lunes, 14 de mayo de 2012

LIGA DA COSTA 34ª XORNADA: MAZARICOS 4 - SCD MALPICA 5

MAZARICOS CF: Juan, Casais, Chico (Carreira min.86), Óscar, Matías, Rodri, Esteban (Ramón min.46), Iván (Sandelo min.46), Molinos (Ferreiro min.70), Brais, Stefan (Aldo min.70).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Miguel Avelino min.57), Andrés, Marco, Rancaño, Neucha, Manu Pardo (Daniel Varela min.54), Pablo (Iago min.58), Tato (Casais min.93), David Blanco.

Árbitro: Martínez Rodríguez. Mala actuación na tarde de onte onde foi moi protestado polos malpicáns. Especialmente polémicas foron dúas accións na área local que semellaban penalti e non se sinalaron: na primeira parte hai un claro derrubo sobre Neucha que se salda cunha amarela para o atacante por tirarse; e na segunda metade, con empate no marcador, houbo unhas claras mans nun disparo de Marco nun saque de esquina que o colexiado tampouco indicou. Non houbo expulsados.

Incidencias: Pouco público en Peña de Ouro, cuns 100 espectadores presenciando o encontro. Tarde despexada e con moita calor. Non houbo mancados de gravidade.

Goles: 0-1 (min.1): Pase en profundidade de Charlie sobre David Blanco que penetra na área pola dereita e marca de tiro raso. 0-2 (min.20): Gran xogada individual de Manu Pardo tras un control e regate magníficos entra na área e asiste a David Blanco que anota en boa posición. 0-3 (min.47): Tato rompe dende o mediocampo en velocidade, recibe un pase en profundidade, plántase ante Juan marcando de tiro raso. 1-3 (min.49): Centro dende a dereita, hai una indecisión entre o gardameta e a defensa aproveitando Molinos para marcar en boca de gol. 2-3 (min.55): Saque de esquina dende a dereita cara o punto de penalti onde cabecea Matías a gol. 3-3 (min.57): Perda de balón malpicán no mediocampo, Stefan penetra pola esquerda enviando raso cara Brais que bate a Suso. 3-4 (min.83): Saque de banda lateral que Tato saca con moita picardía cara David Blanco que marca de tiro raso tras sorprender á unha despistada defensa local. 4-4 (min.89): Saque de falta lateral que Brais bota con pouco perigo pero que se cola entre a barreira entrando polo primeiro pao. 4-5 (min.90): Golazo de Neucha que dispara dende o pico da área dereito entrando o balón pola escadra oposta.

Crónica: Última xornada de Liga para a SCD Malpica que tras despedirse da Copa na primeira rolda ante o potente Santa Comba tíña como motivación para este encontro a posiblidade de acabar na cuarta posición. O rival era o Mazaricos, equipo recén ascendido e que non se xogaba nada pois dende hai varias semanas xa estaba salvado. O adestrador visitante, David Baña. contaba coas seguintes baixas: Óscar Moscoso, Cheo e Charro (sancionado). A primeira metade foi de claro dominio malpicán, cun Mazaricos moi relaxado e que mostraba moitas facilidades defensivas. A SCD chegaba con relativa facilidade á líña de tres cuartos, ainda que alternaba xogadas de moito mérito con outras nas que faltaba precisión á hora de circulalo esférico. As mellor oportunidades foron as seguintes: disparo de Rancaño dende a frontal que o gardameta envía a saque de esquina; cabezazo de Pablo tras un saque de esquina que Juan desvía nuna gran estirada; disparo cruzado de David Blanco que de novo Juan despexa. Os locais, se ben en defensa eran fráxiles, en ataque contaban con xente moi habilidosa e creaban perigo cando lograban combinar, pero Suso mostrouse moi seguro para desbaratalas oportunidades do Mazaricos. Na recta final da primeira metade, Manu Pardo mandou alto unha pena máxima tras un agarrón de Chico a David Blanco.

A segunda parte comezaba dun xeito inmellorable para o Malpica, que se encontraba cun 0-3 nada máis sair dos vestiarios. Sen embargo, cando o encontro semellaba sentenciado, os malpicáns entraron nunha fase de relaxación absoluta aproveitando o Mazaricos para poñer algo máis de intensidade e sacar petróleo dos constantes erros defensivos do seu rival. Así, en apenas 10 minutos, os locais lograron empatar. A SCD tratou apretar de novo, pero apenas tiveron claridade ofensiva tendo dificultades para crear perigo, salvo nalgunha xogada a balón parado. Tan só unha pillería de Tato e David Blanco logrou rompelo empate preto do final. Cando parecía, de novo, que o Malpica tíña o partido controlado, unha falta lateral que pasou entre os dous homes da barreira volveu a poñelas tablas no marcador. Pero faltaba o último capítulo dunha disparatada segunda metade, e Neucha (xa en tempo de desconto) marcaba o derradeiro gol cun espectacular disparo dende o borde da área. 

A SCD Malpica remata nunha meritoria 5ª posición (a mellor clasificación dende que a SCD voltou por última vez á Segunda Autonómica na tempada 2003/2004) e a tan só un punto do 4º posto demostrando que pode competir de ti a ti contra calquera equipo da categoría.

Dende a directiva da SCD Malpica queremos darlle as gracias a tódolos xogadores que pasaron ao longo da tempada (os que están e aos que xa non están), aos adestradores Manuel Agilda e David Baña, aos utilleros Jesús e José María, ao delegado Ínsua e aos directivos Liborio e Manolito (impagable a súa labor para o clube ano tras ano). Especialmente queremos agradecelo apoio de tódolos socios e socias que nos acompañan tódolos domingos, á xente que nos axudou en tódalas actividades relacionadas co clube, ás institucións (sobre todo ao Concello de Malpica) e empresas que tamén nos axudaron ao longo da tempada.

0 comentarios:

Publicar un comentario