CORME CF: Suso, Adolfo, Martinciño, Rafa Valiña, Pandi, Diego, Martín (Gonzalo min. 87), Alejandro, Iago, Lucas, Alejo (Abel min. 77).
SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Marco, Iago, Ismael, Neucha, Eloy (Martín min.76), David Blanco, Manu Pardo (Cheo min. 67), Miguel Dourado (Carlitos min.63).
Árbitro: David Brun. Tivo unha actuación bastante correcta, pois non houbo grandes xogadas conflictivas salvo en dúas accións puntuais: na primeira metade, os malpicáns reclamaron penalti por unhas presuntas mans de Rafa Valiña, e na segunda os locais protestaron por outras presuntas mans de Víctor.
Ambiente e Incidencias: Tarde despexada no Cairo, pero cun moderado vento que tivo certa influencia no xogo. Non houbo expulsados. No apartado de lesións, o xogador do Corme Alejo tivo que ser sustituído preto do final do encontro cun esquince de nocello.
Goleadores: 0-1, min. 33: Saque de esquina a prol do Malpica dende a banda dereita, o centro de Neucha é rexeitado pola defensa cormelán en primeira instancia, pero o esférico cáelle a Manu Pardo que dende o pico da área anota cunha gran volea sen deixar que o balón toque no chan..1-1, min. 55: Outro saque de esquina dende o mesmo sitio que deu lugar ó gol do Malpica, esta vez a favor do Corme, Rafa Valiña saca a media altura e moi forte, Charlie intenta despexar pero só lle da tempo a rozalo balón levemente, aparecendo dentro da área pequena Alejandro para marcar de cabeza sen oposición.
Comentario: Partido atractivo o que enfrontaba a dous conxuntos que se caracterizan pola calidade dos seus homes de ataque, e presumiblemente igualado pois chegaban empatados na clasificación con 4 puntos en tres xornadas. Para esta cita, os malpicáns contaban coas baixas de Viña, Marcos Amado (os dous lesionados) e de Casais (por sanción); tamén estaban "tocados" Cheo e Andrés, ainda que os dous estaban na convocatoria. No primeiro período, os xogadores adestrados por Manuel Agilda saíron moi concentrados ó terreo de xogo, ben organizados a nivel defensivo, presionando con criterio e levando constante perigo, ainda que quizáis lles faltou algo de fluidez á hora de combinar, pero lograron impoñerse con claridade e apenas lle concederon opcións ó Corme. De entre as múltiples ocasións do Malpica, destacaron un cabezazo de Ismael ó longueiro tras despexar Suso; un disparo de Manu Pardo dende uns 25 metros que sacou con moitísimos apuros o gardameta local, caéndolle o balón a Miguel Dourado que tira alto dende o borde da área pequena; unha xogada individual de David Blanco que culmina cun disparo que saiu fóra por pouco; e un tiro cruzado de Neucha que tamén foi fóra por pouco. Polo que atinxe ós locais, mostráronse algo apáticos nestes primeiros 45 minutos, e con algún erro de bulto en defensa, mentres que en ataque tiveron unha boa ocasión por medio de Iago que marrou un man a man.
Na segunda metade, volveu a aparecer o Malpica das "dúas caras", pois o decorado do encontro cambiou radicalmente, como se os dous equipos invertisen os papeis. Así, a SCD perdeu o control do partido, non foi quen de apenas tela posesión do balón nin de movelo con criterio, e apreciouse un claro baixón de intensidade en moitas fases destes segundos 45 minutos. O feito que pon en evidencia tal situación foi o número de oportunidades de gol, pois apenas dispuxeron de dúas: un tiro cruzado de Miguel Dourado dende a dereita da área, e un tiro bombeado de Ismael dende a esquerda que saiu rozando a escadra da meta local. Pola súa parte, o Corme sen facer nada do outro mundo, logrou impoñerse no mediocampo e comezaron a aparecer os seus homes máis perigosos, desaparecidos durante a primeira metade, ante un equipo visitante que sempre ía cunha marcha menos. Crearon perigo a balón parado (pois dispuxeron de varios saques de esquina e faltas próximas a área) e tiveron dous ou tres tiros perigos que sacou ben Suso.
Se en contendas precendentes foron erros arbitrais os que privaran ós malpicáns de poder obter máis puntos, na tarde de hoxe foron erros propios os que propiciaron un empate nun partido que o Malpica tivo nas súas mans e visto para sentencia na primeira parte. Dúas conclusións principais se poden sacar: 1ª, os partidos hai que "matalos" cando se teñen as oportunidades para facelo; e 2ª, no momento en que aparecen a relaxación e a desorganización calquera conxunto da categoría che fai un roto. Para deixar atrás o mal sabor de boca de hoxe e a mala xeira de resultados (suman tres xornadas sen gañar), a SCD recibe a vindeira semana a un dos "gallitos" da liga, o Sofán (lembremos que a tempada pasada rematou na terceira posición).
0 comentarios:
Publicar un comentario