lunes, 11 de enero de 2010

FISTERRA 3 - MALPICA 2

SD Fisterra: Joselu; Sergio, Manuel Cartamil, Borja Blanco, Dani, Leo, Roa, Nazario,Tata (Ismael 90+1), Edi (Tati 81’), Martín (José de Anchoa 66’).

SCD Malpica: Toni; Brais, Víctor, Iago, Marco, Rancaño, Neucha, Casais (Carlitos 73’), Cheo, Charlie, Eloy (David Blanco 49’).

Árbitro: Sr. Esparís Carballo. Tivo unha boa actuación na tarde de onte e non influíu no resultado final, a pesar das constantes protestas dos xogadores de ámbolos dous equipos e das bancadas.

Goleadores: 1-0 (min.2): Gran pase de Roa entrelíñas a Nazario que bate ao gardameta visitante dende dentro da área tras gañarlle a espalda á defensa. 2-0 (min.30): Xogada por banda dereita do Fisterra, o balón queda morto na área do Malpica e Roa consegue adiantarse á defensa e ao porteiro malpicáns. 2-1 (min.39): Pase en profundidade á espalda da defensa do Fisterra que aproveita Cheo para superar a Joselu de tiro raso. 3-1 (min. 50): Tiro frouxo do fisterrán Edi dende o borde da área, o esférico estrélase no longueiro rebotando en Toni que estaba no chan despois de intentar paralo, coa mala fortuna de que o introduce na súa propia portería, a pesar dos seus esforzos por evitalo. 3-2 (min. 72): Tras un saque de banda a prol do Malpica en banda dereita, o balón cáelle a Neucha no pico da área, éste acomoda o balón para a súa perna esquerda, realiza unha xogada en paralelo á área e bate ao porteiro local cun forte disparo a escadra do pao longo.

Ambiente e Incidencias: Tarde moi fría en Ara Solís. Un centenar de persoas, aproximadamente. Non houbo tarxetas vermella nin lesionados de gravidade.

Comentario: Comezaba en Fisterra a segunda volta da Liga da Costa para a SCD Malpica, que buscaba outra victoria contra un rival ao que xa lle gañara por 5-0 na xornada inaugural. Para este encontro, Manuel Agilda tíña as baixas de Busto, Andrés (sancionado), Marcos Amado (sancionado), Manuel (lesionado) e Martín (tamén lesionado). Debido ás pésimas condicións do terreo de xogo, prevíase un partido de fútbol directo, e así foi. No primeiro tempo, os malpicáns tiveron a mala sorte de encaixar un gol nada máis comezalo encontro, o que condicionou o desenrolo posterior do mesmo. O fútbol non era moi vistoso, pois predominaban os balóns en longo e as segundas xogadas. Non obstante, a pesar das dificultades, o Malpica dispuxo de varias ocasións claras de gol, destacando ós numerosos tiros de falta botados por Neucha e nunha ocasión de Cheo (min. 28) que non atina a resolver cando estaba só na área local. Pola súa contra, o Fisterra non dispuxo de oportunidades claras nesta parte, pero si creaba perigo por medio dos seus extremos, sobre todo por banda dereita.

No segundo período, os locais conseguiron outro gol nun momento clave, pois aos cinco minutos da reanudación lograron o 3-1. A pesar do tanto (e da forma en que se produxo), a SCD Malpica non dou o partido por perdido e subiu líñas, desputándose boa parte do partido na metade do campo do Fisterra. A presión malpicán provocou que as ocasións chegaran unha detrás de outra, pero o equipo tivo a "pólvora mollada" na tarde de onte. O perigo estivo nun saque de falta botada por Neucha, nun remate de Cheo ao pao tras unha falta lateral, nunha oportunidade de David Blanco dentro da área que parou Joselu, e nun cabezazo do central Iago que se foi por moi pouco tra-lo córner botado por Neucha. No que atinxe ós locais, conscientes da súa vantaxe no marcador, limitáronse a mandar balóns longos e a defender todo o posible, pero sen crear oportunidades de marcar, salvo nos minutos finais, nos que, en pleno acoso malpicán, atoparon máis espazos. Así, cabe mencionar unha ocasión de Roa atallada por Toni e un disparo ao longueiro de José de Anchoa.

Trátase da primeira derrota da SCD Malpica despois de cinco encontros consecutivos sen perder. Sen embargo, como sucedeu a semana pasada fronte á Esteirana, o marcador no reflexa plenamente o sucedido no terreo de xogo, xa que mereceron algo máis, pois disfrutaron de máis e mellores ocasións de gol, pero o acerto en momentos clave do Fisterra (dous goles nada máis comezar cada metade) e o "meigallo" de cara a portería do Malpica nos dous últimos encontros propiciaron a derrota. A pesar de todo, hai que destacala entrega dos xogadores e a súa capacidade para adaptarse ás malas condicións do terreo de xogo, que non beneficia para nada ao seu estilo de xogo. A vindeira semana, a SCD recibe na Pedra Queimada a un dos equipos máis en forma do campionato, o San Lorenzo.

Por outro lado, hai que denuncialo estado no que se atopa o campo de Ara Solís, xa que as lamentables condicións do terreo de xogo implican un grave risco para a integridade física dos xogadores. Por iso debe esixírselle, por un lado, á Federación Galega de Fútbol que antes de autorizar un encontro comprobe o estado do campo no que se vai desputar (pois unha das súas responsabilidades é a de velar pola seguridade dos seus federados), e, por outro lado, á Administración Pública competente que tome as medidas oportunas para arranxalas instalacións deportivas coa maior brevedade posible.

0 comentarios:

Publicar un comentario