domingo, 26 de septiembre de 2010

RESULTADOS DA 4ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Vimianzo - O Pindo (non se xogou).

Club do Mar 2 - Ponteceso 0

Camariñas 1 - Baio 2

Carnota 0 - Castriz 1

Muros 2 - San Lorenzo 2

Sofán 2 - Esteirana 4

Dumbría B 0 - Fisterra 2

Buño 1 - Porteño 0

LIGA DA COSTA 4ª XORNADA: CORME 1 - MALPICA1

CORME CF: Suso, Adolfo, Martinciño, Rafa Valiña, Pandi, Diego, Martín (Gonzalo min. 87), Alejandro, Iago, Lucas, Alejo (Abel min. 77).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Marco, Iago, Ismael, Neucha, Eloy (Martín min.76), David Blanco, Manu Pardo (Cheo min. 67), Miguel Dourado (Carlitos min.63).

Árbitro: David Brun. Tivo unha actuación bastante correcta, pois non houbo grandes xogadas conflictivas salvo en dúas accións puntuais: na primeira metade, os malpicáns reclamaron penalti por unhas presuntas mans de Rafa Valiña, e na segunda os locais protestaron por outras presuntas mans de Víctor.

Ambiente e Incidencias: Tarde despexada no Cairo, pero cun moderado vento que tivo certa influencia no xogo. Non houbo expulsados. No apartado de lesións, o xogador do Corme Alejo tivo que ser sustituído preto do final do encontro cun esquince de nocello.

Goleadores: 0-1, min. 33: Saque de esquina a prol do Malpica dende a banda dereita, o centro de Neucha é rexeitado pola defensa cormelán en primeira instancia, pero o esférico cáelle a Manu Pardo que dende o pico da área anota cunha gran volea sen deixar que o balón toque no chan..1-1, min. 55: Outro saque de esquina dende o mesmo sitio que deu lugar ó gol do Malpica, esta vez a favor do Corme, Rafa Valiña saca a media altura e moi forte, Charlie intenta despexar pero só lle da tempo a rozalo balón levemente, aparecendo dentro da área pequena Alejandro para marcar de cabeza sen oposición.

Comentario: Partido atractivo o que enfrontaba a dous conxuntos que se caracterizan pola calidade dos seus homes de ataque, e presumiblemente igualado pois chegaban empatados na clasificación con 4 puntos en tres xornadas. Para esta cita, os malpicáns contaban coas baixas de Viña, Marcos Amado (os dous lesionados) e de Casais (por sanción); tamén estaban "tocados" Cheo e Andrés, ainda que os dous estaban na convocatoria. No primeiro período, os xogadores adestrados por Manuel Agilda saíron moi concentrados ó terreo de xogo, ben organizados a nivel defensivo, presionando con criterio e levando constante perigo, ainda que quizáis lles faltou algo de fluidez á hora de combinar, pero lograron impoñerse con claridade e apenas lle concederon opcións ó Corme. De entre as múltiples ocasións do Malpica, destacaron un cabezazo de Ismael ó longueiro tras despexar Suso; un disparo de Manu Pardo dende uns 25 metros que sacou con moitísimos apuros o gardameta local, caéndolle o balón a Miguel Dourado que tira alto dende o borde da área pequena; unha xogada individual de David Blanco que culmina cun disparo que saiu fóra por pouco; e un tiro cruzado de Neucha que tamén foi fóra por pouco. Polo que atinxe ós locais, mostráronse algo apáticos nestes primeiros 45 minutos, e con algún erro de bulto en defensa, mentres que en ataque tiveron unha boa ocasión por medio de Iago que marrou un man a man.

Na segunda metade, volveu a aparecer o Malpica das "dúas caras", pois o decorado do encontro cambiou radicalmente, como se os dous equipos invertisen os papeis. Así, a SCD perdeu o control do partido, non foi quen de apenas tela posesión do balón nin de movelo con criterio, e apreciouse un claro baixón de intensidade en moitas fases destes segundos 45 minutos. O feito que pon en evidencia tal situación foi o número de oportunidades de gol, pois apenas dispuxeron de dúas: un tiro cruzado de Miguel Dourado dende a dereita da área, e un tiro bombeado de Ismael dende a esquerda que saiu rozando a escadra da meta local. Pola súa parte, o Corme sen facer nada do outro mundo, logrou impoñerse no mediocampo e comezaron a aparecer os seus homes máis perigosos, desaparecidos durante a primeira metade, ante un equipo visitante que sempre ía cunha marcha menos. Crearon perigo a balón parado (pois dispuxeron de varios saques de esquina e faltas próximas a área) e tiveron dous ou tres tiros perigos que sacou ben Suso.

