lunes, 13 de diciembre de 2010

LIGA DA COSTA 15ª XORNADA: PONTECESO 1 - MALPICA 0

PUENTECESO SD: Norberto, Fabián, (Charro min. 46; Tucho min. 69), Dani Pallas (Illote min. 92), David Abelenda, Carlos Mato, Pablo, Mario, Bolón, Toniño (Alfredo min. 46), Nando, Luisete (David min. 82).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago, Marco, Ismael (Eloy min. 61), Neucha (M. Dourado min. 74), Cheo, David Blanco, Andrés, Manu Pardo (Casais min. 74).

Árbitro: Candal Regueira. Foi protestado por ámbolos dous conxuntos durante a primeira metade por dúas accións polémicas, unha en cada área: no minuto 25 Neucha encara a Norberto e tras regatealo este derribao, pero o colexiado non sinala a pena máxima ó interpretar que o malpicán se deixa caer; e no minuto 40 Charlie derruba a Nando tras disputar un balón aéreo tamén dentro da área pero o colexiado non apreciou intencionalidade. Polo demais, tivo unha actuación moi correcta, mostrándose sempre dialogante cos xogadores e controlando o xogo sen abusar dos cartóns.

Ambiente e Incidencias: Bo aspecto o que presentaban as bancadas do Pinguel na tarde de onte, cuns 200 espectadores. Tarde con nubes e claros pero cunha temperatura agradable para a época do ano na que nos atopamos. Non houbo expulsados. No apartado de lesións, Charro abandonou o terreo de xogo cun esguince nun ligamento dun xeonllo; tamén o local Dani Pallas tivo que ser sustituído no treito final do encontro por un golpe nun nocello.

Goleadores: 1-0 min. 64: David Blanco pelexa a posesión do esférico na frontal da área do Ponteceso, a defensa local despexa cun pelotazo que bota preto da frontal da área visitante, Marco disputa o balón con Charro coa mala fortuna de que introduce o balón na súa propia portería despois de rebotarlle no hombro e pasarlle a Suso por encima que se atopaba algo adiantado, a pesar dos intentos de Charlie e Iago por evitar que entrase.

Comentario: Despois da vitoria ante un rival directo a semana anterior (2-0 fronte ó San Lorenzo), a SCD Malpica desprazábase ata Ponteceso para xogar contra o equipo local, un dos máximos favoritos para gañala Liga da Costa e que se atopa en plena xeira de vitorias e goleadas tras un mal inicio de campionato. Para este complicado encontro, Manuel Agilda contaba coas seguintes baixas: Marcos Amado (sancionado), Carlitos (con problemas lumbares) e dos mancados de longa duración Martín e Viña. A contenda comezou moi igualada, cun Malpica ben plantado atrás sen deixarlle espacios ós rápidos atacantes locais e facéndose forte en mediocampo. A posesión do esférico correspondeu maioritariamente ó Ponteceso, pero en zonas moi atrasadas, esperando os malpicáns a recuperalo balón e sair en varios contragolpes perigosos lanzados por pases en longo de Manu Pardo cara David Blanco, sobretodo, pero ó ariete faltoulle algo de sorte nos metros finais. As xogadas de perigo para os locais chegaban pola banda dereita dos locais, con Mario e Luisete como protagonistas. Non houbo ocasións moi claras de gol, destacando as seguintes: para o Malpica unha volea de Cheo tras un saque de falta de Manu Pardo que se marchou alta; un disparo cruzado de David Blanco que se atopaba algo escorado e un lanzamento de falta de Neucha que saiu rozando o longueiro. Por parte do Ponteceso cabe mencionar: un disparo a media altura dende a dereita de Mario que sacou Suso e un fenomenal disparo de Bolón dende uns 25 metros que dou na cruceta.

No segundo tempo a tónica foi semellante a da primeira parte, moita igualdade e brega por parte dos dous equipos, pero con escaso fútbol combinativo e con poucas aproximacións as áreas, e cun Malpica moi disciplinado tacticamente e sen fisuras xogando coma un bloque, creando certo perigo cando lograba tocar en corto e aproveitalos espacios, pois se ben a defensa do Ponteceso se mostrou moi contundente no xogo aéreo, tivo dificultades cando os malpicáns "raseaban" o balón. A clave do encontro estivo no minuto 62, pois Neucha rematou de cabeza ó longueiro cando se atopaba completamente só en boca de gol tras un gran centro de Cheo dende a banda dereita, producíndose apenas dous minutos despois a desgraciada xogada que acabou no gol local. A partir do 1-0, o partido sufriu varias interrupcións importantes tras xogadas onde xogadores dun e doutro equipo necesitaron a entrada das asistencias, o que provocou que se disputase pouco tempo de xogo real. O Malpica intentouno ata o final, agora levando o peso do encontro, inclusive facendo trocos ofensivos buscando ter máis presencia en ataque e subindo líñas, pero non contou con oportunidades claras, tan só un disparo de Iago que saiu excesivamente cruzado tras un pase de Cheo dende a banda dereita xa no minuto 90. O propio Cheo sería derrubado na área tras un empuxón de David que se desentendeu do balón, pero non no considerou suficiente o colexiado como para pitar penalti.

En resumo, encontro de ti a ti entre Ponteceso e Malpica onde as ocasións de gol brillaron pola súa ausencia, cunha SCD Malpica que deixa de novo unha boa imaxe ante o novo líder pero que volve a pagar caro a falta de acerto en oportunidades claras para marcar e que perde o encontro tras un gol en propia meta nunha xogada moi desafortunada. De tódolos xeitos, hai que quedarse co positivo, pois xogando coa actitude de onte seguro que a fortuna acabará por sonreírlles en futuras datas. Para despedilo ano 2010, o Malpica recibe o vindeiro fin de semana ó Castriz, un conxunto en clara tendencia ascendente.

4 comentarios:

  1. Luis E. Porto13/12/10

    Iago: Corrixe o resultado do Carnota-O Pindo, foi: 1-2, e ti tes 1-o.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Anónimo13/12/10

    Iago manda correxir a Luis que despois van dicir que Cheo e Neucha perden:"contraatacaban con moito perigo, sobre todo por parte de Cheo e Neucha, que chegaban preto da área pero que non conseguían perforar a Norberto".

    ResponderEliminar
  3. é que Norberto estaba cuadrado. si fora Illote igual non aguantaba.

    ResponderEliminar