martes, 31 de mayo de 2011

PRENSA

O diario deportivo Depor Sport ven de publicar un resumo da Liga da Costa 2010/2011, situando ao malpicán Neucha no equipo ideal. Aquí se pode ler.

lunes, 30 de mayo de 2011

COPA DA COSTA 2011: CUARTOS DE FINAL (IDA)

Nantón 3 - Camariñas 1

Soneira 1 - Dumbría 0

Xallas 3 - Outes 0

Castriz 1 - Cee 2

viernes, 27 de mayo de 2011

PRENSA

Declaracións de Manuel Agilda, adestrador do primeiro plantel da SCD Malpica, no diario Depor Sport o pasado martes. Aquí se poden ler.

lunes, 23 de mayo de 2011

COPA DA COSTA: OITAVOS DE FINAL (VOLTA)

Nantón 1 - Malpica 0 (resultado global: 1-0)
Camariñas 6 - Independiente 1 (resultado global: 6-4)

Coristanco 0 - Soneira 4 (resultado global: 0-7)
Dumbría 8 - Cabana 1 (resultado global: 10-1)

Sofán 1 - Xallas 1 (resultado global: 2-3)
Muxía 1 - Outes 5 (resultado global: 1-7)

Castriz 2 - Corcubión 0 (resultado global: 2-1)
Cee 3 - San Lorenzo 1 (resultado global: 3-2)

# en negrita os equipos clasificados para os cuartos de final.

COPA DA COSTA OITAVOS DE FINAL (VOLTA): NANTÓN 1 - MALPICA 0

CD NANTÓN: Martín, Diego (Carlos min.119), Cristian (David Lareu min.119), Félix, Sito, Carlos Vidal, Fabio, Víctor Amado, Luís, Manolo Cruceiro, Javi (Rubén min.51).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago, Nando (Miguel min.91), Neucha, Casais (Cheo min.46), David Blanco, Ismael (Manu Pardo min.46), Eloy.

Árbitro: Lens Ares. Para non perdela costume, o colexiado volveu a ter unha actuación mala que perxudicou ao Malpica. Non cortou en ningún momento o xogo duro dos locais (apenas sacou cartóns amarelos) e sempre picou ante os finximentos dos xogadores do Nantón que esaxeraron en varias ocasións. Expulsou por cartón vermello direto ao visitante Manu Pardo no minuto 80 por empurrar a un xogador local despois de recibir unha dura entrada, pero sen haber agresión nin insultos polo medio. Tamén expulsou ao malpicán Iago por unha entrada sobre Manolo Cruceiro no minuto 90 cando era o derradeiro defensor, pero se a expulsión é xusta, hai que decir que o xogador do Nantón se atopaba en fóra de xogo no inicio da xogada cando recibe un pase coa cabeza de Luís (aquí fallou o linier Vázquez Pasanante que estivo de pena, especialmente a partir do descanso). Por se fose pouco, o gol do Nantón veu precedido por unha clarísima falta a Suso, gardameta do Malpica, que nin o árbitro nin o linier (neste caso Eloy Galán) viron ou non quixeron ver, pois nun saque de esquina non pode collelos descolocados.

Incidencias: Boa entrada e bo ambiente no campo, con preto de 200 afeccionados. Tarde gris e con lixeiro vento, pero cunha temperatura propicia para xogar ao fútbol. O local Javi tivo que ser sustituído tras mancarse nun xeonllo nun choque co seu propio compañeiro de equipo Luís. Como se acaba de expoñer, foron expulsados os xogadores do Malpica Manu Pardo e Iago. Dende este blog quero agradecer o apoio da afección do Malpica que animaron á SCD incondicionalmente, tanto no partido de ida como neste de volta, sendo maioría nas bancadas, e pedirlles disculpas por esta eliminación ante un rival de categoría inferior.

Goles: 1-0 (min.117): Saque de esquina dende o córner esquerdo a favor do Nantón botado por Fabio que remata de cabeza Carlos Vidal á altura do punto de penalti, pero despois dunha falta dun xogador local a Suso que lle obstaculiza a saída dentro da área pequena.

