jueves, 28 de abril de 2011

PREVIA

Partido de ida dos dezaseisavos da Copa da Costa 2011:

- Sábado, día 30 de abril, ás 17:00 horas: Malpica - Muros, na Pedra Queimada.

lunes, 25 de abril de 2011

lunes, 18 de abril de 2011

RESULTADOS DA 32ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Porteño 0 - Club do Mar 1

Dumbría "B" 1 - Sofán 4

Vimianzo 1 - Corme 3

Buño 2 - Muros 2

O Pindo 1 - Carnota 2

Fisterra 1 - Camariñas 2

Esteirana 1 - Castriz 2

Malpica 0 - Ponteceso 1

San Lorenzo 1 - Baio 0

LIGA DA COSTA 32ª XORNADA: MALPICA 0 - PONTECESO 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie (Gonzalo min.46), Marcos Amado, Iago, Marco, Eloy, Neucha, Cheo (Casais min.46), David Blanco (Manu Pardo min.61), Andrés, Nando (Miguel min.46).

PONTECESO SD: Norberto (Illote min.83), Pablo Vázquez (Pitu min.56), David, Carlos Mato, Dani Pallas, Bolón, Toniño (Miguel Torrado min.65), Nando, Charro (David Velo min.70), Alfredo (Tucho min.63), Luisete.

Árbitro: Prieto Rojo. Pésima arbitraxe na tarde de onte, especialmente nos primeiros 15 minutos, onde de novo (e van...) o equipo perxudicado foi a SCD Malpica. Sinalou unha falta moi discutible de Marco aos 5 minutos no borde da área que deu lugar ao gol dos visitantes. No minuto 10 anula un gol de falta directa de Neucha ao sinalar que a falta era indirecta. No minuto 15 expulsou a Andrés por dobre amarela (a primeira moi rigurosa), ao capitán Marco (por vermella directa ao malinterpretar as suas protestas) e ao adestrador local (tamén por protestar); deixando ao Malpica con nove xogadores durante case 80 minutos. Sen embargo, volveu a deixar mostras da súa "categoría" como colexiado cando non indicou un penalti moi claro do malpicán Iago sobre Charro no minuto 25.

Incidencias: Moi bo ambiente na Pedra Queimada, con máis de 200 espectadores, nunha tarde propia do verán. O xogador local David Blanco retirouse con molestias físicas. O Ponteceso, tras esta vitoria, proclamouse campión da Liga da Costa 2010-2011.

Goles: 0-1 (min.5): Falta ao borde da área do Malpica que executa maxistralmente Bolón, colándose o esférico preto da escadra dereita de Suso que non logra desviala o suficiente a pesar dunha gran estirada.

Comentario: Despois de superar ao Alcaián na Copa da Costa o sábado, a SCD Malpica recibía este domingo ao líder da categoría, o Ponteceso, que estaba a un punto de logralo título matematicamente. Os locais unicamente contaban coa baixa de Diego (lesionado nos abductores). O que prometía ser un encontro moi disputado pola rivalidade existente entre os dous coxuntos e polo gran ambiente que había nas bancadas, encargouse de rompelo o colexiado Prieto Rojo case dende o primeiro minuto. Durante os primeiros 15 minutos o partido foi moi disputado, con moita pelea no medio do campo e con balóns cara os rápidos atacantes de un e outro equipo, tendo o Malpica a ocasión máis clara neste inicio de encontro nun man a man de David Blanco que rexeitou Norberto despois dun gran pase de Eloy. A partir das dúas expulsións que sufriron os locais, todo facía pensar nuncha goleada do Ponteceso, pois ao feito de estar con dous homes menos durante case todo o partido había que engadir que moitos dos xogadores malpicáns repetían titularidade despois de xogar 24 horas antes na Copa. Nada máis lonxe da realidade, pois os homes adestrados por Manuel Agilda deron unha lección de casta e pundonor, e non baixaron os brazos en ningún momento. A pesar de que o Ponteceso mantiña a posesión do balón, facíao en zonas pouco perigosas, circulando o esférico con pouca claridade, mentes que os malpicáns trataban de xuntar líñas esperando a que un contragolpe lles dese a oportunidade de marcar. Mesmo estiveron preto de empatar en dúas accións: un lanzamento de falta de Neucha dende o borde da área que se foi alto por pouco, e tras unha mal entendemento entre David e Norberto no que o central visitante case marca en propia meta. O Ponteceso non logrou profundizar e apenas sumou oportunidades, destacando un tiro de Bolón dende o borde da área que Suso mandou a saque de esquina.