Se en contendas precendentes foron erros arbitrais os que privaran ós malpicáns de poder obter máis puntos, na tarde de hoxe foron erros propios os que propiciaron un empate nun partido que o Malpica tivo nas súas mans e visto para sentencia na primeira parte. Dúas conclusións principais se poden sacar: 1ª, os partidos hai que "matalos" cando se teñen as oportunidades para facelo; e 2ª, no momento en que aparecen a relaxación e a desorganización calquera conxunto da categoría che fai un roto. Para deixar atrás o mal sabor de boca de hoxe e a mala xeira de resultados (suman tres xornadas sen gañar), a SCD recibe a vindeira semana a un dos "gallitos" da liga, o Sofán (lembremos que a tempada pasada rematou na terceira posición).

sábado, 25 de septiembre de 2010

PRENSA

O pasado mércores día 22 de setembro o diario deportivo "Depor Sport" publicaba unha pequena entrevista con Manuel Agilda, adestrador da SCD Malpica. Pódese ver neste enlace.

viernes, 24 de septiembre de 2010

jueves, 23 de septiembre de 2010

PREVIA

Neste próximo fin de semana, derradeiro do mes de setembro, terá lugar a cuarta xornada da Liga da Costa:

- Domingo 26 de setembro, ás 17:30 horas: Corme - SCD Malpica, no campo do Cairo.

lunes, 20 de septiembre de 2010

RENOVACIÓN

Coa intención de darlle un aspecto renovado e máis agradable visualmente, o blog da SCD Malpica experimentou unha pequena renovación no seu diseño. Espero que sexa do agrado de tódolos seus lectores.

domingo, 19 de septiembre de 2010

RESULTADOS DA 3ª XORNADA

Ponteceso 5 - Carnota 0

San Lorenzo 3 - Club do Mar 2

Fisterra 2 - Sofán 2

O Pindo 1 - Dumbría B 0

Porteño 0 - Vimianzo 1

Baio 1 - Buño 1

Esteirana 2 - Corme 2

Castriz 0 - Camariñas 5

LIGA DA COSTA 3ª XORNADA: MALPICA 1 - MUROS 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Casais min.30), Víctor, Iago, Andrés (Martín mi.67), Neucha, Manu Pardo (Eloy min.46), David Blanco, Ismael, Miguel Dourado (Carlitos min.63).

MUROS SD: Rubén, Chema (Yanki min.63), Miguel, Iván Cerilla, Mayuyo, Dani (Brais min.74), Gelo (Edu min.59), Bibi, Toni, Cexo, Piti.

Árbitro: Martínez Rodríguez. Comezou ben o partido, pitando con criterio e asubiando por igual para os dous bandos. Non obstante, no segundo tempo sacou un gran número de cartóns amarelos ós xogadores locais, en moitas ocasións sen merecelos, mentras que á hora de indicar faltas sempre tirou a favorecer ós muradáns. Mención aparte merece o gol visitante, pois Yanki estaba en claro fóra de xogo, o que supón un novo erro arbitral en contra dos intereses do Malpica. Tamén hai que decir que tempo antes anulara un gol ós visitantes por falta sobre Charlie na líña de gol que foi moi dubidosa.

Goleadores: 1-0, min. 14: Manu Pardo saca unha falta dende a banda esquerda cara Neucha, este contrala dentro da área de espaldas a portería, e cando intenta xirarse é derribado por Iván Cerilla, que comete un clarísimo penalti. O propio Neucha anota de tiro raso forte á esquerda do gardameta. 1-1, min. 92: Pase alto de Toni cara Yanki á altura de tres cuartos de campo, Yanki recibe o balón no borde da área (bastante adiantado en relación á defensa malpicana), pero o colexiado non pita, e anota ante a saída á desesperada de Suso.