Crónica: Despois do empate a cero goles na Pedra Queimada, a SCD Malpica viaxaba ata Nantón cun resultado bastante favorable, pois un gol case lle aseguraba o pase aos cuartos de final da Copa da Costa. Ademais, á diferencia de outros campos de herba natural (como por exemplo o do Alcaián), o campo do Nantón mostraba un aceptable firme e unhas dimensións propicias para os malpicáns. Manuel Agilda contaba coas baixas dos lesionados Marco e Diego, os dous con problemas musculares. O partido comezou mal para o equipo costeiro, pois na primeira metade non deixaron boas sensacións, con momentos as veces de apatía e con falta de intensidade, o que propiciou que o Nantón gañase a maioría dos balóns divididos e as segundas xogadas. Os locais limitáronse a enviar constantes balóns en longo cara os seus dianteiros, o que lle creou problemas ao Malpica pois había moita distancia entrelíñas e a presión era escasa sobre a saída do balón. Ademais, en ataque apenas lograron combinar con continuidade e non fixeron valer a súa mellor técnica. Sen embargo, a pesar de estar lonxe do seu mellor nivel, tiveron tres ocasións claras: un tiro cruzado de David Blanco que marchou rozando o pao dereito; unha vaselina do propio David tras un pase en profundidade de Eloy que rexeitou o pao esquerdo da portería defendida por Martín; e un cabezazo de Casais no borde da área pequena tras un centro dende a esquerda de Neucha que parou fenomenalmente Martín. Pola contra, o Nantón chegou en varias oportunidades a área de Suso, sendo as accións máis perigosas unha semivolea de Luís dende o borde da área que marchou alto por pouco e nun libre indirecto que Suso rexeitou cunha gran parada.

No segundo tempo o Malpica subio a intensidade e tocou con máis criterio, agora tendo a posesión do balón e tratando de combinar dende atrás, dando a sensación de ir de verdade pola eliminatoria (no partido de ida sucedeu algo semellante, pois na primeira metade tamén xogaran cunha "marcha de menos"). Sen embargo, faltou desborde nos metros finais, e ese dominio non se veu reflexado en oportunidades de gol. Si tiveron unha oportunidade de gol moi clara tras un centro de Neucha dende a esquerda que David Blanco non atina a rematar correctamente cando se atopaba libre de marca no corazón da área. O Nantón continuou fiel ao seu estilo, xogando un fútbol directo e sen complicarse atrás, pero nestes segundos 45 minutos apenas crearon perigo, e tan só fixeron dano por medio de Luís convertido en extremo dereito.

Co 0-0 chegouse ao final do tempo reglamentario, polo que debía de disputarse a prórroga. O Malpica con nove xogadores aguantou moi ben os primeiros 15 minutos, replegados atrás e buscando un contragolpe que lle permitise marcar, ante un Nantón que nin en superioridade numérica logrou combinar. É de resaltar o enorme esforzo que fixeron os malpicáns, pois non é nada doado aguantar tantos minutos (máis de 40 con dez xogadores e máis de 30 con nove) nun campo tan longo e ancho como o do Nantón. O gol local, na recta final do encontro, lonxe de afundir aos visitantes, provocou que se foran arriba sabedores de que non tiñan nada que perder, e mesmo dispuxeron de dúas accións para poder marcar: un cabezazo de Charlie que remata forzado saindo alto, e unha chilena de Neucha dende o punto de penalti que detivo Martín.

Saltou a sorpresa nesta eliminatoria, pois a SCD Malpica (actual semifinalista da Copa da Costa) quedou eliminada ante un rival da Terceira Rexional (ainda que é o vixente campeón), o que pon fin a unha tempada regular. Se ben é certo que a actuación arbitral foi decisiva neste partido, non é menos certo que non lograron marcarlle nin un gol en más de 210 minutos e que estiveron a un nivel inferior do amosado na eliminatoria precedente fronte ao Muros (sobre todo nas dúas primeiras metades).

jueves, 19 de mayo de 2011

PREVIA

Partido de volta dos oitavos de final da Copa da Costa:

- Domingo, día 22 de maio, ás 18:00 horas: Nantón - SCD Malpica.

lunes, 16 de mayo de 2011

RESULTADOS DA IDA DOS OITAVOS DE FINAL DA COPA DA COSTA 2011

Malpica 0 - Nantón 0
Independiente 3 - Camariñas 0

Soneira - Coristanco (xogan martes ás 18:00 h.)
Cabana 0 - Dumbría 2

Xallas 2 - Sofán 1
Outes 2 - Muxía 0

Corcubión 1 - Castriz 0
San Lorenzo 1 - Cee 0

COPA DA COSTA 2011 OITAVOS DE FINAL (IDA): MALPICA 0 - NANTÓN 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago, Nando (Casais min.82), Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Ismael min.47), Eloy (Manu Pardo min.48).