No segundo tempo o desenrolo do partido foi semellante ao dos primeiros 45 minutos, cun Ponteceso que tocaba e tocaba na súa propia parcela de campo pero moi lentamente e con pouco criterio. Os locais mantiveron a líña defensiva moi arriba, e cunha excelente coordinación provocaron numerosos fóras de xogo, pois os atacantes visitantes pricipitábanse unha e outra vez. Durante os primeiros minutos da segunda parte, o Malpica tivo dúas oportunidades moi boas para empatar: outro man a man de David Blanco que volve a rexeitar Norberto, e un cabezazo de Neucha á altura do punto de penalti que saiu rozando o longueiro tras un centro dende a banda esquerda de Miguel. O Ponteceso tratou de arriesgar algo máis nos pases, e comezaron a mandar balóns en profundidade, pero a defensa e Suso estiveron moi atinados, e practicamente cortaron tódalas accións de perigo, e só deixaron que os líderes da categoría dispuxesen de dúas oportunidades: un balón en profundidade cara Charro que evita a saída de Suso pero o seu control sae demasiado longo perdendose pola líña de fondo, e un man a man de Luisete que Suso rexeita.

Gran imaxe a que deixou o Malpica neste encontro, despois de disputar 80 minutos con nove xogadores (mesmo na segunda metade entrou o xuvenil Miguel), plantándolle cara ao Ponteceso en todo momento, pero no que sumaron unha derrota tras non lograr marcalas varias oportunidades das que dispuxeron a pesar da inferioridade numérica. De seguro que coa actitude que mostraron onte chegarán mellores resultados en vindeiras citas. Na seguinte xornada a SCD desprázase ata Castriz para afrontar o seu derradeiro partido como visitante nesta liga.

Dende este blog só queda darlle a noraboa ao Ponteceso por logralo título da Liga da Costa, especialmente aos tres xogadores formados no Malpica: Alfredo, Charro e Illote.

RESULTADOS DA COPA DA COSTA 2011: ELIMINATORIA PREVIA (VOLTA)

Alcaián 0 - Malpica 3

Muros 1 - Baio 0

Mazaricos 0 - Ponteceso 3

# en negrita os equipos que se clasificaron.

COPA DA COSTA ELIMINATORIA PREVIA (VOLTA): ALCAIÁN 0 - MALPICA 3

SD ALCAIÁN: Herrera, Paco (Diego min.63), Luís, Dani, Víctor, Pistolas (Javi min.82), Souto (César min.46), Pío, Toño (Portillo min.46), David (Doro min.63), Framil.

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago, Marco (Marcos Amado min.72), Eloy, Neucha (Casais min.46), Ismael, David Blanco, Andrés (Miguel min.56), Nando (Gonzalo min.56).

Árbitro: Rellán Pérez. Comezou o encontro algo nervioso, pero non se deixou intimidar por ningún dos dous equipos e desenvelveu unha boa labor. Atinou á hora de indicar dous penaltis, un a favor de cada equipo: o primeiro por mans do local Víctor tras un tiro de Neucha, e o segundo por unha entrada do malpicán Iago a David, ámbolos dous na primeira metade.

Incidencias: Sobre un cento de espectadores en Portorrubio, nunha tarde soleada e con boa temperatura. Os visitantes Marco e Andrés tiveron que ser sustituídos por molestias nun xeonllo e nos abductores, respectivamente. Non houbo expulsados.

