plantilla así coma o entrenador.

P: ¿Qué aspectos consideras os máis fortes do Malpica? ¿en cáles crees que se pode mellorar?

R: Como xa dixen antes a unión dun grupo é un dos factores que máis influen na súa marcha estame a dar a impresión que existe un compromiso maior polo compañeiro, isto axuda a non baixar os brazos ante un resultado adverso e ter máis confianza en nós mesmos, tamén cabe destacar a pegada e desequilibrio que temos a nivel ofensivo e a orde xeral que conseguen gañar moitos partidos. Polo lado negativo quero comentar algo que pode ser que ocorra, refírome a pensar que temos o traballo feito, que somos vencedores antes de xogar e caer así nunha deixadez e apatía que conseguirá que no tramo final de liga non teñamos que pelexar por nada, eso sería moi aburrido, así que penso que debemos aproveitar esta oportunidade de disputar partidos e pasalo ben despois de estes dous anos anteriores.

P: ¿Atréveste a fixar un obxetivo para esta campaña?

R: Claro que me atrevo, por quen me tomas? Ascenderemos, non? (risas). Realmente é algo bastante complicado pero tampouco é unha idea tan descabellada se facemos as cousas ben, sería moi importante chegar ó derradeiro tramo de competición dentro do grupo de cabeza con opcións de acadar algo máis, en todo caso se esto non ocorrese penso que se o Malpica consigue rematar a liga dentro dos cinco primeiros clasificados sería un resultado óptimo.

Gracias a Rancaño pola súa colaboración e dispoñibilidade.

lunes, 25 de enero de 2010

ZAS 0 - MALPICA 0

SP. Zas: Norberto, Mario, Pereiro, Julián, David, Jorge, Navarro (Juan 78’), Quico, Rubio, Braulio, Ibiza, (Pichín 64’).

SCD Malpica: Abraham, (Toni 86’), Charlie, Marcos Amado, Iago, Víctor, Eloy (Ismael 85’), Neucha (Brais 90+1’), Casais (Carlitos 78’), David Blanco, Cheo (Martín 90’), Andrés.

Árbitro: Sr.Yáñez Muiño. Na primeira metade estivo ben, pitando as faltas que estimou convintes pero sen abusar das tarxetas. Pero na segunda parte tivo un erro crucial ao anular un gol do dianterio malpicán David Blanco por inexistente fóra de xogo tras un disparo de Neucha que rexeitou Norberto.

Ambiente e Incidencias: Unhas 125 persoas en San Andrés (Zas). Tarde moi agradable. Non houbo cartóns vermellos. A cinco minutos do final o porteiro visitante Abraham tivo que ser sustuído tras mancarse nun encontronazo con Braulio nun balón dividido.

Comentario: O encontro máis atractivo da vixésima xornada da Liga da Costa era o que medía en San Andrés ao Zas (líder) e á SCD Malpica (5º clasificado). Os azulóns chegaban a este encontro coas baixas do sancionado Rancaño e do lesionado Marco. O equipo de Manuel Agilda salía de inicio co sistema táctico habitual, e foi o claro dominador do encontro no primeiro período, presionando moi ben tódalas líñas, o que facía moi difícil que o Zas puidese realizar unha transición defensa-ataque en condicións, provocando constantes erros nos pases. O bo posicionamento do Malpica e a intensidade coa que xogaron fixo que apenas pasasen apuros defensivos (so destaca un tiro dende fóra da área no min. 42 de Ibiza que rexeitou Abraham e despexou a defensa), mentras que en ataque tentaban de combinar rápido para aproveitar a rapidez e habilidade dos seus xogadores ofensivos. Así as cousas, as oportunidades de gol foron sucedéndose para os malpicáns en disparos de Cheo nos minutos 15 e 25 que despexou Norberto, unha falta botada por Neucha tamén abortada por Norberto (min. 20), e nun man a man no que David Blanco cruza o balón en exceso (min. 33).