CD NANTÓN: Martín, Diego, Cristian, Félix, Sito, Carlos Vidal, Fabio (Martín Suárez min.91), Víctor Amado, Luis, Manolo Cruceiro (Rubén min.83), Javi.

Árbitro: Hermo Alonso. Boa labor a que desenvolveu na tarde de onte, dialogante cos xogadores, sen abusar dos cartóns e moi encima do xogo. Indicou unha pena máxima a favor do Malpica por derribo claro de Carlos Vidal a Cheo antes do descanso. Sen embargo, equivocouse ao non indicar outro penalti a prol dos malpicáns cando no minuto 50 Neucha interna na área nunha boa xogada individual resultando derribado por Félix que se desentende totalmente do balón. O colexiado estivo ben asistido por Lorena Sánchez e Eloy Galán que non tiveron complicacións.

Incidencias: Gran ambiente na Pedra Queimada, con máis de 200 espectadores que animaron aos locais dende o primeiro minuto ata o final. Tarde soleada pero cun forte vento que condicionou notablemente o xogo. O mediocentro malpicán Andrés tivo que ser sustituido por problemas físicos na planta do pé esquerdo. Non houbo expulsións.

Crónica: Comezaban os oitavos de final desta edición da Copa da Costa para a SCD Malpica que viña de eliminar na rolda anterior ao Muros, un dos grandes favoritos. O rival era o Nantón, equipo moi perigoso (é o actual campeón da Terceira Rexional) e que eliminara a O Pindo en dezaseisavos. O adestrador local, Manuel Agilda, contaba coa única baixa do capitán Marco, lesionado nun abductor. O encontro estivo totalmente condicionado polo forte vento de nordés que soplou durante os 90 minutos (na primeira metade a favor do Malpica), que dificultaba enormemente o xogo combinativo, provocaba numerosos erros de cálculo sobre a traxectoria do balón e facía moi complicado ter precisón nos pases en profundidade. Os locais non estiveron moi finos na primeira metade, pois a pesar de controlala posesión non lograron movelo esférico con fluidez, pois quizáis faltou algo de movilidade, e abusando a veces do balón en longo. Si lograron mandar varios centros á área visitante dende as bandas, pero que case nunca atoparon rematador ou ben eran atallados por un atento Martín. Resultado de tal circunstancia foi que non dispuxeron de moitas ocasións de gol, destacando dúas: un disparo dende a frontal da área de Andrés que saiu rozando o pao dereito e un disparo de Charlie tras un pequeno barullo na área que rexeitou un defensa na área pequena. O Nantón mostrouse como un equipo correoso, con moita intensidade dende o primeiro minuto, pero con falta de fútbol para sacalo coiro controlado, e por iso tentaban de crear perigo mediante envíos en longo e a balón parado. Non obstante, apenas lograron chegar á área de Suso e non tiraron con perigo entre os tres paos durante os primeiros 45 minutos. Unha das claves do encontro chegaría preto do descanso, cando o malpicán Neucha mandou alto un penalti cometido sobre Cheo.

No segundo acto o Malpica saiu cun punto máis de intensidade e de movilidade, pois co ritmo lento do primeiro quedou demostrado que ían ter dificultades para marcar. Pero o vento en contra puxo moitas trabas ao fútbol que pretendían desenvolver, e a pesar de sacar case sempre o balón controlado dende atrás as imprecisións foron numerosas. Conseguiron chegar con relativa facilidade a zona de tres cuartos de campo, creando perigo especialmente por banda dereita, pero volveu a faltar acerto nos metros finais para aproveitar as internadas e centros. Contaron con poucas oportunidades claras: unha xogada de Cheo pola dereita que penetra na área pero o seu disparo raso rexéitao Martín e un disparo de Neucha coa perna dereita á altura do punto de penalti pero que sae frouxo e atalla o propio Martín. O Nantón continuo ben organizado, xuntando moitos homes no mediocampo e deixando a un ou dous xogadores para tratar de sorprender con envíos longos, aproveitando o feito de ter o aire a favor, pero apenas crearon perigo. Sen embargo, tiveron unha ocasión moi boa para marcar tras un centro ao segundo pao onde se atopaba Luis que cede atrás para Víctor Amado que dispara fóra cando se atopaba nunha posición franca para marcar.