Goles: 0-1 (min.23): Disparo de Neucha dende o pico esquerdo da área que rexeita Víctor coas mans. O propio Neucha anota a pena máxima de forte disparo. 0-2 (min.27): Falta lateral a prol do Malpica que bota Nando e que cabecea Charlie no borde da área pequena sen oposición. 0-3 (min.36): O local Víctor marca en propia meta tras ceder atrás cara Herrera, que non logra despexar ante a presión de David Blanco.

Comentario: Partido complicado o que tíña que afrontalo SCD Malpica na volta da eliminatoria previa da Copa da Costa tralo empate a un gol que logrou o Alcaián na Pedra Queimada había unha semana. Dificultades que aumentaban debido ás características do terreo de xogo de Portorrubio, cun firme moi irregular e cunhas dimensións reducidas (especialmente de longo). Manuel Agilda contaba con varias baixas na tarde do sábado: Diego (lesionado nun abductor), Manu Pardo e Cheo (os dous sancionados). O encontro comezou moi disputado, cos malpicáns tentando de adaptarse canto antes ao campo, posto que o xogo combinativo facíase moi complicado, o que provocou que predominase o xogo directo. Non obstante, e a pesar de que non eran unhas condicións propicias, loitaron dende o principio para remontala eliminatoria, mostráronse firmes en defensa e nas xogadas a balón parado, sen complicarse na circulación de balón e cunha intensidade que se cadra faltou no partido de ida. Ademais, tiveron un alto porcentaxe de acerto cara o gol, o que se traduxo en tres goles en apenas un cuarto de hora. Os locais, que saíron moi fortes, e que pouco a pouco foron baixando a intensidade, tiveron a oportunidade de meterse de novo na eliminatoria cando co 0-2 dispuxeron dun penalti, pero Suso rexeitou a pena máxima executada por Víctor, volvendo a despexalo rexeite nunha gran intervención. Os malpicáns mesmo puideron marcar outro gol máis antes do descanso, por medio dun saque de falta lateral de Nando que Herrera sacou con moitos apuros.

Coa eliminatoria practicamente sentenciada (os locais debían de marcar 4 goles para pasar) comezou o segundo acto, no que non houbo a loita dos primeiros 45 minutos. O Malpica limitouse a controlalo tempo do encontro consciente da súa gran vantaxe e de que no día seguinte había outro partido de liga, non se complicaron atrás, mentres que en ataque trataron de buscala rapidez de David Blanco e o poderío aéreo de Ismael nas xogadas a balón parado. Cearon perigo en varias ocasións, pero non dispuxeron de grandes oportunidades claras, ainda que destacaron dúas: un disparado de David Blanco algo escorado que atallou Herrera e un disparo dende a frontal de Ismael que saiu desviado. Polo que atinxe ao Alcaián, trataron de acumular xente arriba, buscando cando menos anotar un gol, pero apenas deron sensación de perigo, mentres que na parcela defensiva pasaban dificultades cando os visitantes apretaban. Contaron cunha gran ocasión por medio de Framil tras unha mala saída do gardameta Suso pero o seu disparo rexeitouno Marco case na líña de gol.

Partido moi serio do Malpica, nun campo complicado onde calquera rexeite ou balón parado leva perigo, onde a actitude dos xogadores dende o primeiro minuto foi clave para non deixar marxe á sorpresa. Este resultado fai que o conxunto costeiro pase aos dezaseisavos de final da Copa da Costa 2011, sendo o seu próximo rival o Muros. O partido de ida terá lugar na Pedra Queimada.

martes, 12 de abril de 2011

RESULTADOS DA 31ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Muros 5 - Vimianzo 0

Club do Mar 3 - Buño 1

Carnota 1 - Porteño 1

Camariñas 3 - O Pindo 0

Baio 1 - Sofán 3

Corme 5 - Dumbría "B" 2

Castriz 4 - Fisterra 0

Ponteceso 3 - Esteirana 2

San Lorenzo 3 - Malpica 2

LIGA DA COSTA 31ª XORNADA: SAN LORENZO 3 - MALPICA 2

SAN LORENZO: Recarey, Iván Rey, Casilleiro (Adrián min.46), Dubra (Anxo min.74), Puña, Álex, Cañizo, Javi Pensado, Jorge, Fuentefría (Eloy min.61), Carliños.