Na segunda parte, o Zas adiantou líñas e mellorou o seu rendemento con respecto a antes do descanso, mentres que a SCD Malpica continuou presionando e tentando sair rápido en busca da área contraria cando recuperan o esférico. Neste acto, a agresividade de ámbolos dous conxuntos e a subida de nivel dos locais fixeron que o encontro fose máis nivelado e espectacular, con alternativas nas dúas áreas, pero a pesar disto, as ocasións de gol non foron moi claras. Hai que destacar que a pesar dos esforzos do Zas por gañalo partido (pois estánse a xogala liga), o Malpica non sufríu en execeso, e so nos minutos finais houbo perigo por parte dos locais. Por parte dos malpicáns destaca un novo man a man entre David Blanco e Norberto cun intento de vaselina atallado polo porteiro. Pola contra, o líder tivo dúas boas oportunidades nun disparo de Navarro que dou no longueiro e por medio de Braulio nun disparo que parou o meta malpicán Toni.

Gran actuación do conxunto de Manuel Agilda, que probablemente xogaron o encontro máis completo da tempada (tendo en contas os 90 minutos) ante un dos equipos máis fortes da categoría, pero non tivo a sorte de transformar algunha das ocasións das que dispuxo, ao que hai que sumar o erro do colexiado ó anulalo gol de David Blanco. O empate ten que servir, ademais de para sumar un punto máis, para reforzalo equipo dende o punto de vista anímico e dárse conta de que xogando concentrados e con intensidade pódenlle plantar cara a calquera rival da liga. A vindeira semana o Malpica recibe na Pedra Queimada a outro dos "gallitos", o Sofán.

viernes, 22 de enero de 2010

ENTREVISTA A SANTIAGO ABELENDA

Esta semana entrevistamos a Santiago Abelenda, máis coñecido coma Santi, que leva dende hai cinco temporadas na directiva da SCD Malpica. Despois de pasar por diferentes cargos, dende hai dúas tempadas ocupa o de secretario.

Pregunta: ¿Cómo ves a situación deportiva da SCD Malpica cando xa se superou o ecuador da tempada?

Resposta: A situación deportiva do clube véxoa con certas garantias de acadar un posto entre os cinco primeiros, dado que este ano o equipo esta moi unido e con moitas gañas de facelo ben. Todo isto percíbese no vestiario, nos entrenamentos, e na forma de levantar os partidos cando non están de cara. Hai unha capacidade de reacción que outros anos non había. Confío en que siga así, pois penso que este equipo ten capacidade para elo.

P:
A nivel institucional, ¿botas de menos algún apoio máis, como por exemplo do concello?

R: A nivel institucional, penso que os apoios son os mesmos que hai cinco anos cando entrei na directiva, e sen embargo os gastos para competir incrementáronse (mutualidades dos xogadores, arbitraxes, etc). Polo tanto o esforzo da directiva tense que incrementar e os tempos que corren non son os máis propicios para elo. Confío en que as cousas cambien.

P:
¿Cáles foron os momentos máis difíciles que viviches como membro da directiva?

R: Os momentos máis difíciles que vivín na directiva foron, sen lugar a dúbidas, as destitucións de Esmoris e a destitución de Agilda, aínda que finalmente non chegou esta a producirse, e sen lugar a dúbidas as dúas ultimas tempadas nas que o fantasma do descenso perseguiunos durante moitas xornadas. Era un sinvivir semana tras semana, e o último ano que estivo máis cerca un traballo infinito que fixemos Fernando e mais eu, xunto con outro colaborador do clube para que este descenso non se realizara. Pero este traballo quedará no oscurantismo. Nos temos a conciencia moi tranquila.

P:
¿Qué obxetivos deportivos se plantexa a directiva a medio plazo?

R: Teño comprobado que no caso da S.C.D. Malpica, as tempadas téñense que preparar ano a ano, por moitos motivos (xogadores, directiva etc), entón neste momento o que pensamos e acadar uns obxetivos deportivos o mellor posibles e gustaríame, persoalmente, chegar moi lonxe na copa da costa este ano, e logo para a próxima tempada xa se verá. Penso que todos os cargos directivos, empresariales, políticos etc. teñen unha data de caducidade, dado que as ilusións merman e as ideas esgótanse. A S.C.D Malpica continuará a súa senda, e deséxolle a mellor.