Ao final, como case sempre que o vento como o de onte fai acto de presencia na Pedra Queimada, o resultado foi de 0-0, deixando a eliminatoria totalmente aberta. A SCD foi superior, pero atopouse cun Nantón ben armado e con xogadores moi veteranos que non perderon a compostura en ningún momento, ademais de faltarlle un pouco de intensidade durante a primeira parte. O resultado non se pode considerar de malo, pois calquera empate con goles clasificaos, pero deberán sair concentrados ao 100% dende o pitido inicial, como xa fixeron nos encontros de volta das eliminatorias anteriores, sabedores de que vai ser un partido moi complicado.

jueves, 12 de mayo de 2011

PREVIA

Comezan os oitavos de final da Copa da Costa 2011:

- Domingo, día 15 de maio, ás 18:30 horas: SCD Malpica - Nantón, na Pedra Queimada.

martes, 10 de mayo de 2011

RESULTADOS DA 34ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Vimianzo 1 - Dumbría "B" 3

Porteño 2 - Corme 0

Buño 1 - Sofán 2

O Pindo 3 - Muros 2

Fisterra 1 - Club do Mar 2

Esteirana 4 - Carnota 3

Malpica 4 - Camariñas 4

San Lorenzo 6 - Castriz 2

Baio 5 - Ponteceso 4

LIGA DA COSTA 34ª XORNADA: MALPICA 4 - CAMARIÑAS

SCD MALPICA: Suso (Víctor Martínez min.46), Casais, Marcos Amado (Diego min.46; Iago min.81), Gonzalo, Víctor, Ismael, Neucha, Nando (Miguel min.46), David Blanco, Manu Pardo, Eloy (Miguel Dourado min.46).

CAMARIÑAS CF: Pablo, Gabi (Nico min.46), Breo (Maikel min.46), Antelo, Alberto, Moriño, Brais, Carlos, Josiño (De la Sierra min.88), Javi (Jesús min.75), Juan Carlos.

Árbitro: Pardiñas García. Estivo ben, nun partido con escasas accións controvertidas. Sen embargo, tivo erros de apreciación á hora de sinalar os fóras de xogo.

Incidencias: Tarde con claros e nubes, cunha temperatura ideal para a práctica do deporte. Sobre 100 espectadores na Pedra Queimada. Non houbo expulsións. O xogador malpicán Diego tivo que ser sustituído por un tirón nun abductor.

Goleadores: 1-0 (min.3): Nando bota un saque de esquina dende o córner esquerdo do ataque malpicán e Neucha remata en semivolea no segundo pao anotando un golazo. 2-0 (min.19): Manu Pardo asiste en profundidade cara Neucha que entra na área por banda esquerda e bate a Pablo polo primeiro pao. 2-1 (min.53): Josiño marca dende dentro da área tras recibir un pase de Javi. 2-2 (min.56): Juan Carlos recibe un pase en profundidade, plántase só ante Víctor Martínez e marca no man a man. 3-2 (min.67): Miguel envía un gran pase cara David Blanco e este anota de vaselina nun gran gol. 3-3 (min.79): Brais recibe dentro da área, anotando ante a saída do gardameta. 4-3 (min.81): David Blanco remata un centro de Miguel Dourado. 4-4 (min.88): Saque de banda a prol do Camariñas, hai varios rexeites, caéndolle o balón a Nico no borde da área que marca cunha boa volea.

Crónica: Derradeiro partido para o Malpica na Liga da Costa 2011, e para despedila tempada ligueira recibía na Pedra Queimada ao Camariñas, subcampeón do torneo. Manuel Agilda fixo varios cambios na alineación con respecto ao equipo que xogou sábado, contando coa baixa obligada de Marco (lesionado nun abductor). Os malpicáns comezaron ben o encontro, sumando dous goles de vantaxe en apenas 20 minutos (ademais dun cabezazo de Neucha que rexeitou a cruceta dereita) pero a partir dese momento comezaron a xogar de xeito un tanto anárquico, con imprecisións, e non volveron a crear perigo sobre a área dos visitantes. O Camariñas mostrouse moi inseguro en defensa, pero en ataque creou varias oportunidades de gol gracias á calidade dos seus atacantes, pero as boas intervencións do meta local Suso e a falta de puntería noutras ocasións provocaron que quedasen sen marcar nesta primeira parte; destacaron as seguintes accións: un man a man de Brais ante Suso que rexeita o gardameta; un disparo de Javi dende o punto de penalti que sae fóra; e unha acción de Juan Carlos que culmina cun disparo que sae fóra.

