lunes, 20 de diciembre de 2010

LIGA DA COSTA 16ª XORNADA: MALPICA 0 - CASTRIZ 2

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago (Casais min. 55), Marco, Ismael, M. Dourado, Andrés, David Blanco (Gonzalo min. 81), Cheo, Manu Pardo (Neucha min. 46).

SD CASTRIZ: Ángel, Noly (Rubén min. 70), Sergio Pose, Álex, Toniño, Alberto (Bruno min. 90), Cilindro (Torreira min. 86), Chinda, Sebas (Dani min. 55), Mauri, Suso (David Brenlla min. 65).

Árbitro: Vázquez Suárez. Cometeu varios erros de apreciación típicos nos colexiados desta categoría, pero o seu maior defecto foi o de non sancionar con tarxetas as reiteracións de faltas e perdas de tempo visitantes. Sen embargo, o seu labor non afectou ó resultado.

Ambiente e Incidencias: Pobre entrada na Pedra Queimada, con menos de 100 espectadores no campo. Tarde fría pero sen choiva durante o encontro. Os malpicáns David Blanco e Iago tiveron que ser sustituídos por problemas musculares. Non houbo expulsados.

Goleadores: 0-1 min. 38: O Castriz recupera o balón á altura do mediocampo, prodúcese un pase en profundidade cara a posición de Noly no extremo dereito que se interna en velocidade e centra raso para que anote Sebas no segundo pao. 0-2 min. 55: Sebas busca ó interior esquerdo Suso, pero o malpicán Charlie chega antes co seu par pero cando se dispón a despexar comete un erro no golpeo, quedando o esférico "morto" dentro da área para que Suso fusile ó porteiro malpicán cun disparo a media altura.

Comentario: A SCD Malpica recibía ó Castriz, conxunto do que o separaban tres puntos antes de comezala xornada, polo que tíñan unha gran oportunidade de "dárlles caza" e de enganchar coa zona alta da clasificación despois de realizar un bo encontro a semana pasada ante o Ponteceso (a pesar da derrota por 1-0). Manuel Agilda non podía contar para este partido con Martín (lesionado), Viña (lesionado), Carlitos (con problemas lumbares), Eloy (baixa de última hora) nin con Marcos Amado (sancionado). Nos primeiros compases de encontro a igualdade foi a nota predominante, con dous conxuntos ben armados atrás e con escasa profundidade en ataque, pero a medida que os minutos transcorrían o Malpica foi baixando a intensidade, dando a sensación de andar cunha marcha menos co seu rival nesta tarde. Os visitantes fixéronse donos do esférico, logrando combinar á altura do mediocampo e buscando continuamente cambios de orientación cara os seus rápidos xogadores de ataque. Os malpicáns só lograban crear perigo por medio de Cheo, hoxe xogando pola banda esquerda, aproveitando os amplos espazos dos que dispoñía pola súa banda, pero os seus centros non atoparon rematador, salvo nunha ocasión na que Miguel Dourado si logrou rematar pero defectuosamente. A pesar do seu maior dominio, tampouco tivo o Castriz grandes ocasións de gol, ainda que si mostrou máis presencia ofensiva que os locais.

Tralo tempo de descanso, e coa entrada de xogadores de refresco e novo sistema táctico máis agresivo, con dous dianteiros, o Malpica saiu ben no segundo tempo, logrando combinar e profundizar polas bandas, cun Castriz máis replegado tentando conservala vantaxe adquirida anteriormente. Non obstante, despois do 0-2 deu a impresión de que o equipo baixou os brazos, e apenas creou perigo en ataque como para pensar nun hipotético empate. Se ben os malpicáns seguiron tendo a posesión do balón, esta tíña lugar en zonas moi retrasadas, polo que o Castriz se mostraba moi cómodo sen pasar apuros e buscando aproximarse a área malpicán mediante contragolpes. A oportunidade máis clara para os locais foi mediante un lanzamento de falta de Neucha dende a frontal da área que se estrelou no longueiro preto do final do encontro.

Mal partido dos malpicáns para despedir futbolísticamente este ano 2010, que se mostraron un tanto apáticos neste encontro, sen a intensidade de outras tardes e indo "a remolque" en moitas fases do encontro, e no que non lograron apenas crear ocasións de gol e cun grave erro defensivo que sentenciou o encontro xa nos primeiros compases da segunda metade. Non está a ter unha boa xeira de resultados a SCD, como mostran os seguintes datos: dos últimos oito encontros só gañaron dous; acumulan por primeira vez nesta tempada dúas derrotas consecutivas e nos últimos catro encontro en tres quedaron sen marcar nin un gol. Esperemos que co novo ano cambie a racha e non se repitan partidos como os de onte. O primeiro encontro do 2011 para o equipo adestrado por M. Agilda será en Camariñas o día 2 de xaneiro.

Dende este blog quero desexarlles un bo nadal a tódolos seus lectores, e tamén ós socios, afeccionados, xogadores, técnicos e directivos da SCD Malpica.

0 comentarios:

Publicar un comentario