P: ¿Qué consideras como o mellor do Malpica?

R: O mellor do clube entendo a nivel persoal, os xogadores, entrenadorres, os utilleros (Jesús e José María) e algúns directivos. E digo algúns directivos por que neste aspecto si que considero que se pode facer máis, dado que a tempada e moi grande e as mans para traballar a veces son poucas e para compartir mantel moitas.

Tamén me gustaría destacar a labor desinteresada ,que é moita, de colaboradores como Luis Porto, Washington e Jose Dourado que apoian o clube sempre que o require.

Na afección temos as dúas versións, a que apoia é boísima, e a que lle quere mal, esa malquerencia multiplícase por mil. A miña preocupación e a da directiva é esa parte que lle quere ben, facer que lle sigan querendo máis se se pode.

P: ¿E o aspecto ou aspectos que crees que hai que mellorar?

R: Os aspectos que creo que hai que mellorar, insistindo no mesmo, é a implicación de máis xente na directiva. Teño que dicir ó respecto que si tivésemos cinco persoas que pensasen, e lle quixesen tanto a este clube como o noso presidente Fernando, este iría sobre rodas. Hai que pensar que todos os que colaboramos temos un traballo e unha familia, e o tempo que perdemos co clube quitámosllo ós mesmos. Quédanos a sensación de que estamos a facelo o mellor que podemos. Se non é así, cada mes de xullo hai unha oportunidade única de cambiarnos.

Dende este blog desexámoslle o mellor a Santi e a directiva en xeral para que a SCD Malpica siga coa súa historia, pero tamén queremos facernos eco das queixas e realidades que o secretario expón. Moitas gracias Santi pola túa colaboración.

lunes, 18 de enero de 2010

MALPICA 3 - SAN LORENZO 0

SCD Malpica: Abraham, Víctor, Marcos Amado, Iago, Marco (Andrés 46’), Rancaño, Neucha (Brais 84’), Casais (Eloy 46’), David Blanco, Charlie, Cheo (Ismael 81’).

SD San Lorenzo: Diego Dourado, Quillo, Sergio, Rudi, Puñal, Stiven, Javi Pensado, Anxo (Marcos Cancela 65’), Pichel, Pablo, Djalma.

Árbitro: Sr. Domínguez de Bernardi (colexiado de Preferente). Aínda que ningunha das decisións que tomou influíron decisivamente no resultado final, non mantivo o mesmo "raseiro" á hora de castigar de igual xeito xogadas similares, abusando, en varias ocasións, das tarxetas nun encontro nada violento. Expulsou ó mediocentro local Rancaño en tempo de desconto por unha falta leve, que lle supuxo a segunda tarxeta amarela cando o partido xa estaba decidido.

Goleadores: 1-0 (min. 47): Grave erro do central do San Lorenzo Rudi, que tentando cederlle o balón ao seu porteiro, déixao morto no borde da área, aproveitando David Blanco para batir de vaselina a Diego Dourado. 2-0 (min. 80): Gran combinación da SCD Malpica que arranca cunha parede entre Cheo e David Blanco, para que Cheo centre raso dende a banda dereita ao segundo pao rematando Rancaño libre de marca. 3-0, (90+2): Forte disparo de Eloy dende a frontal da área tras unha cesión de David, o esférico (practicamente raso) da no pao esquerdo da portería de Diego Dourado antes de coverterse en gol.

Ambiente e Incidencias: Tarde moi agradable na Pedra Queimada, con boa temperatura e sen choiva. Boa entrada, cunhas 150 persoas na grada. O capitán malpicán Marco tivo que ser sustituído no descanso por un problema muscular.