Despois dun primeiro acto un tanto descafeinado (xa que ningún dos dous conxuntos se xogaba nada), o segundo tempo comezou cun Camariñas decidio á remontalo encontro. Os locais, que introduciron numerosos cambios no tempo de descanso (con tres xuvenís no equipo), comezaron os segundos 45 minutos bastante relaxados, e ata que se viron igualados no marcador non levaron perigo á área visitante. Nos últimos 25 minutos o xogo volveuse tolo, con pouco rigor táctico, e as aproximacións con perigo foron a tónica no treito final da contenda. A pesar de adiantarse por dúas veces no marcador nos minutos finais, o Malpica non puido despedirse cunha vitoria ante a súa afección.

Remata así a tempada 2010/2011 da Liga da Costa para a SCD Malpica, onde finalmente rematou no noveno posto da clasificación. Foi unha tempada irregular, a pesar de que lograron plantarlle cara a tódolos rivais, pero os excesivos "pinchazos" ante rivais da zona baixa da táboa clasificatoria e os erros arbitrais en contra que sufriron en numerosos encontros, unido ao malo remate de liga (un punto dos derradeiros 15 en xogo), provocaron que acabasen nunha posición que quizáis non mereceron. Agora queda centrarse na Copa da Costa.

lunes, 9 de mayo de 2011

RESULTADOS DOS DEZASEISAVOS DA COPA DA COSTA (VOLTA)

Muros 1 - Malpica 3 (resultado global 2-5)
O Pindo 2 - Nantón 5 (resultado global 3-6)

Corcoesto 1 - Independiente 3 (resultado global 3-5)
Camariñas 2 - Laxe 0 (resultado global 3-0)

Club do Mar 0 - Soneira 1 (resultado global 1-2)
Corme 4 - Coristanco 4 (resultado global 6-9)

Fisterra 2 - Cabana 2 (resultado global 3-3)
Dumbría 2 - Esteirana 2 (resultado global 4-4, o Dumbría pasa por penaltis)

Xallas 1 - Cerqueda 0 (resultado global 2-0)
Zas 0 - Sofán 2 (resultado global 2-7)

Lira 0 - Outes 4 (resultado global 0-8)
Muxía 2 - Porteño 1 (resultado global 3-2)

Carnota - Corcubión (o Carnota non se presentou)
Buño 0 - Castriz 1 (resultado global 0-2)

San Lorenzo - Xaviña (o Xaviña non se presentou)
Ponteceso 2 - Cee 3 (resultado global 3-4)

# en negrita os equipos clasificados para os oitavos de final

COPA DA COSTA DEZASEISAVOS (VOLTA): MUROS 1 - MALPICA 3

MUROS SD: Lupi (Yago min.80), Manu, Iván Cerilla (Berni min.70), Gael (Vistete min.80), Mayuyo, Dani (Gabo min.77), Toni, Varito, Yanky, Bibi (David min.74), Cexo.

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Iago, Marco (Víctor min.60), Eloy (Manu Pardo min.72), Neucha, Cheo (Casais min.70), David Blanco, Andrés, Nando (Ismael min.65).

Árbitro: Sergio Rodríguez Tajes. Comezou o encontro bastante "caseiro", sacando varios cartóns aos malpicáns por protestas leves e deixando sen sancionar idénticas protestas locais. Na segunda metade estivo moi ben, pitando con idéntico criterio para ámbolos dous lados.

Incidencias: Tarde gris, con vento e con choiva intermitente durante o encontro. Un cento de persoas en Miraflores. Non houbo expulsados. O malpicán Marco tivo que ser sustituído ao sufrir un pinchazo muscular nun abductor.

Goles: 0-1 (min.20): Pase de Cheo dende a banda dereita cara David Blanco que lle gaña as costas aos centrais e bate a Lupi de tiro raso cruzado coa zurda. 1-1 (min.29): Saque de esquina que bota Cexo, Yanky cabecea no segundo pao e Iván Cerilla marca de cabeza dende dentro da área pequena. 1-2 (min.62): Neucha saca unha falta dende a banda dereita do ataque malpicán, o esférico diríxese cara o punto de penalti onde aparece Charlie que remata sen oposición. 1-3 (min.69): Cheo rouba un balón na posición de extremo dereito, penetra na área e é derrubado por por Iván Cerilla. Neucha marca o penalti cun forte disparo coa zurda.

