lunes, 28 de marzo de 2011

INAUGURACIÓN OFICIAL

Na tarde de onte, antes do encontro que enfrontaba á SCD Malpica e á Esteirana, tivo lugar a inauguración dos novos vestiarios da Pedra Queimada, acto ao que asistiron o novo presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares, e o Alcalde da vila, José Ramón Varela. Aquí a nova no xornal La Voz de Galicia.

RESULTADOS DA 29ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Club do Mar 2 - Dumbría "B" 1

Carnota - Vimianzo (suspendeuse por incomparecencia dos visitantes).

Ponteceso 3 - O Pindo 0

San Lorenzo 1 - Fisterra 0

Malpica 5 - Esteirana 0

Camariñas 1 - Buño 2

Castriz 2 - Porteño 3

Baio 2 - Corme 2

Muros 1 - Sofán 1

LIGA DA COSTA 29ª XORNADA: MALPICA 5 - ESTEIRANA 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Víctor min.69), Iago (Gonzalo min.62), Marco, Eloy, (Casais min.65), Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Manu Pardo min.56), Nando.

SDR ESTEIRANA: Venancio, Chispi (Maceiras min.58), José Varela, Dani Rama, Suízo, Pichu (Roi min.81), Álex, Anaco, Uru (Andel min.46), Simón, Godo (Vidal min.75).

Árbitro: España Andrade. Ben en líñas xerais nun encontro bastante sinxelo de arbitrar. Sen embargo, errou nalgún fóra de xogo (que perxudicou e favoreceu indistintamente aos dous conxuntos). Os malpicáns protestaron ao anularlle un gol a Cheo por fóra de xogo moi dubidoso preto do final da primeira metade.

Incidencias: Tarde gris na Pedra Queimada, pero sen choiva. Uns 100 espectadores. Non houbo lesionados de consideración nin expulsados.

Goleadores: 1-0 (min.15): O Malpica saca rápido un fóra de xogo ao seu favor mentres os xogadores visitantes quedan protestando, Neucha recibe á altura de tres cuartos de campo e asiste en profundidade a David Blanco que bate a Venancio de tiro cruzado coa perna esquerda. 2-0 (min.25): Xogada dos malpicáns no borde da área, Cheo quere pasarlle o balón a David Blanco, hai un rexeite quedando o esférico morto para que o propio David marque a pracer de tiro raso. 3-0 (min.32): Nova xogada de Neucha que forcexea cun defensa rival, perde o balón pero cáelle de novo a David Blanco dentro da área que fusila a Venancio. 4-0 (min.86): Pase en longo de Nando cara a banda esquerda, o visitante Maceiras intenta controlalo dentro da área pero sáelle moi defectuoso salindo o balón cara David Blanco que anota o seu cuarto gol de tiro cruzado. 5-0 (min.91): Neucha controla o balón fóra da área, e lanza un trallazo coa perna dereita que se cola preto da escadra dereita, marcando un verdadeiro golazo.

Crónica: Tra-la derrota en Fisterra que cortaba unha xeira de catro vitorias consecutivas, a SCD Malpica volvía á Pedra Queimada para tentar de volver á senda do triunfo e seguir aspirando aos postos nobles da clasificación. Para iso, tería que superar a unha Esteirana que estaba tan só tres puntos por debaixo súa da táboa clasificatoria. Non había baixas no cadro local, máis que as coñecidas de Viña e Martín. A primeira metade comezaba cun Malpica adormilado, fallando en accións francas e con pouca claridade na circulación de balón. A Esteirana presionou ben e tentaba de sacalo esférico con criterio, pero apenas creaba perigo sobre a meta de Suso. Nas contadas accións nas que os locais lograban combinar plantábanse en zona de tres cuartos de campo sen moitas dificultades, e ahí foi onde naceron os tres primeiros goles (ademais do anulado a Cheo), aproveitándose da fráxil defensa visitante e cun David Blanco que, practicamente, tódolos tiros que intentou remataron en gol. Foi unha primeira parte con poucas ocasións de gol para ámbolos dous conxuntos, onde a efectividade dos malpicáns foi decisiva. A Esteirana tivo a súa ocasión máis clara nun tiro cruzado de Simón que Suso mandou a saque de esquina e nun par de faltas laterais que levaban perigo pero que non atoparon rematador.