Comentario: Partido moi atractivo o que desputaban na Pedra Queimada a SCD Malpica e o San Lorenzo, xa que os primeiros levan toda a tempada mostrándose moi fortes como locais e os de Berdillo chegaban despois de colleitar 16 puntos dos últimos 18 desputados. Para este encontro da 19ª xornada da Liga da Costa, o adestrador local, Manuel Agilda, dispoñía da plantilla ao completo (excepto o lesionado Martín), por primeira vez en moito tempo. Saiu o conxunto malpicán cun 4-4-2, sistema habitual nas primeiras xornadas. Durante os primeiros 10-15 minutos do primeiro período os locais dominaron o partido, tocando a pelota con efectividade do medio do campo e chegando con certo perigo ás inmediacións da área contraria. Sen embargo, o equipo fóise desinflando pouco a pouco, mostrándose incapaz de controlalo ritmo do partido, xa que a superioridade do San Lorenzo no medio campo (empregaban un 4-2-3-1) provocaba que os malpicáns non lograsen combinar. A isto, hai que sumar a "espesura" dos xogadores nesta parte. A consecuencia foi que non tiveran, practicamente, ningunha ocasión clara de gol. Pola súa parte, o San Lorenzo atopouse moi cómodo, sen pasar apuros atrás, mentres que os seus mediocentros mandaban balóns longos buscando a espalda da defensa malpicán. Non obstante, so tiveron dúas oportunidades claras de gol: un man a man de Pablo no minuto 33 (que arranca en fóra de xogo) con Abraham que salva ben o gardameta, e un remate ao longueiro de Rudi (min. 45) tras un saque de esquina.

No segundo acto, o encontro cambiou por completo, pasando a dominalo por completo o Malpica. Tralo descanso, os locais cambiaron de sistema táctico, pasando a ter tres mediocentros, o que fixo que a superioridade no centro do campo dos visitantes desaparecese, provocando que a maior calidade técnica dos malpicáns se impuxese (ao que hai que sumar un cambio na actitude dos xogadores, agora máis "vivos" e agresivos). Así as cousas, os medios locais puideron combinar con máis fluidez e contactar cos atacantes, chegando moitas máis veces á área visitante. Na parcela defensiva, os escasos intentos do San Lorenzo (abusando do xogo directo) por acortar distancias, non foron suficientes para facer pasar apuros a SCD, e foron abortados con efectividade pola defensa malpicán (non houbo ningunha ocasión clara de gol para o conxunto de Berdillo).

Con esta victoria (a primeira no ano 2010), os xogadores de Manuel Agilda superan na táboa clasificatoria a varios rivais, quedando situados na 5ª posición, ademais de mantela boa xeira de resultados na Pedra Queimada. Hai que destacala efectividade goleadora na tarde de onte, posto que despois de fallar numerosas oportunidades de gol nas dúas últimas xornadas, fronte ao San Lorenzo aproveitáronse moi ben as que tiveron. A próxima semana, os malpicáns viaxan ata o campo do Zas (sólido líder), no que será, con absoluta seguridade, un dos partidos máis complicados de toda a tempada.

lunes, 11 de enero de 2010

FISTERRA 3 - MALPICA 2

SD Fisterra: Joselu; Sergio, Manuel Cartamil, Borja Blanco, Dani, Leo, Roa, Nazario,Tata (Ismael 90+1), Edi (Tati 81’), Martín (José de Anchoa 66’).

SCD Malpica: Toni; Brais, Víctor, Iago, Marco, Rancaño, Neucha, Casais (Carlitos 73’), Cheo, Charlie, Eloy (David Blanco 49’).

Árbitro: Sr. Esparís Carballo. Tivo unha boa actuación na tarde de onte e non influíu no resultado final, a pesar das constantes protestas dos xogadores de ámbolos dous equipos e das bancadas.

Goleadores: 1-0 (min.2): Gran pase de Roa entrelíñas a Nazario que bate ao gardameta visitante dende dentro da área tras gañarlle a espalda á defensa. 2-0 (min.30): Xogada por banda dereita do Fisterra, o balón queda morto na área do Malpica e Roa consegue adiantarse á defensa e ao porteiro malpicáns. 2-1 (min.39): Pase en profundidade á espalda da defensa do Fisterra que aproveita Cheo para superar a Joselu de tiro raso. 3-1 (min. 50): Tiro frouxo do fisterrán Edi dende o borde da área, o esférico estrélase no longueiro rebotando en Toni que estaba no chan despois de intentar paralo, coa mala fortuna de que o introduce na súa propia portería, a pesar dos seus esforzos por evitalo. 3-2 (min. 72): Tras un saque de banda a prol do Malpica en banda dereita, o balón cáelle a Neucha no pico da área, éste acomoda o balón para a súa perna esquerda, realiza unha xogada en paralelo á área e bate ao porteiro local cun forte disparo a escadra do pao longo.

