lunes, 30 de enero de 2012

LIGA DA COSTA 20ª XORNADA: SCD MALPICA 2 - CORCUBIÓN 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago, Andrés (David Álvarez min.69), Rancaño, Neucha, Cheo (Miguel Avelino min.73), Pablo (Casais min.63), Tato (Manu Pardo min.78), Charro.

UD CORCUBIÓN: Andrés (Cristian min.73), José, Papi, Conguito (Jony min.60), Sergio Manín (Paulo min.60), Alán (Balucho min.53), Eduardo, Alberto, Mario (Terrenla min.65), David Lourido, Miguelón.

Árbitro: Hermo Alonso. Moi ben. Controlou perfectamente o encontro sen abusar dos cartóns, seguio o xogo sempre de cerca e mostrouse valente nas posibles accións polémicas. Anulou dous goles, un a cada equipo, por sendos fóras de xogo do visitante Mario (min.30) tras un saque de falta e do dianteiro local Pablo (min.56) tras plantarse só ante o gardameta Andrés. Non houbo expulsados.

Incidencias: Tarde despexada pero fría na Pedra Queimada. Unhas 150 persoas asistiron ao encontro. Non houbo lesionados de gravidade. Ao comezo do partido, os dous conxuntos fixéronlle o "pasillo" ao equipo xuvenil da SCD Malpica, que o sábado se proclamara campión do Grupo 4º da Primeira Autonómica.

Goles: 1-0 (min.12): Tato recibe o esférico case no mediocampo, avanza con el sen que ningún defensa visitante lle saia a tapalo paso e dispara dende a media lúa da área entrando o balón pegado ao pao esquerdo. 2-0 (min.37): Xogada individual de Cheo por banda dereita, chega a líña de fondo centra cara Pablo que dispara pero despexa o meta Andrés, o balón vólvelle a caer ao dianteiro malpicán que cede a Tato para que éste marque dende o borde da área con suspense pois o balón toca no pao dereito e no gardameta antes de entrar.



Crónica: A Liga da Costa segue o seu curso para a SCD Malpica que recibía na Pedra Queimada ao Corcubión, conxunto recén ascendido pero que xa puxera en dificultades aos malpicáns na primeira volta. Apenas había baixas no cadro local, tan só o lesionado de longa duración Óscar Moscoso e Dani con problemas musculares. O equipo adestrado por David Baña saiu moi metido no encontro, facéndose rapidamente co control do esférico ante un Corcubión que acumulaba moita xente na parcela defensiva (son un equipo que concede poucos goles, levaban 6 goles encaixados nos últimos 10 partidos disputados). O Malpica desenvolveu unha gran primeira metade, movendo con criteiro o balón e chegando con certa comodidade ás inmediacións da área visitante, tanto en xogadas combinativas como en balóns ao espacio. Así chegaron os goles e unha serie de oportunidades que non lograron materializar: un disparo de Neucha que Andrés despexa; unha acción de Rancaño que non atina a definir ante o gardameta; un centro de Neucha dende a esquerda que se pasea pola área pequena sen atopar rematador; e un disparo de Pablo que marchou alto dende o pico dereito da área pequena. O Corcubión apenas creou perigo nestes primeiros 45 minutos, amosando moitas dificultades para superala presión local e incapaces de aproximarse á portería defendida por Suso salvo nalgún balón parado.

Na segunda parte, o guión foi semellante durante os primeiros 15 minutos, cun Malpica que aglutinaba a maior parte da posesión pero con menor profundidade. Sen embargo, a partir do minuto 60 o partido nivelouse, quizáis debido á relaxación dos malpicáns, aproveitando o Corcubión para sumar máis xente ao ataque e presionar máis arriba, pero tampouco tiveron claridade como para crear excesivos problemas á defensa local. No tramo final da contenda o dominio volveu a ser claro por parte da SCD, que tocaba e tocaba case a pracer na zona do mediocampo ante un equipo visitante que non lograba presionar con efectividade. Non houbo grandes oportunidades de gol, destacando as seguintes para os malpicáns: un lanzamento de falta que bota Neucha dende o borde da área e que Andrés despexa a saque de esquina; unha semivolea de Manu Pardo dende a parte esquerda da área que se marchou alta; e unha nova falta esta vez executada por Manu Pardo que Andrés desvía con moitos apuros.

Nova vitoria do Malpica que remata o mes de xaneiro da mellor maneira posible, pois gañaron os catro encontros que se xogaron neste 2012 (xa van sete de xeito consecutivo), disputando unha gran primeira metade onde practicamente non deixaron sair ao Corcubión da súa metade de campo. A vindeira semana teñen que xogar fronte a O Pindo (encontro que en principio está programado para o sábado).

0 comentarios:

Publicar un comentario