SCD MALPICA: Víctor Martínez, Diego (Víctor min.6), Miguel, Gonzalo, Marco (Eloy II min.55), Eloy (Nando min.52), Neucha (Miguel Dourado min.60), Casais, David Blanco, Andrés, Ismael.

Árbitro: Goyeneche García. Estivo ben en termos xerais, axudado pola deportividade de ámbolos dous conxuntos. Errou no último minuto ao indicarlle un fóra de xogo ao malpicán Miguel Dourado cando este encaraba a área rival. Expulsou por dobre amarela ao local Javi Pensado no minuto 60.

Incidencias: Máis de cen espectadores nas Pedreiras, nunha tarde gris. O defensa do Malpica Diego tivo que ser sustituído por un pinchazo nun abductor nada máis comezalo encontro. Destacar que por parte do Malpica debutou o xuvenil Eloy.

Goleadores: 1-0 (min.5): Balón en profundidade cara o desmarque de Jorge na zona de extremo esquerdo, recorta e saca un centro-chut que se cola entre o gardameta e a defensa visitantes. 2-0 (min.10): Fuentefría chega a líña de fondo por banda dereita, saca un centro que remata Jorge cunha semivolea no punto de penalti libre de marca. 3-0 (min.49): Saque de esquina favorable ao San Lorenzo dende o curruncho dereito do seu ataque, sacan rápido e no segundo pao cabecea de novo Jorge. 3-1 (min.65): Hai unha serie de rexeites no borde da área do San Lorenzo, o balón cáelle a David Blanco que anota un trallazo que se cola preto da escadra dereita. 3-2 (min.76): Ismael tira dende fóra da área, o esférico rebota nun xogador local e cae nos pés de David Blanco que marca de tiro cruzado.

Comentario: Despois de xogalo sábado a ida da eliminatoria previa da Copa da Costa, a SCD Malpica afrontaba un desplazamento complicado ao campo das Pedreiras en Verdillo para medirse ao San Lorenzo, e facíao con moitas novidades (ata catro xogadores en idade xuvenil tiveron minutos). Os costeiros contaban coas baixas de Cheo e Manu Pardo, ámbolos dous expulsados o sábado fronte ao Alcaián. Comezou moi mal o Malpica, pois nos primeiros 15 minutos os erros e imprecisións foron constantes, apenas lograron combinar con criterio, e froito diso foron os dous goles dos locais, que mesmo puideron anotar algún gol máis nestes primeiros compases do encontro. Sen embargo, a partires dese intre os malpicáns fixéronse donos do partido, defendendo con máis orde e mandando balóns perigosos a David Blanco que se aproveitou constantemente da debilidade defensiva local (de feito son o segundo equipo máis goleado da categoría), pero tiveron mala sorte no remate, ao que se sumou a boa actuación de Recarey. Así, as mellores ocasións foron para o Malpica, destacando dúas: un tiro dende o borde da área de Andrés que rexeitou Recarey e despois dou no poste; un cabezazo de David Blanco que volve a rexeitalo longueiro, anotando Neucha o rexeite pero o gol é anulado correctamente polo colexiado por falta ao porteiro.

No segundo tempo, un novo despiste nos primeiros compases provocou o terceiro gol local, poñéndoselle o partido moi costa arriba para os visitantes. Pero os xogadores de Manuel Agilda, lonxe de virse abaixo, seguiron dominando e chegando con perigo ás inmediacións da área do San Lorenzo, ademais agora atopábanse en superioridade numérica trala expulsión de Javi Pensando, pero volveron a estar negados de cara a gol, e non lograron traducir a súa superioridade en goles, a pesar de ter varias oportunidades para facelo, sobre todo nun disparo de David Blanco que rexeitou o pao e un disparo de Ismael dende o pico esquerdo da área que pasou rozando a escadra dereita de Recarey. Polo que atinxe aos locais, mostráronse lentos en defensa e pouco ambiciosos en ataque, pois despois do 2-0 apenas inquedaron a Víctor, pero atopáronse coa fortuna de lograr unha boa renda en pouco tempo.