Ambiente e Incidencias: Bo ambiente na Pedra Queimada, cunhas 150 persoas no campo. Tarde moi calurosa para a práctica do fútbol, especialmente durante a primeira parte. No apartado de lesións, destacar as dos malpicáns Marcos Amado cun esquince de nocello (min.30), Manu Pardo con outro esguince de nocello (min.45), e a de Andrés cunha sobrecarga nos aductores (min. 65). O tamén local Casais foi expulsado por dobre cartón amarelo no minuto 60.

Comentario: Na tarde de hoxe, a SCD Malpica recibía ó Muros, unha das súas "bestas negras" nas últimas tempadas. Ámbolos dous conxuntos chegaban empatados na clasificación, sumando unha vitoria e unha derrota. O adestrador local, Manuel Agilda, contaba con numerosas e importantes baixas: Viña (con problemas nun xeonllo), Marco (cunha lesión nun xemelgo) e Cheo (cun esquince de nocello), ós que houbo que sumar os lesionados durante o encontro. Comezou o partido cun alto ritmo de xogo, que se mantería durante os 90 minutos, pero sen que ninguén conseguise dominar claramente. Os malpicáns adiantáronse pronto no marcador, pero en lugar de "nadar e gardala roupa" seguiron presionando moi arriba, buscando o erro do rival para anotalo segundo gol, pero sen combinar con fluidez, ainda que si creaban perigo cando saían rápido. Os locais foron os que dispuxeron das ocasións máis claras neste período, destacando un remate en "semichilena" de Manu Pardo, un man a man de David Blanco que cruza o esférico en exceso cando se plantaba só ante o gardameta Rubén, e unha falta botada por Neucha dende a banda dereita que remata Ismael alto tras un rexeite previo. Por parte do Muros, contaron con Piti como o seu maior referente, pois movíase moi ben entrelíñas enviando numerosos balóns ás bandas, tratando de aproveitala velocidade dos seus extremos. Os visitantes tamén tiveron oportunidades de gol, pero unha vez o acerto de Suso e outros o acerto da defensa malpicán provocaron que non puidesen marcar.

O segundo acto estivo totalmente condicionado por dous factores: as lesións de varios xogadores do malpica e a pronta expulsión de Casais, que provocou que o Malpica xogase cun home menos durante máis de media hora. Por tales razóns, os de Manuel Agilda saíron cun maior conservadurismo, defendendo algo máis atrás, e esperando a que un contragolpe lle permitise anotalo gol da tranquilidade. A pesar da superioridade numérica do Muros, aguantaron ben o acoso visitante, facendo gala dunha gran actitude e derroche físico. Tiveron dúas oportunidades moi claras: unha falta botada por Neucha dende o frontal da área que bate no longueiro, e un man a man de David Blanco que tras recortar a Rubén non consegue marcar a porta valeira pois o balón sacouno un xogador do Muros na mesma líña de gol. Os visitantes, puxeron toda a carne no asador en busca da remontada, sobre todo trala expulsión, acumulando moita xente arriba, pero quizáis cunha excesiva ansiedade. Contaron con algunha oportunidade moi boa para marcar, pero o porteiro local Suso estivo moi inspirado e atallou tódolos balóns (tanto en esféricos colgados como debaixo dos paos).

A pesar do empate tras un grave erro arbitral (e coa lembranza do sucedido a semana pasada contra o Club do Mar) que deixa un mal sabor de boca, tamén hai que sacar notas positivas, xa que aguantaron durante moito tempo con 10 xogadores ante un dos mellores conxuntos da categoría, e que dos que presumiblemente van a estar na zona alta da táboa (a pesar da mala tempada pasada). A SCD Malpica segue mostrándose forte na Pedra Queimada, pois acumula un ano enteiro sen perder como local en liga (a última derrota foi contra o Zas por 0-2 na 3ª xornada da Liga da Costa do ano pasado). O vindeiro fin de semana, os costeiros viaxan ata Corme para afrontar outro complicado encontro.

viernes, 17 de septiembre de 2010

jueves, 16 de septiembre de 2010

Previa

Este fin de semana dispútase a terceira xornada da Liga da Costa:

- SCD Malpica - Muros, ás 17:00 horas na Pedra Queimada, domingo día 19 de setembro.