Crónica: Despois do 2-1 na ida, a eliminatoria dos dezaseisavos de final da Copa da Costa 2011 entre Malpica e Muros estaba totalmente aberta, polo que os malpicáns deberían de loitar moito para pasar aos oitavos ante un rival que se lles da realmente mal, sobre todo cando visitan Miraflores. Manuel Agilda contaba con tódolos seus xogadores para este trascendental encontro. O Malpica comezou moi ben o partido, serios dende o pitido inicial, xuntos á hora de presionar e facendo moito dano á defensa local a través de transicións rápidas, superando claramente ao Muros nos primeiros 25 minutos. Mostra delo foron as numerosas ocasións das que dispuxeron en tan pouco tempo: unha falta botada por Neucha que Lupi atalla con problemas; un man a man de David Blanco tras un bo servicio en profundidade de Eloy, pero o balón sáelle longo tras driblar ao gardameta; un disparo de Eloy que detén Lupi; outra falta de Neucha botada con moita potencia que de novo despexa o porteiro local; e unha semivolea de David Blanco dende o pico dereito da área que Lupi (o mellor xogador do Muros nos dous partidos) manda a córner cunha espectacular intervención. Sen embargo, cando semellaba que os visitantes podían sentenciala eliminatoria en calquera momento, chegou o empate tras un saque de esquina, o que devolvía a emoción ao marcador. O Muros só foi quen de crear perigo a balón parado, o auténtico punto forte deste coxunto no seu feudo dado as reducidas dimensións do terreo de xogo. Nos últimos 15 minutos da primeira metade o encontro entrou nunha fase máis calmada e sen apenas accións de perigo.

Durante o primeiro cuarto de hora da segunda parte a igualdade foi maior, cun Muros que tentaba enviar balóns aos seus rápidos atacantes pero a defensa visitante mostrouse moi sólida, e tan só crearon certa sensación de perigo de novo a balón parado, especialmente nun cabezazo de Mayuyo que se foi desviado. O Malpica continuou xogando moi concentrado e buscando aproximarse á área contraria a través de pases en profundidade, tratando de aproveitar a boa forma que mostraron os seus dianteiros na tarde do sábado. O gol de Charlie no minuto 62 sentenciou a eliminatoria (xa que os locais necesitaban agora tres goles), a partir dese momento o partido foi un monólogo dos malpicáns, que pasaron a monopolizala posesión do balón, xogando con criterio no mediocampo e sen pasar ningún tipo de apuro, algo que se volveu máis evidente co 1-3 que disipou calquera tipo de incertidume.

Partido moi completo o que realizou a SCD Malpica, dende o primeiro minuto ata o noventa, superando novamente ao Muros como xa sucedera no partido de ida, onde (de novo) o porteiro local Lupi salvou ao seu equipo dunha goleada maior. Quizáis foi un dos mellores encontros que xogou o conxunto de Agilda en toda a tempada, ante un rival que era un dos favoritos para chegar moi lonxe nesta edición da Copa da Costa. O próximo rival da SCD nos oitavos de final será o Nantón, actual campeón da Terceira Rexional, e que lle creará moitas dificultades ao conxunto costeiro (pois tan só perderon un partido en toda a tempada).

jueves, 5 de mayo de 2011

PREVIA

Volta dos dezaseisavos de final da Copa da Costa 2011:

- Sábado día 7 de maio, ás 17:00 horas: Muros - SCD Malpica, no campo de Miraflores.

martes, 3 de mayo de 2011

RESULTADOS DA 33ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Club do Mar 3 - O Pindo 0

Dumbría "B" 1 - Baio 4

Sofán 6 - Vimianzo 0

Muros 4 - Porteño 2

Carnota 5 - Fisterra 3

Camariñas 3 - Esteirana 1

Castriz 4 - Malpica 3

Ponteceso 3 - San Lorenzo 1

Corme 1 - Buño 2

LIGA DA COSTA 33ª XORNADA: CASTRIZ 4 - MALPICA 3

SD CASTRIZ: Pejo, Chinda (Dani min.46), Sergio Pose, Álex, Toniño, Alberto (Suso min.53), Cilindro, Bruno, Sebas, Mauri, Rubén (Martín min.57).

SCD MALPICA: Víctor Martínez, Charlie (Iago min.46), Víctor (Marcos Amado min.63), Gonzalo, Marco, Ismael, Neucha, Casais, Miguel, Manu Pardo, Nando (Eloy min.46).

Árbitro: Álvarez Vega. Boa labor a que desenvolveu este domingo, axudado polo comportamento de ámbolos dous conxuntos. Os malpicáns protestaron no segundo gol un posible fóra de xogo de Sebas que arranca en posición moi dubidosa.

Incidentes: Pouco público en San Andrés, con medio centenar de espectadores, nunha tarde gris. Non houbo lesionados de gravidade nin expulsados.

