miércoles, 2 de mayo de 2012

COPA DA COSTA 2012 DEZASEISAVOS DE FINAL (IDA): SANTA COMBA 2 - SCD MALPICA 0.

SANTA COMBA CF: Pablo, Chinda (Gonzalo min.46), Agustín, Ángelo, Roberto, Jota (David min.60), Doro, Orlando (Mon min.42), José Ángel (Noly min.46), Julián, Darío Capelo.

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Miguel Avelino, Iago, Andrés (Marco min.86), Rancaño, Neucha, Charro, Pablo (Juny min.66), Tato, David Blanco.

Árbitro: García Rodríguez. Regular na tarde de onte. Os malpicáns reclamaron fóra de xogo na acción do primeiro gol ao entender que un atacante local estorbou ao porteiro e defensa visitantes. O colexiado mostrouse moi pouco dialogante e amosou un número excesivo de cartóns por protestar nun partido onde non houbo apenas accións polémicas (salvo na mencionada xogada do primeiro gol). Anuloulle correctamente un gol de saque de esquina aos locais na primeira metade, pois o balón saíra fóra pola líña de fondo. Non houbo expulsados.

Incidencias: Tarde fría e gris pero apenas choveu durante o partido. Unhas 125 persoas presenciaron o encontro. O mediocentro malpicán Andrés abandonou o terreo de xogo por unhas molestias no nocello dereito.

Goles: 1-0 (min.25): Xogada combinativa en líña de tres cuartos do ataque local, Darío Capelo recibe dentro da área despois dun rexeite e dispara a media altura batendo a Suso. 2-0 (min.30): Centro raso de Agustín dende a posición de extremo esquerdo, o malpicán Miguel Avelino intenta cortalo coa mala fortuna de que introduce o balón na súa propia portería.

Crónica: Comezaba a SCD Malpica a súa andaina na 49ª edición da Copa da Costa, e facíao ante, posiblemente, o rival máis forte dos que disputan esta competición, pois o Santa Comba marcha 5º clasificado en Preferente. O adestrador do Malpica, David Baña, contaba con varias ausencias para o encontro de ida: Óscar Moscoso, Cheo, Víctor (por motivos laborais), Manu Pardo (por motivos laborais), Marcos Amado (lesionado) e Dani (tamén baixa por traballo). O partido comezou moi igualado, cun Malpica moi valente que presionaba arriba tratando de dificultala saída de balón dos locais e que combinaba con criterio cando recuperaba o esférico, chegando en varias accións con perigo ás inmediacións da área contraria. Sen embargo, mediada a primeira metade, o Santa Comba tivo uns 15 minutos de inspiración onde lograron marcar dous goles (o segundo en propia meta nunha xogada de mala fortuna) e trenzar varias xogadas perigosas, penetrando moi ben polas bandas gracias á movilidade constante dos seus homes de ataque. Na recta final destes primeiros 45 minutos, a igualdade volveu a convertirse na nota predominante e os malpicáns lograron repoñerse. Non houbo moita oportunidades claras de gol, destacando para o Malpica as seguintes: un disparo dende a frontal de Rancaño que saíu rozando o longueiro; disparo cruzado dende a frontal de Neucha que sae rozando o pao esquerdo; e un disparo de Pablo dende a dereita da área que sae ao lateral da rede. Os locais tiveron a súa mellor opción (ademais dos goles), nun cabezazo de Ángelo que saiu alto nun saque de esquina.

A segunda parte comezou de novo moi igualada, cunha SCD moi seria que trataba de seguir presionando arriba e de xogalo balón con claridade, mentres que o Santa Comba atrasou un pouco as líñas buscando rápidas transicións con cambios de banda e xogadas rápidas, buscando especialmente a Doro na banda dereita aproveitando as amplias dimensións da Fontenla. A partir do minuto 60 o protagonismo do encontro foi asumido polos malpicáns, que lograban plantarse con moito perigo na líña de tres cuartos pero faltoulles un pouco de precisión e sorte nos metros finais para poder marcar. As mellores ocasións para os visitantes foron as seguintes: xogada individual de Charro, apura a líña de fondo, centra atrás pero non atopa rematador; Juny recibe en profundidade, penetra na área na posición de extremo dereito pero dispara alto; xogada calcada á anterior, pero esta vez Juny centra raso pero a defensa local anticípase aos dianteiros malpicáns; falta dende a frontal botada por Neucha que Pablo despexa con apuros a saque de esquina; e xa no minuto 90, Neucha controla no borde da área pequena un balón morto tras un saque de banda pero dispara ás mans do gardameta. O Santa Comba tamén tivo varias oportunidades para marcar: Doro penetra pola dereita, centra ao segundo pao pero Marcos remata desviado; Doro volve a centrar dende a dereita, Julián remata algo frouxo e Charlie salva o gol; Noly controla tras unha serie de rexeites no pico dereito da área, salva a Suso cunha fermosa vaselina pero Rancaño evita o gol na mesma líña.

Gran partido o que desenvolveu a SCD Malpica na tarde de onte, plantando cara a un rival que xoga en dúas categorías máis arriba, e mesmo sendo superiores en varias fases do encontro. Lástima de non poder materializar algunha das oportunidades coas que contaron, pois un gol en campo contrario sempre é importante nunha eliminatoria a doble partido. O resultado deixa ao Santa Comba como claro favorito, pero de seguro que a SCD volve a mostrala súa mellor faciana o vindeiro sábado no partido de volta.

0 comentarios:

Publicar un comentario