No segundo acto o xogo non mellorou, continuaron os erros en pases claros e as imprecisóns á hora de combinar, cunha intensidade que pouco a pouco foi decaendo ainda máis. A Esteirana xuntou máis homes arriba, pero non foron quen de crear perigo pois apenas disfrutaron de pases acertados dos seus homes de mediocampo (resultado disto foi que non tiraron con perigo nestes segundos 45 minutos). O Malpica, que parecía conformarse con 3-0, controlou o encontro pero desenvolvendo un fútbol ramplón, pero tivo varias accións de perigo para marcar: un disparo de Manu Pardo que dou no pao esquerdo; un pase raso de Neucha dende a posición de extremo esquerdo ao que Casais non chegou no segundo pao; un saque de banda no que Venancio erra no despexe quedando o balón morto no corazón da área sen atopar rematador; e un saque de falta indirecto dende a frontal da área, no que Manu Pardo envía sobre Cheo cun toque sutil pero adiántase o porteiro visitante por pouco.

Partido máis ben gris dos homes adestrados por Manuel Agilda, no que o mellor foi, sen dúbida, o resultado final aproveitándose das facilidades defensivas da Esteirana. Deberá de melloralo xogo a SCD Malpica para afrontalos cinco derradeiros encontros de liga, pois preséntaselles un calendario nada sinxelo. É de destacala actuación de David Blanco (anotou 4 goles), pois converteu en gol todo o que lle chegou en zona de perigo, oxalá que colla unha boa racha goleadora para axudar ao seu equipo despois dunha tempada onde parece que a sorte lle está sendo esquiva de cara a gol. O vindeiro fin de semana, a SCD recibe de novo na Pedra Queimada ao Baio (na primeira volta o resultado foi de 0-0).

lunes, 21 de marzo de 2011

RESULTADOS DA 28º XORNADA DA LIGA DA COSTA

Porteño 0 - Ponteceso 2

Corme 0 - Muros 3

Sofán 3 - Club do Mar 2

Dumbría "B" 0 - Carnota 1

Vimianzo 2 - Camariñas 6

Buño 1 - Castriz 1

O Pindo 3 - San Lorenzo 2

Fisterra 1 - Malpica 0

Esteirana 2 - Baio 1

LIGA DA COSTA 28º XORNADA: FISTERRA 1 - MALPICA 0

SD FISTERRA: Joselu, Juan, Piti (Roberto min.67), Nico, Senra, Roco, Roa (Bruno min.91), Tati, Martín (Guardiola min.60), Dudo, Manoliño.

SCD MALPICA: Suso, Víctor, Marcos Amado, Iago, Marco, Eloy (Manu Pardo min.68), Neucha, Casais (Charlie min.64), Cheo, Andrés, Ismael (David Blanco min.46).

Árbitro: David Brun. Pésima actuación na tarde de onte. Permitiu o xogo violento do Fisterra dende os primeiros compases do encontro sen mostrar apenas ningún cartón en accións que, en varias ocasións, chegaron a ser antideportivas e sen opción de disputalo balón. Ademais, non sinalou penalti por unhas mans claras dun xogador local cando tentaba controlar un rexeite dentro da área preto do descanso.

Incidencias: Tarde soleada cunha temperatura que superaba os 20º no Ara Solís. Gran ambiente nas gradas, cunhas 200 persoas. Non houbo expulsados nin lesionados de gravidade.

Goleadores: 1-0 (min.72): Pase en profundidade de Nico cara Roa que recibe na posición de extremo esquerdo, o defensa malpicán Víctor tenta despexar pero o rexeite vólvelle a caer ao atacante local que bate a Suso de tiro raso.

Comentario: Partido atractivo o que se ía disputar no reformado Ara Solís entre Fisterra e Malpica, dous conxuntos que chegaban nun bo momento de forma e empatados a puntos na zona media-alta da clasificación. O adestrador malpicán, Manuel Agilda, contaba coa baixa do centrocampista Nando (por asuntos laborais). O encontro comezaba cun ritmo trepidante e con moita intensidade por ámbolos dous conxuntos, e con aproximacións perigosas ás dúas áreas, ainda que quizáis predominou o fútbol directo. O Malpica non lograba combinar como en partidos anteriores, debido á forte presión local e ás continuas faltas que o colexiado permitía. Por outro lado, o fútbol directo do Fisterra complicou á defensa visitante nesta primeira metade, xa que había demasiada distancia entrelíñas o que deixaba espacios á altura de tres cuartos de campo que aproveitaban os locais para surtir de balóns aos seus rápidos extremos. As ocasións máis destacadas do Malpica foron as seguintes: un centro-chut de Neucha que rexeita Joselu; un cabezazo do mesmo protagonista que sae alto tras un saque de esquina; unha volea de Cheo dende o punto de penalti que detén Joselu con dificultades e un disparo de Eloy dende a frontal que levaba moi boa dirección pero que petou nun defensa. Pola súa parte, o Fisterra tivo tamén oportunidades para marcar: un cabezazo de Roa que despexou Suso e unha acción de Manoliño que recibe ao borde da área pero entretense demasiado e perde o balón.

