lunes, 6 de diciembre de 2010

LIGA DA COSTA 14ª XORNADA: MALPICA 2 - SAN LORENZO 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago, Marco, Ismael, Neucha (Gonzalo min. 85), Casais (M. Dourado min. 46), David Blanco (Diego min. 83), Andrés, Manu Pardo (Eloy min. 46).

SAN LORENZO: Recarey, Canteiro (Marcos Cancela min. 67), Fabián (Quillo min. 63), Dubra, Casilleiro, Anxo, Omar (Eloy min. 73), Cachizo, Alexandre, Álex, Javi (Fuente min. 81).

Árbitro: Fernando Rodríguez Rodríguez. Nova arbitraxe nefasta nesta tempada para a SCD Malpica, pois o colexiado de onte cometou dous erros de bulto: no minuto 2 sinala falta cometida sobre David Blanco cando a infracción tivo lugar dentro da área; e no segundo tempo sácalle cartón amarelo ó propio ariete malpicán por entender que se deixara caer cando claramente foi derribado polo porteiro visitante tras regatealo, novamente, dentro da área.

Ambiente e Incidencias: Tarde moi fría na Pedra Queimada, cunhas 100 persoas no campo. Non houbo mancados nin expulsados.

Goleadores: 1-0 min. 5: Gran pase en profundidade de Manu Pardo ás costas da defensa visitante, David Blanco aproveita a súa velocidade para plantarse só ante Recarey, anotando de tiro raso que se cola entre as pernas do gardameta. 2-0 min. 78: Boa xogada de ataque do Malpica que finaliza cun pase de Ismael cara David Blanco que volve a encarar a Recarey, nun primeiro intre o porteiro rexeita o disparo do dianteiro, pero o balón volve a pés de David que anota a porta vacía.

Comentario: Despois de empatar en Baio, a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada a outro rival directo, ó San Lorenzo, pois ámbolos equipos se atopaban empatados a puntos na táboa clasificatoria. Para este encontro, Manuel Agilda acumulaba as seguintes baixas: Viña, Martín, Carlitos (os tres con diversas molestias físicas) e de Marcos Amado (sancionado). Comezou o encontro moi ben o Malpica, facéndose dono do balón e chegando con perigo durante os primeiros 15 minutos, pois ademais do gol tiveron algunha oportunidade para marcar máis goles, coma un man a man de Neucha tras un pase de Manu Pardo, pero o seu disparo rexeitouno o gardameta visitante. Sen embargo, a partir dunhas accións desatinadas por parte do colexiado en contra dos malpicáns, os xogadores locais comezaron a estar máis pendientes do árbitro que do partido, e o San Lorenzo comezou a combinar, chegando á liña de tres cuartos de campo con relativa facilidade aproveitando a velocidade dos seus xogadores de ataque, ainda que o conxunto azulón non pasou excesivos apuros defensivos. As mellores ocasións chegaron preto do descanso: primeiro David Blanco faise cun balón morto no borde da área, regatea a Recarey nunha mala saída deste pero queda con pouco ángulo e o seu disparo é rexeitado pola defensa; a segunda oportunidade foi para o San Lorenzo, xa no minuto 45, despois dun contragolpe tras un saque de esquina a prol do Malpica, Álex plántase ante Suso e dispara forte a media altura respondendo o gardameta local cunha gran man.

O segundo período comeza cun Malpica moi concentrado e metido no encontro, algo que non sempre sucede, xa que ás veces saen algo "relaxados" cando o marcador vai de cara, o que xa lles costou algúns puntos (como mostran os partidos contra o Porteño e o Pindo). O protagonista foi o xogo directo, cunha defensa visitante moi adiantada e cun David Blanco moi incisivo durante todo o encontro que buscaba aproveitar os espacios e os bos pases que lles serviron os seus compañeiros durante todo o encontro. Non houbo excesivas ocasións claras, destacando un disparo de Miguel Dourado dende o pico dereito da área que se marchou alto. O San Lorenzo acumulou máis xente na parcela ofensiva, pero non lograron combinar con rapidez, faltándolle fluidez para facerlle dano a defensa malpicán. Tiveron a súa mellor oportunidade nun pase en profundiade cara Alexandre que disparou alto. A partir do 2-0 o partido non tivo máis historia, limitándose os locais a esperar a que pasase o tempo sen pasar problemas para mantela renda.

Importante vitoria para a SCD Malpica, que suma 7 puntos nos últimos tres encontros e que deixa de novo unha imaxe moi sólida ante un San Lorenzo que ten grandes xogadores no ataque pero que deixou unha sensación de inseguridade na defensa que non desaproveitou o equipo local cun David Blanco que se reencontrou co gol despois dunha xornada pasada nada inspirada. A vindeira xornada, o equipo adestrado por M. Agilda deberá xogar ante o Ponteceso, o equipo favorito (xunto co Camariñas) para gañala Liga da Costa 2010/2011.

0 comentarios:

Publicar un comentario