En resumo, bo encontro o disputado pola SCD Malpica, máis tendo en conta a presencia de varios xuvenís no equipo e o cansancio que acumularon varios xogadores que acumularon dous partidos en 24 horas. Non obstante, a "páxara" inicial e o despiste ao comezo da segunda parte costoulles a derrota, un resultado bastante inxusto á luz dos méritos que fixeron os dous conxuntos. Tamén tiveron mala sorte nos metros finais, pois dispararon ata tres veces ao pao ou longueiro. O próximo compromiso liguerio para o Malpica será o domingo na Pedra Queimada fronte ao Ponteceso, pero antes xogan o sábado a volta da eliminatoria fronte ao Alcaián.

lunes, 11 de abril de 2011

RESULTADOS DA COPA DA COSTA 2011 (IDA DA ELIMINATORIA PREVIA)

Malpica 1 - Alcaián 1

Baio 0 - Muros 0

Ponteceso 0 - Mazaricos 1

COPA DA COSTA 2011 ELIMINATORIA PREVIA (IDA): MALPICA 1 - ALCAIÁN 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Iago, Víctor, Manu Pardo (Casais min.63), Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Eloy min.46), Nando.

SD ALCAIÁN: Herrera, Paco (Portillo min.35), Luís (Toño min.61), Dani, Víctor, Pistolas, Souto, Pio, Víctor Pazos, David, Framil (Doro min.94).

Árbitro: David Brun. Mala actuación deste colexiado que volveu a perxudicar ao equipo malpicán (como xa ocorrera en Fisterra hai unhas semanas), pois concedeu un gol ilegal ao Alcaián (como mostran as imaxes o xogador nº11 dos visitantes está en fóra de xogo cando recibe o esférico despois dun cabezazo dun compañeiro seu). Expulsou aos locais Cheo, dobre amarela por protestar nos minutos finais, e Manu Pardo, este cando xa fora sustituído.

Incidencias: Pouco público na Pedra Queimada, cuns 75 espectadores, nunha tarde nubrada pero con temperatura agradable. Os xogadores visitantes Luís e Paco tiveron que ser sustituídos por diversos problemas físicos.

Goleadores: 0-1 (min.10): Saque de esquina a prol do Alcaián dende o córner dereito do seu ataque, un xogador visitante cabecea a altura do punto de penalti, Suso rexeita o tiro caéndolle a Framil que se atopaba en fóra de xogo, e este asiste a Pistolas que anota en boca de gol. 1-1 (min.27): David Blanco recibe na parte dereita da área un gran pase en longo de Andrés e bate a Herrera de tiro raso cruzado.

Comentario: O sorteo celebrado o pasado luns deparou que o Malpica tivera que xogala eliminatoria previa da Copa da Costa 2011 e que o seu rival fose o Alcaián, como xa sucedese na edición do ano 2005, a pesar de que ainda faltaban catro xornadas para rematala liga. Para este primeiro encontro, Manuel Agilda contaba coa plantilla ao completo, a excepción do mediocentro Ismael (por cuestións académicas). O encontro comezou mal para os malpicáns, pois no minuto 10 encaixaron un gol que complicaba as cousas. Ademais disto, non deixaron boas sensacións nesta primeira parte, pois se ben dominaban o encontro desenvolveron un fútbol lento e previsible, que se traduxo en pouca profundidade e escasas oportunidades de gol. Moita desa posesión tivo lugar en zonas do campo nas que non hai perigo para o rival, pois eran os defensas os que tocaban pero non lograban enlazar cos atacantes, excesivamente estáticos. O Alcaián apenas pasou apuros, defendendo con orde e xuntos, mentres que cando roubaban rapidamente enviaban o balón en longo buscando contragolpear (mesmo dispuxeron de dúas oportunidades por medio de sendas accións de Víctor Pazos en forma de vaselina e de cabezazo tras unha saque de falta lateral, pero saíron desviados).