lunes, 13 de septiembre de 2010

REPORTAXE

A web www.elnoticierodearteixo.com dedica na súa edición de onte un amplo reportaxe ó partido que dispuraton o Club do Mar e a SCD Malpica o pasado sábado en Paiosaco, destacando un fotomontaxe de máis de tres minutos con imaxes do encontro. Podese ver premendo neste enlace.

domingo, 12 de septiembre de 2010

RESULTADOS DA 2ª XORNADA

Carnota 1 - San Lorenzo 2

Muros 3 - Esteirana 0

Sofán 1 - O Pindo 0

Dumbría B 1 - Porteño 1

Corme 1 - Fisterra 3

Camariñas 1 - Puenteceso 0

Castriz 0 - Baio 2

Vimianzo 1 - Buño 1

LIGA DA COSTA 2ª XORNADA: CLUB DO MAR 2 - MALPICA 1

CLUB DO MAR: Iván, Bruno, Juan, Jorge, Fran, Repi, Abel (Juny min. 70), Alberto, (Corral min. 70), Brais, Tonecho, Piñeiro.

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Marco (Marcos Amado min. 22), Iago, Andrés, Neucha, Casais (Eloy min.46), David Blanco (Miguel Dourado min.46), Cheo (Manu Pardo min.61), Ismael.

Árbitro: Sr.Vázquez Expósito. Mala actuación a súa na tarde de onte, pois apenas mostrou cartóns amarelos aos locais despois de varias entradas duras e na segunda metade foi moi riguroso cos cartóns aos visitantes. Mención aparte merece o acontecido no segundo gol do Club do Mar, xa que sinalou gol cando o esférico nin sequera estaba sobre a líña de gol (algo que reconoceron os propios xogadores locais).

Goleadores: 1-0 min. 27: Boa xogada en combinación do Club do Mar que remata cun pase en profundidade sobre Piñeiro que se interna na área visitante e bate de tiro cruzado a Suso. 1-1 min.54: Falta maxistral botada por Neucha dende uns 25 metros que tras superala barreira entra na meta defendida por Iván sen que éste a pudese parar. 2-1 min. 85: Falta lateral dende a banda esquerda a prol dos locais, o balón diríxese ó segundo pao, tras un rexeite consegue un xogador do Club do Mar tirar a porta de vaselina, Suso toca o balón que cae lentamente cara a portería malpicana pero Charlie despexa antes de que se aproxime á líña de gol, sen embargo, o colexiado concede gol, facendo inútiles as protestas dos xogadores e afeccionados do Malpica.

Ambiente e Incidencias: Gran ambiente nas bancadas, cunhas 200 persoas no campo Nova Porta Santa (Paiosaco). Tarde con boa temperatura para a práctica do fútbol e un lixeiro vento que non condicionou moito o encontro. Non houbo cartóns vermellos. Si houbo que lamentar bastantes lesionados, sobretodo por parte dos malpicáns xa que tiveron que ser sustituídos: Marco (min. 25) con problemas musculares nun xemelgo; David Blanco (no descanso) con problemas musculares; e Cheo (min. 60) cun esguince de nocello. Tamén Alberto do Club do Mar tivo que retirarse do terrreo de xogo na segunda metade.

Comentario: Encontro que enfrontaba a ámbolos dous contendentes en apenas dúas semanas, xa que o Club do Mar foi o rival da SCD Malpica no trofeo Festas do Mar 2010, que rematou con vitoria dos malpicáns na tanda de penaltis despois do empate a un. Para esta segunda cita da tempada, Manuel Agilda non podía contar co lesionado Viña. O partido comenzou moi ben para o Malpica, pois sairon moi ben plantados ó terreo de xogo e dominaron claramente durante os primeiros 25 minutos, presionando a saída de balón do rival, sen pasar apenas apuros defensivamente e con moita combinación en ataque, ainda que lle faltou algo de prensencia na área rival. Sen embargo, no derradeiro cuarto de hora da primeira metade o Club do Mar reaccionou e pasou a tomalo control do encontro, cunha gran circulación de balón no mediocampo e entrando ben polas bandas, pero sen grandes oportunidades de gol. Destacaron dúas ocasións para os visitantes neste tempo: un centro de Neucha dende a banda esquerda que remata alto David Blanco dende o borde da área pequena; e un tiro cruzado de Neucha que se marchou fóra tras unha indecisión da defensa e porteiro locais.

