viernes, 29 de julio de 2011

REDES SOCIAIS

Gracias a tódolos seguidores da SCD Malpica, pois superamos os 300 amigos en facebook! Esperamos seguir crecendo e que cada vez máis xente esté informada de todo o que acontece na SCD.

CADETES

Tras varias reunións entre a xunta xestora da SCD Malpica e os rapaces interesados en xogar nos cadetes do equipo malpicán, confirmouse a continuidade do equipo un ano máis. O adestrador será Óscar Moscoso (futbolista recén fichado para os modestos). A pretemporada comeza o venres día 19 de agosto ás 19:00 horas no campo da Pedra Queimada.

Dende este blog facemos un chamamento ao rapaces interesados para que se animen a xogar nos cadetes, mesmo os que están en idade infantil.

jueves, 28 de julio de 2011

BAIXAS

Confirmanse dúas baixas máis no equipo sénior da SCD Malpica. Así, ademais das anunciadas de David Blanco (Santa Comba) e de Eloy (Baio), tamén deixan o equipo o mediocentro Ismael e o extremo Miguel Dourado (que a pesar de ser xuvenil estivo gran parte da temporada pasada nos modestos). O seu destino é o Buño, conxunto que tamén está na Liga da Costa.

Dende este blog desexamoslle moita sorte aos dous neste ano.

miércoles, 27 de julio de 2011

NOVAS

Na reunión deste mércores 27 en Baio, o Malpica xa concretou os horarios dos partidos de liga:


Modestos: o primer equipo disputará os seus encontros como local e visitante os domingos á tarde. Como excepcións os desprazamentos contra Fisterra, Club do Mar e Corcubión, que serán o sábado á tarde.

Xuvenís: Sábados á tarde (alternando semanas cos cadetes).

Cadetes: Sábados ás 16:00 da tarde (alternando semanas cos xuvenís).

CALENDARIO DE PRETEMPORADA

Practicamente están confirmados os partidos amigables que disputará o equipo sénior da SCD Malpica de cara a prepararse para a temporada 2011/2012:

- Venres 5 de agosto: SCD Malpica - Independiente de Carballo (conxunto da 3ª Autonómica).

- Domingo 7 de agosto: Trofeo Mostra da Olería, que consistirá nun triangular no que participan a SCD Malpica, a U.D. Cerqueda (da 3ª Autonómica) e o Buño S.D. (da Liga da Costa).

- Domingo 14 de agosto: Oza dos Rios (da 3ª Autonómica) - SCD Malpica.

- Fin de semana do 20 e 21 de agosto: a SCD Malpica disputará un trofeo na Coruña contra o San Tirso (acaba de descender á 2ª Autonómica), Silva (recén ascendido á 1ª Autonómica) e Sporting Ciudad (da 2ª Autonómica).

Ademais dos mencionados anteriormente, están pendientes de confirmar dous amigables máis: un contra o Xallas (equipo de Preferente) e outro no Trofeo das Festas do Mar (no derradeiro fin de semana de agosto).

martes, 26 de julio de 2011

PRENSA

A Web piratasdemuxia.es faise eco da fichaxe de Pablo polo Malpica. Podelo ler aquí.

PRENSA

O diario Depor Sport recolle na edición do pasado sábado a incorporación de Miguel Avelino para o equipo sénior da SCD Malpica. Aquí o enlace.

FICHAXE

A SCD Malpica segue perfilando o seu equipo de modestos para afrontalo curso futbolístico 2011-2012. O derradeiro xogador en sumarse ao proxecto é Pablo López (nacido en 1987 na vila de Larín), que estivo a temporada pasada no Atlético Arteixo en Primeira Autonómica. Pablo é un dianteiro que destaca pola súa velocidade e olfato de gol, pois cabe recordar que na temporada 2009-2010 foi o máximo goleador da Liga da Costa ao firmar 29 goles no San Lorenzo.

lunes, 25 de julio de 2011

BAIXA


O mediocentro Eloy Vilas Mato abandona a SCD Malpica para fichar polo Baio, despois de varias tempadas no primeiro equipo e de pasar polas categorías inferiores do conxunto costeiro. Desexamoslle moita sorte a Eloy nesta nova etapa.

domingo, 24 de julio de 2011

PRENSA

O diario Depor Sport faise eco das noticias que afectan á SCD Malpica nas edicións dos pasados mércores e xoves, especialmente no tema de novas incorporacións. Aquí e aquí se poden ler.

jueves, 21 de julio de 2011

FICHAXE

Nova incorporación para os modestos da SCD Malpica. O novo fichaxe é Óscar Moscoso de 26 anos de idade, que procede do Buño, despois de estar hai 2 tempadas no Ponteceso. Trátase dun polivalente defensa que se adapta tanto ao posto de lateral como de central.

NOVAS

A web piratasdemuxia.es faise eco das noticias anunciadas pola SCD Malpica. Podes velas aquí.

miércoles, 20 de julio de 2011

XUVENÍS

Trala reunión que tivo lugar na tarde de onte entre a directiva e os rapaces en idade xuvenil que acudiron, tomouse a decisión de seguir co equipo xuvenil da SCD Malpica, pois hai un número suficiente de xogadores. A pretemporada comeza o luns día 1 de agosto.

Unha vez confirmado a presencia do equipo xuvenil, tamén se pode confirmar que o adestrador será Manuel Piña. Piña foi o adestrador a tempada pasada dos cadetes do Malpica (co que logrou a 7ª posición cun plantel moi curto), e tamén pasou, entre outros, polas categorías inferiores do Baio e do Bergantiños, ademais de ser segundo adestrador nos modestos.