No segundo tempo o Malpica mellorou, esta vez saíndo concentrados dende o primeiro minuto e coa idea de lograr un resultado que lles dera máis tranquilidade para o partido de volta, pero non lograron trasnformar ningunha das ocasións das que dispuxeron. Os locais dominaron por completo nestes segundos 45 minutos, agora con máis claridade e chegando con facilidade á líña de tres cuartos, cun Alcaián moi metido atrás (quizáis acusando o esforzo físico da primeira metade), pero apenas lograron desbordar nos metros finais e mostráronse demasiado imprecisos en accións puntuais. Os visitantes, renunciaron por completo ao ataque, non tiraron a porta e apenas lograron combinar. O Malpica dispuxo de varias oportunidades para marcar, pero non estiveron acertados, destacando as seguintes: un disparo de Eloy ao longueiro dende o pico esquerdo da área tras sacar rápido unha falta; centro de Neucha dende a banda esquerda e David Blanco erra no borde da área pequena tras facerse un pequeno lio; un potente disparo de Cheo que marchou alto por pouco; e un remate de Charlie no segundo pao tras un centro dende a esquerda que despexa un defensor visitante en líña de gol.

Mal resultado da SCD Malpica neste primeiro partido da eliminatoria, que os obliga a anotar un gol como mínimo o vindeiro sábado se queren chegar aos dezaseisavos de final. Para iso, deberán de xogar cunha maior intensidade da que amosaron durante a primeira parte, pois a pesar da diferencia de categoría entre os conxuntos participantes no torneo copeiro a igualdadade é a nota predominante. Ademais, as reducidas dimensións de xogo do campo do Alcaián non favorece para nada ao estilo de xogo da SCD, polo que as dificultades serán maiores.

lunes, 4 de abril de 2011

CADRO COMPLETO DA COPA DA COSTA 2011

- Vencedor Malpica-Alcaián vs Vencedor Baio-Muros
- Nantón vs O Pindo

- Independente vs Corcoesto
- Laxe vs Camariñas

- Soneira vs Club do Mar
- Coristanco vs Corme

- Cabana vs Fisterra
- Esteirana vs Dumbría

- Xallas vs Cerqueda
- Sofán vs Zas

- Outes vs Lira
- Muxia vs Porteño

- Corcubión vs Carnota
- Castriz vs Buño

- Xaviña vs San Lorenzo
- Cee vs Vencedor Ponteceso - Mazaricos

ÚLTIMA HORA

Acabase de celebralo sorteo da Copa da Costa, e o rival da SCD Malpica será o Alcaián (conxunto que quedou na 11ª posición na Terceira Rexional). A ida desta eliminatoria xogarase na Pedra Queimada o sábado 9 de abril ás 18:00 horas.

RESULTADOS DA 30ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Sofán 1 - Corme 2

Dumbría "B" 1 - Muros 5

Vimianzo 0 - Club do Mar 1

Buño 2 - Carnota 1

Porteño 1 - Camariñas 2

O Pindo 3 - Castriz 2

Fisterra 1 - Ponteceso 2

Esteirana 2 - San Lorenzo 2

Malpica 1 - Baio 2

LIGA DA COSTA 30ª XORNADA: MALPICA 1 - BAIO 2

SCD MALPICA: Suso, Víctor, Marcos Amado (Charlie min.63), Iago, Marco (Casais min.78), Eloy, Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Ismael min.67), Nando.

CD BAIO: Poyo, Matías, Andrés (Fredy min.71), José Antonio, Diego, Mario, Rubio (Eloy min.78), Martín, Jorge, Alberto, Canay.

Árbitro: Brea Sánchez. Pésima arbitraxe na tarde de onte, perxudicando aos locais. Non indicou dúas penas máximas claras a prol do Malpica (unha en cada metade) por mans claras dos defensores visitantes. Ademais, no segundo gol do Baio Canay arranca en evidente fóra de xogo. Ademais disto, estivo moi mal á hora de sinalalos fóras de xogo, pois varios dos que indicou ao Malpica non eran. Tampouco estivo acertado á hora de descontar, pois non tivo en conta as constantes perdas de tempo do conxunto visitante.