Ambiente e Incidencias: Tarde moi fría en Ara Solís. Un centenar de persoas, aproximadamente. Non houbo tarxetas vermella nin lesionados de gravidade.

Comentario: Comezaba en Fisterra a segunda volta da Liga da Costa para a SCD Malpica, que buscaba outra victoria contra un rival ao que xa lle gañara por 5-0 na xornada inaugural. Para este encontro, Manuel Agilda tíña as baixas de Busto, Andrés (sancionado), Marcos Amado (sancionado), Manuel (lesionado) e Martín (tamén lesionado). Debido ás pésimas condicións do terreo de xogo, prevíase un partido de fútbol directo, e así foi. No primeiro tempo, os malpicáns tiveron a mala sorte de encaixar un gol nada máis comezalo encontro, o que condicionou o desenrolo posterior do mesmo. O fútbol non era moi vistoso, pois predominaban os balóns en longo e as segundas xogadas. Non obstante, a pesar das dificultades, o Malpica dispuxo de varias ocasións claras de gol, destacando ós numerosos tiros de falta botados por Neucha e nunha ocasión de Cheo (min. 28) que non atina a resolver cando estaba só na área local. Pola súa contra, o Fisterra non dispuxo de oportunidades claras nesta parte, pero si creaba perigo por medio dos seus extremos, sobre todo por banda dereita.

No segundo período, os locais conseguiron outro gol nun momento clave, pois aos cinco minutos da reanudación lograron o 3-1. A pesar do tanto (e da forma en que se produxo), a SCD Malpica non dou o partido por perdido e subiu líñas, desputándose boa parte do partido na metade do campo do Fisterra. A presión malpicán provocou que as ocasións chegaran unha detrás de outra, pero o equipo tivo a "pólvora mollada" na tarde de onte. O perigo estivo nun saque de falta botada por Neucha, nun remate de Cheo ao pao tras unha falta lateral, nunha oportunidade de David Blanco dentro da área que parou Joselu, e nun cabezazo do central Iago que se foi por moi pouco tra-lo córner botado por Neucha. No que atinxe ós locais, conscientes da súa vantaxe no marcador, limitáronse a mandar balóns longos e a defender todo o posible, pero sen crear oportunidades de marcar, salvo nos minutos finais, nos que, en pleno acoso malpicán, atoparon máis espazos. Así, cabe mencionar unha ocasión de Roa atallada por Toni e un disparo ao longueiro de José de Anchoa.

Trátase da primeira derrota da SCD Malpica despois de cinco encontros consecutivos sen perder. Sen embargo, como sucedeu a semana pasada fronte á Esteirana, o marcador no reflexa plenamente o sucedido no terreo de xogo, xa que mereceron algo máis, pois disfrutaron de máis e mellores ocasións de gol, pero o acerto en momentos clave do Fisterra (dous goles nada máis comezar cada metade) e o "meigallo" de cara a portería do Malpica nos dous últimos encontros propiciaron a derrota. A pesar de todo, hai que destacala entrega dos xogadores e a súa capacidade para adaptarse ás malas condicións do terreo de xogo, que non beneficia para nada ao seu estilo de xogo. A vindeira semana, a SCD recibe na Pedra Queimada a un dos equipos máis en forma do campionato, o San Lorenzo.