Moita sorte aos xuvenís nesta tempada 2011-2012.

martes, 19 de julio de 2011

ACTUALIZACIÓN

Se no día de onte confirmamos a baixa de David Blanco, hoxe xa sabemos o seu destino: o Santa Comba, conxunto que militará a tempada 2011/2012 na Preferente Norte (despois de varios anos en Terceira).

lunes, 18 de julio de 2011

BAIXA





A pesar de que a semana pasada adiantabamos a renovación de David Blanco, semella que finalmente o ariete de Neaño abandonará a disciplina da SCD Malpica, pois nos últimos días chegoulle unha oferta moi importante dun equipo de categoría superior. Dende este blog desexamoslle a David moita sorte na súa nova aventura futbolística.

domingo, 17 de julio de 2011

FICHAXE



Nova incorporación para os modestos da SCD Malpica. Trátase de Miguel Avelino Suárez, que regresa ao clube despois de dúas tempadas de non xogar ao fútbol federado por temas laborais. Xoga de lateral dereito, ainda que tamén se pode adaptar á banda esquerda. Estivo en tódalas categorías do clube (infantís, cadetes, xuvenís e maiores) e conta con 25 anos de idade.

jueves, 14 de julio de 2011

FICHAXE





A SCD Malpica segue perfilando a plantilla do equipo dos modestos para o curso futbolístico 2011-2012. O derradeiro en unirse ao equipo é Roberto Rancaño, mediocentro de 28 anos que regresa ao equipo malpicán tras pasar unha temporada no Lamela (conxunto da 1ª Rexional).

PRENSA

O diario Depor Sport recolle na sua edición do Luns 11 de Xullo varias novas da SCD Malpica:

1º O fichaxe de Alfredo (xa adiantada por este blog).

2º A convocatoria do gardameta Suso coa selección Norte da Costa para un amistoso o próximo día 24 contra a zona sur (noraboa ao xogador malpicán).

3º E a posible baixa de David Blanco. Neste derradeiro aspecto, este blog está en disposición de adiantar que o ariete de Neaño comprometeuse co conxunto malpicán para a vindeira campaña

martes, 12 de julio de 2011

ANUNCIO: CATEGORÍAS INFERIORES

A nova xunta xestora da SCD Malpica ten a intención de continuar coas categorías inferiores do clube, volvendo a formar un equipo de infantís (pois nos últimos anos desaparecera).

Coa idea de coñecer o número aproximado de xogadores potenciais en cada conxunto, convoca a unha REUNIÓN aos interesados que terá lugar no CAMPO DE FÚTBOL DA PEDRA QUEIMADA (MALPICA) O VINDEIRO MARTES DÍA 19 DE XULLO ÁS 20:30 HORAS.

As idades que comprende cada categoría son as seguintes:

- Xuvenís: nacidos entre o 1-1-1993 e o 31-12-1995.

- Cadetes: nacidos entre o 1-1-1996 e o 31-12-1997 (aconsellase que asistan os pais).

- Infantís: nacidos entre o 1-1-1998 e o 31-12-1999 (aconsellase que asistan os pais).

lunes, 11 de julio de 2011

FICHAXE


Nova fichaxe da SCD Malpica para o equipo dos modestos. Trátase de Alfredo Suárez, xogador que militou as dúas últimas campañas no Ponteceso (co que gañou a Liga da Costa a temporada pasada), tras formarse nas categorías inferiores do Malpica, e de pasar polo Orillamar (en categoría cadete), polo Bergantiños (Liga Nacional en xuvenís) e un breve paso polo Montañeros da División de Honor en xuvenís. O malpicán, de 24 anos de idade, pode xogar en calquera posición do ataque; como curiosidade, decir que é o máximo goleador da historia da SCD Malpica tendo en conta tódalas categorías, sumando 248 goles (50 co primeiro equipo).

viernes, 8 de julio de 2011

FICHAXE

A SCD Malpica confirmou que acaba de incorporar a Daniel Fieira (nacido en 1984 en Seaia) como membro do primeiro plantel. Trátase dun extremo que pode xogar en ámbalas dúas bandas do ataque. A pasada tempada xogou na liga de peñas co Sporting Seaia. Formouse nas categorías inferiores do Malpica e do Imperátor da Coruña, e estivo por última vez nos modestos hai 5 tempadas.

martes, 5 de julio de 2011

TEMPORADA 2011/2012


Comeza a tomar forma a SCD Malpica da vindeira campaña. Así, tralo cese da directiva que presidía Fernando Couto, asume o papel de xunta xestora un novo grupo de persoas que encabeza o actual capitán do primeiro equipo, Marco Pose. Tamén forman parte varios xogadores, ainda que o reparto de cargos e o número exacto de membros non está ainda pechado formalmente.

Por outra banda, no aspecto deportivo, Manuel Agilda seguirá sendo o adestrador do equipo de modestos un ano máis, o que significará a sua cuarta temporada no equipo costeiro.

Tamén está confirmado a fichaxe do dianteiro Fran Montes, máis coñecido como "Charro", que regresa ao Malpica tras dúas temporadas no Ponteceso (co que se proclamou campión da Liga da Costa).

O diario Depor Sport facíase eco da información na súa edición do pasado mércores. Aquí se pode ler.

lunes, 4 de julio de 2011

COPA DA COSTA: FINAL

Soneira 2 - Castriz 0 (resultado global de 5-0).

O Soneira SD proclamouse onte campión da Copa da Costa 2011, facendo bos os pronósticos que o daban como favorito. Noraboa ao equipo de Vimianzo.