No segundo período a SCD Malpica dominou por completo ó encontro, mantendo ó seu rival na súa parcela do campo durante os 45 minutos, sendo o claro dominador do esférico e recuperando rápido cando presionaba. Pola contra, o Club do Mar intentaba "aguantalo chaparrón" como podía e só se acercaba a área malpicán por medio de balóns longos pero sen crear ocasións de gol. Foron varias as oportunidades para marcar, pero non se logrou anotar: xogada persoal de Cheo que culmina cun remate desatinado; un tiro de Miguel Dourado que marchou alto dende o pico da área; outro disparo cruzado de Dourado que saíu lambendo o pao esquerdo de Iván; e un man a man de Neucha que intenta picalo balón pero sae fóra tamén.

Gran encontro en tódolos ámbitos o desplegado polo Malpica, que foi o dominador durante 70 dos 90 minutos reglamentarios, pero a falta de acerto de cara a gol e o erro garrafal do colexiado impediron que lograran a vitoria neste partido. Dende un punto de vista persoal, paréceme lamentable o nivel medio dos arbitraxes da Liga da Costa, pois da a sensación de que non hai ningún tipo de control, nin físico nin técnico, por parte da Federación, acontendo cousas incomprensibles como o que sucedeu onte. Despois de dúas xornadas, a SCD conta counha vitoria e cunha derrota. A vindeira semana recibe na Pedra Queimada ó Muros, un dos candidatos a estar na zona alta da táboa clasificatoria e que ultimamente non se lle da nada ben os malpicáns (sen ir máis lonxe, a tempada pasada sumaron unha derrota e un empate).

miércoles, 8 de septiembre de 2010

PREVIA

O vindeiro fin de semana disputarase a segunda xornada da Liga da Costa:

- Sábado 11 de setembro: Club do Mar - SCD Malpica, ás 18:00 horas, no campo do Paiosaco.

lunes, 6 de septiembre de 2010

OUTROS RESULTADOS DA 1ª XORNADA

Esteirana 1 - Club do Mar 3

Baio 1 - Vimianzo 1

Puenteceso 1 - Castriz 1

San Lorenzo 2 - Camariñas 2

Fisterra 4 - Muros 1

Porteño 0 - Sofán 2

Buño 2 - Dumbría "B" 0

O Pindo 1 - Corme 4

LIGA DA COSTA 1ª XORNADA: MALPICA 3 - CARNOTA 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Marco, Iago (Marcos Amado min. 60), Ismael (Manu Pardo min. 68), Neucha (Casais min. 69), Andrés, David Blanco, Cheo, Eloy (Miguel Dourado min. 46).

UD CARNOTA: Rubén, Nico, Bruno (Manolo min. 57), Pedro, Tono, Demetrio (Toumo min. 80), Gabri (Pumuki min. 52), Toniño (Urco min 81), Isma, Pablo, Toni.

Árbitro: Sr. España Andrade. Ben á hora de indicar tanto faltas como fóras de xogo, pero mal no referente ó castigo dalgunhas accións, especialmente algunhas faltas fóra de lugar cometidas por certos xogadores visitantes que se saldaron sen tarxetas. Expulsou ó carnotán Manolo, por derribar a Miguel Dourado cando este se plantaba só na área rival sobre o minuto 65.

Goleadores: 1-0, min. 39: Mal pase atrás da defensa carnotán sobre o seu porteiro Rubén que sae a destempo, tal circunstancia é aproveitada polo dianteiro malpicán David que consegue anticiparse e tocalo esférico, o balón da no pao e o rexeite cáelle ó propio David que cede atrás para que Neucha anote de tiro raso cruzado. 2-0, min. 60: Cambio de orientación de Víctor cara Miguel Dourado que dende a banda dereita manda un centro raso que empuxa David Blanco á altura da área pequena. 3-0, min. 71: Boa xogada de Dourado pola banda dereita internandose en diagonal, intenta marcar pero o seu disparo rexéitao o gardameta Rubén caéndolle o rexeite a David Blanco que fai o derradeiro gol da tarde de cabeza.

