lunes, 5 de marzo de 2012

LIGA DA COSTA 25ª XORNADA: CORME 0 - SCD MALPICA 1

CORME CF: Susiño, Adolfo, Alejandro, Jesús (Abel min.68), Pandi, Diego, Juan, Adrián Doldán, Iago, Lucas, Alejo (Dani min.92).

SCD MALPICA: Suso, Víctor, Miguel Avelino, Andrés (Manu Pardo min.82), Marco (Iago min.74), Rancaño, Neucha, Charlie, Pablo, Tato (Daniel Varela min.96), Charro (David min.72).

Árbitro: Fernández Iglesias. Actuación pésima na tarde de onte. Estivo mal en tódolos aspectos: non tivo autoridade (non expulsou aos locais Pandi tras empurralo nunha protesta nin a Alejo a pesar de protestar de forma airada na recta final do partido), non amosou os cartóns cun criterio homoxéneo, errou constantemente na indicación dos fóras de xogo, descontou preto de 10 minutos ao final do partido... perxudicando ao Malpica en reiteradas ocasións. Os malpicáns reclamaron un claro penalti de Pandi sobre Charro ao comezo da segunda metade tras unha entrada por detrás (que sería cartón vermello por selo último defensor). Os locais pediron penalti de Suso sobre Alejo, ainda que o propio ariete cormelán recoñeceu que non foi. Non houbo expulsados.

Incidencias: Tarde despexada e cunha temperatura moi agradable no Cairo. Bo ambiente nas bancadas cuns 250 espectadores. Os xogadores visitantes Marco e Andrés tiveron que abandonalo terreo de xogo por sendos problemas musculares.

Goles: 0-1 (min.16): Pablo recibe un balón en profundidade na zona esquerda do ataque, recorta ao seu par cara adentro e dende o pico da área dispara cara o segundo pao entrando o balón preto da escadra esquerda da portería anotando un verdadeiro golazo imposible de deter para o gardameta.



Crónica: Segue a SCD Malpica inmersa na zona máis complicada do calendario, e esta semana tocaba viaxar ata Corme para enfrontarse ao 5º clasificado (a tan só tres puntos dos malpicáns) nun encontro que enfrontaba a dous dos conxuntos máis en forma do campeonato. O técnico David Baña contaba coas seguintes ausencias: Óscar Moscoso, Cheo (por motivos laborais baixa ata final de tempada) e Dani (con problemas musculares). O Malpica desenvolveu unha gran primeira metade, tendo o dominio territorial durante os primeiros 45 minutos e chegando con moito perigo ás inmediacións da área local, pero como en xornadas precedentes tiveron pouca efectividade á hora de materializalas ocasións que xeraron. Presionaron ben á saída de balón local, conscientes de que o Corme é un dos equipos que melllor combinan da categoría, e só deixaron que creasen perigo nalgún balón en profundidade cara os seus rápidos dianteiros. A SCD tivo numerosas oportunidades para ir cunha renda maior ao descanso, entre elas: Charro plántase ante Susiño pero no man a man estrela o balón contra o peito do gardameta; Pablo recibe un pase de Tato, entra na área e Susiño despexa cos pés sen que Tato puidese recollelo rexeite por pouco; de novo Charro plántase ante Susiño pero non logra definir; saque de esquina que Charlie cabecea nunha inmellorable posición pero sáelle frouxo e atalla sen problemas o porteiro local. Por parte do Corme, a mellor acción ofensiva estivo nas botas de Adrián Doldán que disparou alto tras unha boa acción persoal.

Na segunda parte as forzas niveláronse, subio a intensidade e a contenda foi máis igualada, houbo menos control por parte do Malpica mentres que o Corme mostrouse máis agresivo en ataque en busca do empate. Os visitantes xa non presionaban con tanta eficacia como na primeira metade propiciando que os locais agora si chegaran con certa claridade a posicións perigosas. Non obstante, o Malpica dispuxo de varias oportunidades claras para sentencialo encontro, pero de novo faltou puntería: Charro recibe un pase mentres os xogadores locais protestaban, Susiño sae á desesperada e o malpicán lanza fóra a súa vaselina; Neucha bota unha falta dende o borde da área realizando Susiño unha espectacular parada; e na recta final, Pablo dribla a Susiño pero faise un pequeno lio e tira alto. O Corme tentouno ata o final, e nestes segundos 45 minutos si contaron con accións para marcar, destacando un disparo de Juan ao longuerio dende o borde da área tras unha internada pola dereita e un tiro de Alejo que Suso (moi seguro durante todo o partido) despexou cos pés.

Importante vitoria da SCD Malpica ante un rival directo polos postos altos da táboa clasificatoria, desplegando un gran encontro e sabendo sufrir para mantela renta conseguida. O Malpica consolídase na 4ª posición, sacándolle 6 puntos ao Corme (que segue na 5ª plaza). O vindeiro domingo reciben na Pedra Queimada ao Club do Mar, líder da competición e máximo favorito para gañala presente Liga da Costa.

1 comentarios:

  1. A pesar das baixas seguides gañando,noraboa pola xeira de partidos invictos.A seguir facendo historia.

    ResponderEliminar