Incidencias: Tarde con claros e nubes cunha temperatura agradable. Boa entrada na Pedra Queimada, cunhas 150 persoas no campo. Non houbo mancados de gravidade nin expulsados.

Goleadores: 0-1 (min.25): Balón en longo cara a frontal da área local, o central Iago adiántase ao dianteiro do Baio pero marca en propia meta ao tentar cederlle o esférico a Suso que non ten tempo para reaccionar. 0-2 (min.39): Pase en profundidade de Martín cara Canay que arranca en fóra de xogo, anotando de vaselina ante a saída de Suso que pouco puido facer. 1-2 (min.58): Boa xogada de Cheo por banda dereita que penetra na área, centra raso, aparecendo Neucha no punto de penalti para marcar a pracer.

Comentario: Entraba a Liga da Costa na parte final, pois despois deste partido só quedarían catro encontros, e o Malpica tiña a intención de continuar coa súa boa xeira de resultados como local que lle permitira seguir soñando coa quinta plaza e así mellorala clasificación do ano pasado cando quedaron sextos. Para iso, tíñan que vencer ao Baio, un equipo que se atopaba a catro puntos do virtual descenso. Manuel Agilda, adestrador local, contaba coa única baixa de Manu Pardo (por asuntos persoais). O Malpica comezou algo impreciso o encontro, se ben intentaba levala iniciativa, costáballe superala líña de mediocampo rival, pois o Baio acumulaba moita xente nesa parcela. A pesar de que os locais intentaban tocar dende atrás ante o repliegue visitante, creando perigo cada vez que lograban facelo con criterio, abusaron dos balóns en longo en demasiadas ocasións o que perxudicou aos seus intereses. Polo que atinxe ao Baio, apenas creou perigo en ataque, limitándose a sair ao contragolpe mandando balóns en longo cara os seus extremos. As mellores oportunidades na primeira parte foron para os malpicáns: pase en profundidade de Eloy cara David Blanco que regatea a Poyo pero queda sen ángulo e sáelle frouxo o seu disparo; unha falta botada por Neucha que sae preto do pao esquerdo; e un novo tiro de Neucha no segundo pao tras recibir un centro da dereita que salva un defensor baixo paos.

O segundo acto comezaba co Malpica perdendo por dous goles froito de dous erros (un propio e outro do colexiado), pero que non deu o encontro por perdido en ningún momento, encerrando ao Baio no seu campo durante toda a segunda metade. O equipo visitante apenas pisou a área malpicán, e non dispuxeron de ningunha oportunidade para marcar, acumulando xente atrás buscando defendela renta lograda antes do descanso, perdendo tempo cada vez que podían. Os locais controlaron por completo a posesión do balón, non se ofuscaron en buscala portería contraria mediante xogo directo, e alternaron moi ben o xogo en curto cos pases en profundidade, pero a pesar de recortalas distancias bastante pronto non lograron traducir a posesión do balón en ocasións, pois tampouco tiveron sorte nos metros finais cos nos varios rexeites que houbo. Nos últimos 15 minutos o dominio intensificouse, agora só con tres defensas, metendo ao Baio na súa propia área, pero non tiveron a mesma fortuna de cara a gol que nas últimas xornadas. Quizáis a mellor oportunidade do Malpica estivo nun lanzamento de Cheo dende fóra da área que Poyo mandou a saque de esquina tras unha fenomenal estirada.

Unha mágoa a derrota dos malpicáns, nun encontro no que foron netamente superiores ao Baio pero no que non sumaron os tres puntos (algo semellante sudeceu na primeira volta, onde empataron 0-0 sendo tamén superiores). Derrota que ainda resulta máis dolorosa tendo en conta os resultados que se produxeron nesta xornada, pois de gañar ascenderían ata a sexta plaza. No lado positivo queda a capacidade de reacción e o bo xogo que mostraron (sobre todo na segunda metade). A espera do que suceda coa Copa da Costa, a SCD viaxa a vindeira semana a Verdillo para medirse ao San Lorenzo.