Goleadores: 0-1 (min.19): Casais recibe o balón na parte dereita da área, recorta cara adentro e marca coa zurda. 1-1 (min.40): Sebas recibe no borde da área e bate a Víctor de tiro raso. 2-1 (min.43): Pase en profundidade cara Sebas que se planta só ante Víctor definindo no man a man. 2-2 (min.47): Balón en longo cara Neucha, Pejo sae pero choca cun defensa local, quedando o balón morto para que o propio Neucha marque a placer. 2-3 (min.49): Ismael faise cun rexeite do gardameta local e marca dende case o medio do campo cun tiro moi axustado. 3-3 (min.67): Balón colgado sobre a frontal da área do Malpica, Dani faise co rexeite, entra na área e marca de tiro cruzado coa dereita. 4-3 (min.85): Centro ao segundo pao dende a banda dereita, Dani controla e marca polo primeiro pao.

Crónica: Despois de xogalo sábado ante o Muros na Copa da Costa, a SCD Malpica viaxaba a Castriz para afrontalo derradeiro encontro como visitante na liga neste curso futbolístico 2010/11. Manuel Agilda, adestrador malpicán, contaba con numerosas baixas para esta xornada: Diego (lesionado), Andrés (sancionado), David Blanco (con problemas físicos) e Suso (por motivos persoais). O partido comezou un tanto descafeinado, posto que os dous conxuntos case non se xogaban nada (ademais víñan de xogar copa o sábado), e durante os primeiros 15 minutos predominou o xogo no mediocampo e sen apenas oportunidades de gol. Os malpicáns, con dous xuvenís no once inicial, tratou de crear perigo en combinacións en curto, e despois dunha oportunidade de Neucha tras un pase de Manu Pardo que rexeitou Pejo, lograrían adiantarse por medio de Casais. A partir de ahí, o Castriz estirouse un pouco máis, comezando a mandar constantes balóns en longo cara os seus rápidos atacantes, tratando de aproveitarse da adiantada defensa visitante, pero caeron en numerosos fóras de xogo. Sebas foi o que levou máis perigo, e tivo unha gran ocasión tras penetrar na área, pero Víctor Martínez mandou a saque de esquina co pé.

No segundo tempo, o Malpica pronto lle deu a volta ao marcador, aproveitándose dos erros do gardameta local, controlou a posesión do balón e realizou varias xogadas de mérito, pero apenas mostraron profundidade, pois só sumaron unha ocasión máis por medio dun centro-chut de Marcos Amado que Pejo sacou con moitos apuros. A medida que os minutos pasaban, o Castriz puxo máis intensidade que os malpicáns, intentando chegar á área visitante a través de balóns en longo, pero tampouco lograron ter oportunidades claras, destacando unha no primeiro minuto deste segundo acto pero o disparo de Dani rexeitouno Iago a córner.

Partido onde ámbolos dous conxuntos se mostraron bastante apáticos, quizáis cansados despois de xogar dous encontros en 24 horas, e no que o maior acerto dos locais foi decisivo para gañalo encontro. Dende que comezou a Copa da Costa para o Malpica (tivo que xogar a fase previa), o conxunto azulón suma catro derrotas consecutivas na Liga, racha que os alonxou da zona media-alta da clasificación. O vindeiro domingo a SCD recibe na Pedra Queimada ao Camariñas na derradeira xornada.

lunes, 2 de mayo de 2011

RESULTADOS DA IDA DOS DEZASEISAVOS DA COPA DA COSTA 2011

Malpica 2 - Muros 1
Nantón 1 - O Pindo 1

Independente 2 - Corcoesto 2
Laxe 0 - Camariñas 1

Soneira 1 - Club do Mar 1
Coristanco 5 - Corme 2

Cabana 1 - Fisterra 1
Esteirana 2 - Dumbría 2

Cerqueda 0 - Xallas 1
Sofán 5 - Zas 2

Outes 4 - Lira 0
Porteño 1 - Muxia 1

Corcubión - Carnota (clasificado o Corcubión por renuncia do Carnota)
Castriz 1 - Buño 0

Xaviña 0 - San Lorenzo 4
Cee 1 - Ponteceso 1

COPA DA COSTA 2011 DEZASEISAVOS DE FINAL (IDA): MALPICA 2 - MUROS 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Iago, Víctor, Eloy (Ismael min.46), Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés, Nando.

MUROS SD: Lupi, Iván (Usco min.94), Miguel (Javi min.93), Teo, Mayuyo, Dani, Manu, David (Gabo min.75), Toni, Gelo (Gael min.68), Cexo.

