lunes, 7 de marzo de 2011

LIGA DA COSTA 26ª XORNADA: PORTEÑO 0 - MALPICA 5

CF PORTEÑO: Asiel, (Santi min.70), Roi, Manu (Iago Sestayo min.55), Martín Currás, Quilmes, Brais, Rubén, Óscar, Iván, Iago Martínez, Cousillas.

SCD MALPICA: Suso, Víctor, Marcos Amado, Iago (Diego min.70), Marco, Ismael (Casais min.63), Neucha (Manu Pardo min. 69), Cheo (Charlie min.72), David Blanco, Andrés, Nando.

Árbitro: Gonzalo Javier Volunterio. Mala actuación pois errou en varias xogadas importantes: non indicou penalti a prol do Malpica por mans no min.15 e si pitou a pena máxima a favor do Porteño (min.40) tras interpretar que o esférico impactara nas mans do defensa Iago cando en realidade lle pasou entre as pernas e lle golpeou nun muslo. Tamén fallou á hora de sinalar algún fóra de xogo claro.

Incidencias: Pouco púlbico no Hermanas Patiño (Camariñas), con medio centenar de persoas no campo. Tarde soleada e cunha temperatura moi agradable. O xogador do Porteño Manu tivo que ser sustituído ao comezo da segunda metade. Non houbo expulsados.

Goleadores: 0-1 min.35: Xogada do Malpica pola banda esquerda, o balón chégalle a David Blanco no borde da área pequena pero o seu disparo rexéitao Asiel, caéndolle a Marcos Amado que con todo a favor tira ao poste pero o rexeite anótao Neucha a porta valeira poñendolle fin á carambola. 0-2 min.55: Pase en profundidade de Víctor cara Cheo que entra na área por banda dereita e fusila a Asiel. 0-3 min.65: Saque de falta dende o lateral dereito da área do Porteño botada por Nando, Neucha cabecea no segundo pao, despexa o porteiro con moitos apuros anotando Cheo a pracer. 0-4 min.69: Xogada de Cheo pola banda dereita, centra raso, non chega Neucha por pouco pero aparece David Blanco que marca de tacón entre varios defensores. 0-5 min.78: Nando marca no segundo pao tras un disparo de David Blanco que rexeitou Santi.

Crónica: Despois de vencer no derbi local ao Buño, o Malpica enfrontábase ao Porteño coa idea de gañar e deixalo equipo da Ponte da Porte descolgado (este equipo marca a derradeira plaza de descenso), evitando así eliminar calquera tipo de apuro clasificatorio. Ademais das baixas habituais de Viña e Martín, os visitantes contaban coa baixa do sancionado Eloy. O encontro estivo dominado dende o primeiro minuto polos malpicáns, que sairon cunha disposición táctica moi ofensiva, controlando por completo a posesión do esférico e contando con moitas ocasións para lograr unha goleada de auténtico escándalo, pero estiveron algo erráticos á hora de definir. As aproximacións con perigo sucedéronse unha tras outra, tanto polas bandas como a través de pases en profundidade, destacando as seguintes: un centro-chut de Marcos Amado que case sorprende a Asiel; un disparo de Neucha que saiu excesivamente cruzado; un pase en profundidade de Neucha sobre David Blanco pero o disparo deste despéxao o gardameta; de novo David plántase só ante Asiel despois dunha fenomenal xogada individual pero o seu tiro volve a rexeitalo o gardameta local. Polo que atinxe ao Porteño, puxeron gañas, pero estiveron desbordados por completo e tiveron moitas dificultades á hora de sacalo balón con criterio. Sen embargo, dispuxeron dun penalti pouco antes do descanso pero Suso chapou o lanzamento de Roi.

No segundo tempo, a tónica do partido foi semellante, co equipo de Manuel Agilda tocando dende atrás, a pesar de que o Porteño tentou presionar máis, pero sen poñer en apuros ao Malpica en ningún momento, salvo nalgún balón parado e saque de banda (os verdadeiros puntos fortes deste conxunto). A medida que se sucedían os goles o partido foi decaendo en intensidade, pois as diferencias na tarde de onte foron moi evidentes entre ámbolos dous conxuntos. A pesar de lograr catro goles nestes segundos 45 minutos, os visitantes tiveron accións claras para marcar máis goles: Neucha non atina a rematar un centro raso dentro da área pequena; David Blanco tamén erra dentro da área nun man a man; e mesmo dispuxeron dun penalti que Santi lle parou ao propio David na recta final do encontro. O Porteño apenas pasou da líña de tres cuartos, e Suso pasou desapercibido nesta segunda parte.

Gran vitoria da SCD Malpica, que lle saca xa 16 puntos ao Porteño cando quedan 24 en xogo, polo que se asegura a permanencia na Liga da Costa. Os malpicáns desenvolveron un gran encontro, combinando con paciencia e criterio en tódalas parcelas do campo, sen pasar apuros atrás e creando perigo tanto en accións individuais como colectivas, ante un rival (todo hai que decilo) que deu unha pobre imaxe. O Malpica suma por primeira vez tres vitorias consecutivas no que vai de tempada, acumulando igual cantidade de partidos sen encaixar gol e con 18 goles a favor nos derradeiros 6 encontros. A vindeira semana reciben na Pedra Queimada ao perigoso O Pindo.

1 comentarios:

  1. Miguel Suárez7/3/11

    O Malpica pasa como un CICLÓN pola ponte do porto!! jejjejjej

    ResponderEliminar