lunes, 19 de marzo de 2012

LIGA DA COSTA 27ª XORNADA: BUÑO 0 - SCD MALPICA 0

BUÑO SD: Toni, Eloy, Brais, Ángel, Diego, Jorge Calvete, Miguel Dourado, David (Emilio min.70), Víctor, Ismael, Elías (Rubén min.77).

SCD MALPICA: Suso, David Álvarez, Marcos Amado, Iago (Tato min.46), Marco (Miguel Avelino min.51), Charlie, Eme, Pablo, Charro (Manu Pardo min.85), Martín Uruguaio.

Árbitro: Torreiro Ramos. Tivo unha actuación bastante aceptable, pero apenas sacou cartóns amarelos cando houbo varias accións (sobre todo faltas tácticas que cortaban accións de perigo) que mereceron sanción. Houbo dúas xogadas polémicas na segunda metade: anulou correctamente un gol do local Jorge por un claro fóra de xogo; e na recta final do encontro pitou fóra de xogo do malpicán Pablo tras controlar no corazón da área un centro dende a esquerda nunha acción moi protestada pola SCD. Non houbo expulsados.


Incidencias: Tarde soleada en Xaviña. Gran ambiente nas bancadas, cunhas 250 persoas vendo o encontro. Os xogadores do Malpica Marco e Charro abandonaron o terreo de xogo por problemas físicos, o primeiro por un tirón muscular e o segundo tras chocar con Brais. 


Crónica: Tralo empate contra o Club do Mar na xornada precedente que deixara un mal sabor de boca (pois chegara no min.93), a SCD Malpica disputaba o derbi do Concello en Buño coa intención de "devolverlle a moeda" trala derrota na primeira volta e de paso auparse ata a terceira posición aproveitando a derrota do Fisterra o sábado. David Baña contaba con moita ausencias: Óscar Moscoso, Cheo, Víctor (por motivos laborais), Dani (por motivos laborais), Andrés (sancionado) e Rancaño (cun esguince de nocello). O partido comezou cun Buño bastante replegado, esperando a que fose o Malpica o que levase o peso do encontro, e esa foi a tónica durante os primeiros 25-30 minutos. Os malpicáns, a pesar de tela posesión do esférico e de ter unha maior presencia en campo contrario, apenas lograron ter profundidade e non foron capaces de crear perigo ante un equipo local que acumulaba moita xente no mediocampo. Sen embargo, a medida que se aproximaba o descanso, a SCD perdeu o control permitindo que o Buño roubase sen case dificultades e que crease perigo. Non houbo oportunidades moi claras nestes primeiros 45 minutos, destacando para o Malpica un disparo de Neucha dende a frontal da área que se marchou desviado por pouco e para os locais unha acción de Víctor que tras regatear a Suso disparou ao lateral da rede xa con pouco ángulo.

O segundo acto comezou un Buño máis agresivo, que presionaba moi ben a saída de balón do Malpica e que mostraba un punto máis de intensidade. A SCD non estivo cómoda en ningún momento, tíña moitas dificultades para circulalo balón con criterio, onde houbo moita imprecisión, mentres que sufría nos balóns en longo que o conxunto oleiro envíaba aos seus atacantes. Así, apenas tiveron acercamentos perigosos e non tiraron entre os tres paos, tendo moi poucas accións para marcar: un disparo de Pablo algo escorado que dou no lateral da portería e un cabezazo de Tato desvíado tras un saque de esquina. Pola contra, as mellores oportunidades estiveron nos pés do dianteiro local Víctor: dous man a man nos que un providencial Suso acabou gañandolle a partida e noutra acción na que se enche de balón tras interceptar un mal pase e Marco consegue despexar in extremis. Tamén Diego dispuxo de dúas faltas dende a frontal, pero ámbolos dous lanzamentos foron despexados por Suso a saque de esquina.

Mal encontro do Malpica na tarde de onte, no que probablemente foi o peor encontro nos últimos meses e onde o mellor foi o resultado que lle permite empatar a puntos co Fisterra na terceira posición da táboa clasificatoria e seguir coa xeira de 16 partidos consecutivos sen perder. Deben mellorar os malpicáns, pois a vindeira semana xogan, precisamente, ante o conxunto fisterrán no Ara Solís.

0 comentarios:

Publicar un comentario