Árbitro: Fernández Liñares. Estivo moi ben durante todo o encontro, seguindo o xogo de cerca, dialogante cos xogadores e aplicando o mesmo criterio para ámbolos dous conxuntos. Sen embargo, na segunda metade houbo dúas accións polémicas, unha en cada área: no min.55 sinala penalti a favor do Muros por un presunto derribo de Suso a Toni cando o porteiro local chega claramente ao esférico antes co dianteiro, e no min.92 concede un "gol fantasma" ao Malpica moi dubidoso.

Incidencias: Pouco público na Pedra Queimada (pouco máis de 50 espectadores), nunha tarde soleada e cun vento que se deixou notar. Non houbo expulsados. O defensa visitante Iván retirouse con problemas musculares.

Goleadores: 0-1 (min.4): Pase en profundidade sobre Toni que se cola pola parte esquerda da área e bate a Suso de tiro raso que se cola polo primeiro pao. 1-1 (min.89): Penalti por unhas inocentes mans do visitante Gael que transforma Neucha dun potente disparo. 2-1 (min.92): Saque de esquina executado por Nando dende o córner dereito do ataque malpicán que cabecea David Blanco, da na parte interior do longueiro e bota sobre a líña de gol, interpretando o colexiado que a rebasara totalmente.

Crónica: Despois de superar ao Alcaián na fase previa, o Malpica debía de enfrontarse ao Muros nos dezaseisavos de final, coxunto moi potente (atópase terceiro na liga da costa) e que non se lle da nada ben aos malpicáns. Os locais contaban con dúas baixas en defensa para afrontar este partido de ida: Marco (sancionado) e Diego (lesionado). A contenda comenzaba mal para os intereses do equipo adestrado por Manuel Agilda, pois aos cinco minutos xa ían perdendo por un gol, pero lonxe de virse abaixo, mantiveron a cabeza fría e comezaron a dominalo encontro. O Malpica fíxose co control do esférico no mediocampo, logrando unha profundidade en ataque maior que en xornadas precedentes onde a posesión de balón non se materliazaba en ocasións, e así sucedéronse numerosas oportunidades de gol, tanto mediante xogadas polas bandas como en balóns en profundidade, pero non tiveron fortuna de cara a portería, destacando as seguintes: unha internada de Cheo por banda dereita tras un pase de Charlie pero o seu disparo marcha alto; un pase en profundidade de Cheo sobre David Blanco que lle gaña ás costas á defensa do Muros pero non consegue bater a Lupi no man a man; pase de Cheo cara Neucha que remata dende o borde da área pequena pero Lupi realiza unha sensacional estirada; e un cabezazo no segundo pao de Neucha tras un centro de Cheo que detén outra vez Lupi. O Muros atrasou líñas, pero tivo dúas boas ocasións ao contragolpe para marcar: unha tras unha mala cesión de Víctor cara Suso que intercepta Cexo pero a súa vaselina é atallada polo gardameta, e un man a man de Cexo tras un pase en longo que Suso volve a salvar.

Na segunda parte o dominio local foi ainda maior a medida que pasaban os minutos, metendo ao Muros na súa parcela do campo, controlando por completo o encontro, pero volveu a faltar puntería. Combinaron ben en tódalas zonas do campo, chegando con relativa facilidade á zona de tres cuartos, desbordando constantemente nas bandas aos seus pares e chegando en numerosas ocasións á área visitante, ante un conxunto visitante que non logrou disparar a porta nos segundos 45 minutos en ningunha ocasión, salvo nunha pena máxima (mal sinalada polo árbitro) que Cexo mandou ao poste esquerdo da portería defendida por Suso. O Malpica sumou numerosas oportunidades claras de gol: un potente disparo de Neucha dende o corazón da área que Lupi manda a saque de esquina tras un paradón; unha internada de Cheo por banda dereita pero o seu disparo sae fóra por pouco; nova xogada de Cheo que pasa a David Blanco pero tira ao pao; e un tiro de Neucha que se cola entre as pernas de Lupi pero a defensa do Muros salva na líña de gol. Cando parecía que o resultado non se ía mover debido ao gafe que semellaba telo conxunto malpicán de cara a gol, o fútbol fixo xustiza e conseguiron remontar nos derradeiros minutos de partido.

Gran partido o que disputou a SCD Malpica na tarde do sábado ante o Muros, pero cun resultado que, ainda que positivo, quedou curto visto os méritos dun e doutro equipo. Con este 2-1 a eliminatoria queda totalmente aberta para o partido de volta que terá lugar o vindeiro sábado.