Por outro lado, hai que denuncialo estado no que se atopa o campo de Ara Solís, xa que as lamentables condicións do terreo de xogo implican un grave risco para a integridade física dos xogadores. Por iso debe esixírselle, por un lado, á Federación Galega de Fútbol que antes de autorizar un encontro comprobe o estado do campo no que se vai desputar (pois unha das súas responsabilidades é a de velar pola seguridade dos seus federados), e, por outro lado, á Administración Pública competente que tome as medidas oportunas para arranxalas instalacións deportivas coa maior brevedade posible.

lunes, 4 de enero de 2010

MALPICA 0 - ESTEIRANA 0

SCD Malpica: Abraham; Brais, (Eloy 49’), Víctor, Iago, (Martín 76’), Marco, Charlie, Marcos Amado, Rancaño, David Blanco, Andrés, ((Manu Pardo 55’), Cheo.

SD Esteirana: Luky; Chispi, Español, Adelino, Maceiras, Pichu, Iago, Álex, Tarujo, (Cristian 85’), Alberto, Adrián, (Andel 59’).

Árbitro: Sr. Adrián Barros . (A Coruña). Boa actuación do colexiado en termos xerais, nun partido que non tivo accións especialmente complicadas. Non obstante, medidada a segunda metade non sinalou un claro penalty cometido polo gardameta da Esteirana sobre o dianteiro local Cheo cando éste o intentou recortar nunha internada na área.

Ambiente e Incidencias: Boa temperatura para a época do ano na que nos atopamos e tarde bastante soleada. Unhas 100 persoas na Pedra Queimada. Retiráronse con molestias na segunda metade o mediocentro Andrés (esguince de nocello) e o central Iago (problemas musculares nun muslo), ámbolos dous xogadores da SCD Malpica.

Comentario: Primeiro partido do ano 2010 para a SCD Malpica, que recibía na Pedra Queimada ao recén ascendido Esteirana, que se atopaba na parte baixa da táboa. Para este encontro, os locais tiñan as baixas de Toni, Alfredo II, Casais, Neucha, Carlitos e Busto, pero recuperaba a Cheo despois de 6 partidos sancionado federativamente. O encontro comezou moi igualado, cunha Esteirana moi ben plantada no terreo de xogo e coas ideas moi claras, que puxo en apuros aos locais en varias ocasións. O Malpica, quizáis froito dunha excesiva relaxación, mostrouse moi impreciso neste primeiro tempo, tanto en ataque como en defensa, dando a sensación de que andaba "cunha marcha menos". Non obstante, nos momentos en que o equipo tratou de combinar en corto as ocasións de gol chegaron, mediante un tiro lonxado de Marcos Amado, de varios disparos de Rancaño, un remate de cabeza ao longueiro de Cheo e un tiro cruzado de David Blanco. Os visitantes deron sensación de perigo, pero so contaron coas ocasións claras de Álex ao comezalo partido e por medio de Alberto.

No segundo acto, o panorama foi moi distinto, posto que o Malpica dominou o partido completamente, metendo aos visitantes no seu terreo de xogo durante os 45 minutos, e tendo unha moitas oportunidades de gol, pero non foi quen de materializalas por diferentes motivos. A pesar de que o esquema táctico era o mesmo que o do comezo, mudou a actitude dos xogadores, que presionaron mellor e tamén se mostraron máis agresivos. Cabe destacar outro balón que se estrelou no longueiro visitante tras unha falta botada por Manuel e as varias que tivo o dianteiro David Blanco (ademais do penalty sobre Cheo non pitado). Pola súa parte, a Esteirana tivo algunha ocasión illada ao contragolpe, tendo Iago a mellor delas nun man a man que salvou o meta Abraham e outra nas botas de Álex tras un despexe defectuoso do mesmo porteiro.

En resumo, foi un encontro con dúas partes moi diferenciadas, e no que a SCD Malpica mereceu claramente a victoria, pois quizáis foi o partido no que disfrutou de máis ocasións de gol en toda a tempada, pero non logrou convertilas. Hai que destacala orde e a actitude da Esteirana, especialmente durante o primerio período, que non se corresponderon coa posición que ocupa na táboa clasificatoria. Despois desta xornada, remata a primeira volta da Liga da Costa, na que o Malpica se sitúa nunha cómoda sexta posición sumando 30 puntos, situación moi diferente a de outras tempadas. A vindeira semana, o equipo adestrado por Manuel Agilda viaxa ata Fisterra para afrontar un partido que seguro será moi complicado e reñido.