No segundo tempo a situación cambiou, pois o Malpica gañou en dominio da posesión e si logrou combinar en mediocampo, ante un Fisterra que se meteu máis atrás e baixou a intensidade na presión. A defensa visitante adiantou líñas provocando que o xogo se desenvolvese maioritariamente na parcela do campo dos locais. Sen embargo, a pesar de tocar ben e de chegar por ámbalas dúas bandas, faltou algo de claridade nos metros finais e o dominio territorial non se traduxo en oportunidades claras de gol. O Fisterra limitábase a esperar e a mandar balóns ás costas dos laterais malpicáns, pero apenas crearon perigo ata a xogada do gol (na que tiveron certa fortuna cos rexeites). A partir do gol, o Malpica arriesgou ainda máis, e a punto estivo de logralo empate nun cabezazo de David Blanco dende o corazón da área a centro de Neucha que detivo moi ben Joselu. Nos minutos finais, cos visitantes volcados, os locais tiveron unha dobre ocasión para marcar ao contragolpe, pero os tiros de Roa e Dudo repeleunos un atento Suso.

Partido moi disputado e igualado con pouco fútbol (especialmente na primeira metade), pero na que a mellor puntería dos locais resultou decisiva, nun encontro no que o empate probablemente sería o resultado máis xusto. Lamentable a actuación do colexiado que mostrou unha preocupante falta de autoridade e non fixo nada por cortalo xogo excesivamente violento do Fisterra (sobre todo de algún xogador). Tras esta derrota, a SCD Malpica pon fin a unha gran xeira de catro vitorias consecutivas. Os malpicáns xogarán dous encontros consecutivos na Pedra Queimada para tratar de reengancharse á zona alta da táboa clasificatoria, o primeiro deles fronte á Esteirana.

lunes, 14 de marzo de 2011

RESULTADOS DA 27ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Club do Mar 0 - Corme 0

Baio 1 - Muros 1

Carnota 1 - Sofán 1

Camariñas 1 - Dumbría "B" 1

Ponteceso 2 - Buño 0

San Lorenzo 1 - Porteño 2

Malpica 3 - O Pindo 1

Esteirana 3 - Fisterra 1

Castriz 2 - Vimianzo 1

LIGA DA COSTA 27ª XORNADA: MALPICA 3 - O PINDO 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Diego min.66), Iago (Gonzalo min.64), Marco, Eloy, (Manu Pardo min.59), Neucha, Casais, Cheo (Víctor min.71), Andrés (Ismael min.59), Nando.

O PINDO CF: Garrido, Juan de Dios (Pulpo min.57), Mateo, César, Jose, Piquero (Julián min.62), Fran (Rafa min.46), Edu (Diego min 62), Aitor, Víctor, Rivas.

Árbitro: Nuria López. Boa labor a que desenvolveu na tarde de onte, sen complicarse a vida nun encontro no que apenas houbo xogadas polémicas.

Incidencias: Tarde nubrada e fría na Pedra Queimada, pero sen choiva. Sobre un cento de espectadores no campo. O defensa visitante Jose tivo que abandonalo terreo de xogo mancado no min.89 tras chocar co malpicán Gonzalo nun balón dividido. Non houbo expulsados.

Goleadores: min.6 1-0: Gran pase en profundidade de Eloy cara Cheo que lle gaña as espaldas á defensa do Pindo e bate de tiro raso a Garrido. min.45 2-0: Eloy recibe a altura do semicírculo da área, desfaise habilmente de dous contrarios e anota de forte tiro cruzado a media altura. min.58 3-0: Casais realiza unha boa diagonal, combina con Neucha e este logra o terceiro gol local cun bo disparo dende borde da área. min.74 3-1: Rafa dende a banda dereita cara o segundo pao onde aparece Rivas libre de marca para marcalo gol da honra visitante.

