lunes, 21 de marzo de 2011

LIGA DA COSTA 28º XORNADA: FISTERRA 1 - MALPICA 0

SD FISTERRA: Joselu, Juan, Piti (Roberto min.67), Nico, Senra, Roco, Roa (Bruno min.91), Tati, Martín (Guardiola min.60), Dudo, Manoliño.

SCD MALPICA: Suso, Víctor, Marcos Amado, Iago, Marco, Eloy (Manu Pardo min.68), Neucha, Casais (Charlie min.64), Cheo, Andrés, Ismael (David Blanco min.46).

Árbitro: David Brun. Pésima actuación na tarde de onte. Permitiu o xogo violento do Fisterra dende os primeiros compases do encontro sen mostrar apenas ningún cartón en accións que, en varias ocasións, chegaron a ser antideportivas e sen opción de disputalo balón. Ademais, non sinalou penalti por unhas mans claras dun xogador local cando tentaba controlar un rexeite dentro da área preto do descanso.

Incidencias: Tarde soleada cunha temperatura que superaba os 20º no Ara Solís. Gran ambiente nas gradas, cunhas 200 persoas. Non houbo expulsados nin lesionados de gravidade.

Goleadores: 1-0 (min.72): Pase en profundidade de Nico cara Roa que recibe na posición de extremo esquerdo, o defensa malpicán Víctor tenta despexar pero o rexeite vólvelle a caer ao atacante local que bate a Suso de tiro raso.

Comentario: Partido atractivo o que se ía disputar no reformado Ara Solís entre Fisterra e Malpica, dous conxuntos que chegaban nun bo momento de forma e empatados a puntos na zona media-alta da clasificación. O adestrador malpicán, Manuel Agilda, contaba coa baixa do centrocampista Nando (por asuntos laborais). O encontro comezaba cun ritmo trepidante e con moita intensidade por ámbolos dous conxuntos, e con aproximacións perigosas ás dúas áreas, ainda que quizáis predominou o fútbol directo. O Malpica non lograba combinar como en partidos anteriores, debido á forte presión local e ás continuas faltas que o colexiado permitía. Por outro lado, o fútbol directo do Fisterra complicou á defensa visitante nesta primeira metade, xa que había demasiada distancia entrelíñas o que deixaba espacios á altura de tres cuartos de campo que aproveitaban os locais para surtir de balóns aos seus rápidos extremos. As ocasións máis destacadas do Malpica foron as seguintes: un centro-chut de Neucha que rexeita Joselu; un cabezazo do mesmo protagonista que sae alto tras un saque de esquina; unha volea de Cheo dende o punto de penalti que detén Joselu con dificultades e un disparo de Eloy dende a frontal que levaba moi boa dirección pero que petou nun defensa. Pola súa parte, o Fisterra tivo tamén oportunidades para marcar: un cabezazo de Roa que despexou Suso e unha acción de Manoliño que recibe ao borde da área pero entretense demasiado e perde o balón.

No segundo tempo a situación cambiou, pois o Malpica gañou en dominio da posesión e si logrou combinar en mediocampo, ante un Fisterra que se meteu máis atrás e baixou a intensidade na presión. A defensa visitante adiantou líñas provocando que o xogo se desenvolvese maioritariamente na parcela do campo dos locais. Sen embargo, a pesar de tocar ben e de chegar por ámbalas dúas bandas, faltou algo de claridade nos metros finais e o dominio territorial non se traduxo en oportunidades claras de gol. O Fisterra limitábase a esperar e a mandar balóns ás costas dos laterais malpicáns, pero apenas crearon perigo ata a xogada do gol (na que tiveron certa fortuna cos rexeites). A partir do gol, o Malpica arriesgou ainda máis, e a punto estivo de logralo empate nun cabezazo de David Blanco dende o corazón da área a centro de Neucha que detivo moi ben Joselu. Nos minutos finais, cos visitantes volcados, os locais tiveron unha dobre ocasión para marcar ao contragolpe, pero os tiros de Roa e Dudo repeleunos un atento Suso.

Partido moi disputado e igualado con pouco fútbol (especialmente na primeira metade), pero na que a mellor puntería dos locais resultou decisiva, nun encontro no que o empate probablemente sería o resultado máis xusto. Lamentable a actuación do colexiado que mostrou unha preocupante falta de autoridade e non fixo nada por cortalo xogo excesivamente violento do Fisterra (sobre todo de algún xogador). Tras esta derrota, a SCD Malpica pon fin a unha gran xeira de catro vitorias consecutivas. Os malpicáns xogarán dous encontros consecutivos na Pedra Queimada para tratar de reengancharse á zona alta da táboa clasificatoria, o primeiro deles fronte á Esteirana.

3 comentarios:

  1. Con todos os meus respectos á labor que fai Luis Porto (que me parece moi importante, todo sea dito), teño que dicir que a crónica do partido de onte parece que foi pouco afortunada, parece doutro partido distinto ó que vin eu porque…para empezar, que dixese da labor do árbitro que “non influiu no resultado” é para escarallarse de risa, por non dicir outra cousa... Motivos? o fisterra tiña que haber terminado o partido con 9 xogadores ou menos…se eso non é influír no resultado non sei o que o é; segundo: non pita un penalti clamoroso cando está a 1 metro da xogada (eu estaba ali e el reconociu que o vira…). Non sei se é que dende este clube se lle debe algo ós árbitros ou a federación pero creo que vale a pena darle mil euros para que vaia cenar por ahí ou para cambiarlle as rodas ó coche e que nos deixen en paz dunha vez e nos empecen a tratar como merecemos, porque o desta tempada é un completo chiste (máis de 12 puntos que voiaron gracias a este “sempre tan acertado colectivo”). Eu non digo que a sua labor non sea difícil pero polo menos, o que vexan que o piten, non que se acojonen coma un neno pequeno. E se se acojonan teñeno moi fácil: que se dediquen a outra cousa. Sei que é duro perder eses ingresos extras que perciben por irse pasear os domingos ós campos pero bueno, os demáis tampouco os tempos e imos tirando igual. E en canto ó gol do fisterra, se tirar a porta despois dun fallo nun despeje se considera “salvar contrarios” pois bueno…haberá que asumilo… pero permítanme que o cuestione…
    En fin…

    ResponderEliminar
  2. Home está claro que o que máis fastidia é que vexan as cousas e non nas piten, porque as manos foron claras e ademais o xogador estaba sólo, que non foi nun barullo nin nada, e o árbitro de frente a el a poucos metros. Tamén os "tacos" á altura do peito que lle deixan a Suso na primeira parte foron de escándalo e tamén foi unha xogada na que non hai nadie de por medio. Por non falar das mil patadas a destempo e por detrás, que algunha seguro q ten q ver.

    ResponderEliminar
  3. Anónimo21/3/11

    lamentble a imagen dada polo xogador-entrenador do fisterra gran desprestigio para un club

    ResponderEliminar