Ambiente e Incidencias: Tarde soleada e con moita calor para a práctica do fútbol. Unhas 100 persoas presenciaron o encontro na Pedra Queimada. O xogador malpicán Iago tivo que ser sustituído por unhas molestias musculares no sóleo da perna dereita. Tamén o visitante Demetrio tivo que abandonalo terreo de xogo por un balonazo no estómago ó final da segunda metade.

Comentario: Recibía a SCD Malpica á UD Carnota na Pedra Queimada para inauguralo curso futbolístico 2010-2011 da Liga da Costa, un encontro que era supoñía a reedición dos cuartos de final da Copa da Costa (eliminatoria superada polos malpicáns tras vencer nos dous partidos). Para esta primeira xornada, o adestrador local, Manuel Agilda (que cumple o seu terceiro ano no clube), contaba coa única baixa de Viña por problemas nun xeonllo. O Malpica saia cun 4-1-4-1 que tan bos réditos lle dou o ano pasado, ante un Carnota totalmente renovado con respeto a tempadas precedentes. Os locais sairon a polo partido dende o primeiro minuto, tentando presionar o máis arriba posible e creando perigo polas bandas, o que se traduxo en moitas aproximacións á área rival e en centros dende os costados pero que non se lograron materializar. Mentres que na parcela defensiva apenas se pasaron apuros, salvo nalgún disparo aillado dende bastante lonxe que non colleron portería. O Carnota, aguntaba atrás pero en ningún momento dou a sensación de poder crear perigo.

Na segunda parte, o Malpica subiu a intensidade e decantou totalmente o partido ó seu favor, en boa medida gracias á velocidade de Miguel Dourado que aportou moita frescura ó ataque local, creando perigo, practicamente, en cada internada por banda dereita. Os locais tocaron o esférico cunha maior tranquilidade esperando a que aparecesen espacios á espalda da defensa carnotán e aproveitala velocidade dos seus dianteiros. Froito desta superioridade foron as moitas ocasións das que despuxeron os malpicáns neste segundo acto: un cabezazo de Dourado no segundo pao que se marchou fóra tras un centro dende a esquerda; un remate de David Blanco que atallou o gardameta visitante tras outro centro dende a banda esquerda; disparo a bocaxarro de Dourado que rexeitou moi ben Rubén; volea de Manu Pardo un pouco escorado tras un gran pase en longo de Suso. Pola contra, o Carnota apenas tivo opcións, e trala expulsión de Manolo non veuse totalmente desbordada, sendo o gardameta Rubén o seu mellor home na tarde de onte. A única ocasión clara de gol foi un lanzamento de falta preto do minuto 90 que mandou Suso a saque de esquina tras unha gran estirada.

En definitiva, bo partido o que desenvolveu a SCD Malpica na primeira xornada de liga, ainda que con certas imprecións á hora de circulalo esférico, consecuencia, quizáis, da forte calor que había no campo e da altura da tempada na que nos atopamos. Defraudou o Carnota, xa que se esperaba algo máis dun equipo que nas últimas tempadas sempre "dou guerra" (sen ir máis lonxe, o ano pasado remataron na quinta posición). Como anécdota, decir que se os malpicáns chegan a marcar un gol máis serian os primeiros líderes do torneo, como xa sucedera a tempada anterior. A vindeira semana, a SCD xogará ante o Club do Mar de Caión.

sábado, 4 de septiembre de 2010

ACTUALIDADE

Deixo o seguinte enlace onde se poden ver unhas recentes declaracións do adestrador malpicán Manuel Agilda no diario Depor Sport: http://www.canaldeportivo.com/deportienda/deporsport/pagina/2010/09/01/22

viernes, 3 de septiembre de 2010

LIGA DA COSTA

A SCD Malpica disputa este fin de semana o primeiro partido da Liga da Costa 2010/2011:

- SCD Malpica - Carnota, ás 17:00 horas, domingo 5 de setembro, na Pedra Queimada.

miércoles, 1 de septiembre de 2010

ALTAS E BAIXAS

Desgraciadamente hai que lamentar unha baixa de última hora no primeiro plantel da SCD Malpica:

- Roberto Rancaño, mediocentro, abandona a disciplina malpicán para recalar no Lamela (clube da 1ª Rexional).

Dende aquí desexamoslle a Rancaño a mellor das sortes nesta tempada.