Comentario: Despois de enlazar tres vitorias consecutivas por primeira vez no que vai de curso futbolístico trala vitoria ante o Porteño, a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada ao perigoso O Pindo, buscando alongala xeira de triunfos e acercarse un pouco máis á zona media-alta da clasificación. Para este encontro, o adestrador malpicán, Manuel Agilda, contaba con tódolos seus efectivos, salvo as baixas habituais de Martín e Viña. O partido comezou moi ben para os intereses do Malpica, pois en apenas 5 minutos xa contaban con vantaxe no marcador. A partir dese primeiro gol, os locais monopolizaron a posesión do esférico, tendo sempre a iniciativa no xogo, pero mostráronse algo irregulares e imprecisos, pois cometeron bastantes perdas de balón non forzadas. A pesar da súa superioridade na tarde de onte nestes primeiros 45 minutos, non lograron profundizar, non logrando traducir esa posesión en oportunidades claras de gol, se ben contaron cunha triple ocasión para marcar sobre o minuto 30: primeiro Cheo encara a Garrido pero o gardameta despexa o seu disparo, cáelle o balón a Casais pero o seu tiro rexéitao un defensa na área pequena, volvendo o esférico aos pés de Neucha que dispara alto dende a frontal da área. Pola contra, O Pindo apenas chegou á área dos malpicáns, cun Suso que pasou case desapercibido, e as poucas aproximacións das que dispuxeron debéronse, sobre todo, a perdas de balón dos locais.

O segundo acto mantivo unha tónica semellante, polo menos duarante os primeiros 15-20 minutos, cun Malpica que buscaba combinar dende atrás, mantendo a posesión pero con pouca profundiade, mentres que O Pindo buscou presionar un pouco máis pero que deu moitas facilidades no mediocampo e na defensa. Non obstante, a partir do 3-0 a intensidade decaeu, pois os locais limitáronse a esperar a que pasasen os minutos e quizáis caeron nunha excesiva relaxación, circunstancia que aproveitaron os carnotás para comezar a levar perigo. Mesmo co 3-1 tiveron unha boa oportunidade no minuto 80 por medio de Víctor que entra na área pero o seu disparo despéxao Suso nunha boa estirada. A pesar dos seus intentos, O Pindo non creou máis perigo, e limitouse a colgar balóns un pouco á desesperada.

Nova vitoria da SCD Malpica, que acumula xa catro de xeito consecutivo o que lle permite escalar un posto na táboa clasificatoria (actualmente son oitavos), nun partido no que deron unha boa imaxe, pero cunha excesiva relaxación na parte final que por pouco lles costa un disgusto. A vindeira semana, o Malpica viaxa a Fisterra para xogar nun dos campos máis complicados da categoría, o Ara Solís (que, por certo, foi recentemente remodelado).

lunes, 7 de marzo de 2011

RESULTADOS DA 26ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Dumbría "B" 3 - Castriz 0

Muros 2 - Club do Mar 1

Corme 1 - Carnota 1

Sofán 1 - Camariñas 1

Vimianzo 0 - Ponteceso 4

Porteño 0 - Malpica 5

O Pindo 4 - Esteirana 1

Fisterra 4 - Baio 1

Buño 0 - San Lorenzo 1

LIGA DA COSTA 26ª XORNADA: PORTEÑO 0 - MALPICA 5

CF PORTEÑO: Asiel, (Santi min.70), Roi, Manu (Iago Sestayo min.55), Martín Currás, Quilmes, Brais, Rubén, Óscar, Iván, Iago Martínez, Cousillas.

SCD MALPICA: Suso, Víctor, Marcos Amado, Iago (Diego min.70), Marco, Ismael (Casais min.63), Neucha (Manu Pardo min. 69), Cheo (Charlie min.72), David Blanco, Andrés, Nando.

Árbitro: Gonzalo Javier Volunterio. Mala actuación pois errou en varias xogadas importantes: non indicou penalti a prol do Malpica por mans no min.15 e si pitou a pena máxima a favor do Porteño (min.40) tras interpretar que o esférico impactara nas mans do defensa Iago cando en realidade lle pasou entre as pernas e lle golpeou nun muslo. Tamén fallou á hora de sinalar algún fóra de xogo claro.

Incidencias: Pouco púlbico no Hermanas Patiño (Camariñas), con medio centenar de persoas no campo. Tarde soleada e cunha temperatura moi agradable. O xogador do Porteño Manu tivo que ser sustituído ao comezo da segunda metade. Non houbo expulsados.

Goleadores: 0-1 min.35: Xogada do Malpica pola banda esquerda, o balón chégalle a David Blanco no borde da área pequena pero o seu disparo rexéitao Asiel, caéndolle a Marcos Amado que con todo a favor tira ao poste pero o rexeite anótao Neucha a porta valeira poñendolle fin á carambola. 0-2 min.55: Pase en profundidade de Víctor cara Cheo que entra na área por banda dereita e fusila a Asiel. 0-3 min.65: Saque de falta dende o lateral dereito da área do Porteño botada por Nando, Neucha cabecea no segundo pao, despexa o porteiro con moitos apuros anotando Cheo a pracer. 0-4 min.69: Xogada de Cheo pola banda dereita, centra raso, non chega Neucha por pouco pero aparece David Blanco que marca de tacón entre varios defensores. 0-5 min.78: Nando marca no segundo pao tras un disparo de David Blanco que rexeitou Santi.

Crónica: Despois de vencer no derbi local ao Buño, o Malpica enfrontábase ao Porteño coa idea de gañar e deixalo equipo da Ponte da Porte descolgado (este equipo marca a derradeira plaza de descenso), evitando así eliminar calquera tipo de apuro clasificatorio. Ademais das baixas habituais de Viña e Martín, os visitantes contaban coa baixa do sancionado Eloy. O encontro estivo dominado dende o primeiro minuto polos malpicáns, que sairon cunha disposición táctica moi ofensiva, controlando por completo a posesión do esférico e contando con moitas ocasións para lograr unha goleada de auténtico escándalo, pero estiveron algo erráticos á hora de definir. As aproximacións con perigo sucedéronse unha tras outra, tanto polas bandas como a través de pases en profundidade, destacando as seguintes: un centro-chut de Marcos Amado que case sorprende a Asiel; un disparo de Neucha que saiu excesivamente cruzado; un pase en profundidade de Neucha sobre David Blanco pero o disparo deste despéxao o gardameta; de novo David plántase só ante Asiel despois dunha fenomenal xogada individual pero o seu tiro volve a rexeitalo o gardameta local. Polo que atinxe ao Porteño, puxeron gañas, pero estiveron desbordados por completo e tiveron moitas dificultades á hora de sacalo balón con criterio. Sen embargo, dispuxeron dun penalti pouco antes do descanso pero Suso chapou o lanzamento de Roi.

No segundo tempo, a tónica do partido foi semellante, co equipo de Manuel Agilda tocando dende atrás, a pesar de que o Porteño tentou presionar máis, pero sen poñer en apuros ao Malpica en ningún momento, salvo nalgún balón parado e saque de banda (os verdadeiros puntos fortes deste conxunto). A medida que se sucedían os goles o partido foi decaendo en intensidade, pois as diferencias na tarde de onte foron moi evidentes entre ámbolos dous conxuntos. A pesar de lograr catro goles nestes segundos 45 minutos, os visitantes tiveron accións claras para marcar máis goles: Neucha non atina a rematar un centro raso dentro da área pequena; David Blanco tamén erra dentro da área nun man a man; e mesmo dispuxeron dun penalti que Santi lle parou ao propio David na recta final do encontro. O Porteño apenas pasou da líña de tres cuartos, e Suso pasou desapercibido nesta segunda parte.

Gran vitoria da SCD Malpica, que lle saca xa 16 puntos ao Porteño cando quedan 24 en xogo, polo que se asegura a permanencia na Liga da Costa. Os malpicáns desenvolveron un gran encontro, combinando con paciencia e criterio en tódalas parcelas do campo, sen pasar apuros atrás e creando perigo tanto en accións individuais como colectivas, ante un rival (todo hai que decilo) que deu unha pobre imaxe. O Malpica suma por primeira vez tres vitorias consecutivas no que vai de tempada, acumulando igual cantidade de partidos sen encaixar gol e con 18 goles a favor nos derradeiros 6 encontros. A vindeira semana reciben na Pedra Queimada ao perigoso O Pindo.

martes, 1 de marzo de 2011