lunes, 21 de junio de 2010

COPA DA COSTA: MALPICA 2 - DUMBRÍA 1

SCD MALPICA: Toni, Charlie, Marcos Amado, Alfredo II (Abraham min.82), Víctor, Ismael, Neucha, Casais (M. Dourado min.68'), David Blanco, Cheo, Rancaño.

DUMBRÍA CF: José, Tantán (Iván Pequeño min.46), David (Rubén min.46), Suso, Chula, Aarón, Adrián, Schuster (Nico min.77), Yago, Angeliño (Guardiola min.51), Brais.

Árbitro: Sr. Espasandín Cores. Gran arbitraxe a que mostrou na tarde do sábado este colexiado, pois apenas tivo erros de apreciación e mantivo o mesmo raseiro para os dous conxuntos durante os 90 minutos. Nada máis comezalo partido anulou un gol a David Blanco a instancias do seu líña por fóra de xogo, non por falta ó gardameta visitante. Estivo asistido por Patiño Pedreira e Aradas García, que tamén se mostraron moi correctos.

Goleadores: 1-0 (min.26): Penalti transformado por Neucha de tiro raso pegado ó pao esquerdo da portería defendida por José tras unhas claras mans de Tantán ó rexeitar un tiro dentro da área. 1-1 (min.87): Saque de falta a prol do Dumbría botado por Aarón que remata Brais, toca lixeiramente Toni e o balón chégalle a Adrián, despois de rebotar no poste, que remata a placer. 2-1 (min.90): Balón en longo cara a portería do Dumbría, o gardameta visitante e o defensa Chula non se entenden, éste cédelle o balón coa cabeza pero pásalle polo lado ó porteiro que xa iniara a saída, aproveitando David Blanco, que só ten que empuxalo esférico que xa entraba na portería.

Ambiente e incidencias: Máis de 300 persoas na Pedra Queimada, a inmensa maioría seguidores do Malpica (como xa sucedese no partido de ida), que animaron ó equipo, unha vez máis, durante todo o encontro de xeito incondicional. Tarde agradable con lixeiro vento. Non houbo que lamentar lesionados de consideración nin expulsados.

Comentario: O partido de volta da semifinais da Copa da Costa entre Malpica e Dumbría desputouse o sábado, pois coincidía coa festividade de San Adrián. Tralo contundente resultado da ida (3-0), os locais tíñan moi complicado unha hipotética remontada, pois hai que lembrar que o Dumbría é un dos mellores equipos da Primeira Rexional. Para afrontar esta "misión imposible", por se fose pequeno o envite deportivo, o adestrador local, Manuel Agilda, contaba con numerosas baixas, case todoas como consecuencia do partido de ida: Manu Pardo, Marco, Eloy, Iago (todos sancionados) e Andrés (lesionado). A SCD Malpica saiu descaradamente a polo encontro, apostando por un fútbol de ataque dende o comezo (como proba vale o gol anulado a David Blanco por fóra de xogo no primeiro minuto) e con gran rapidez na circulación do esférico, tamén consciente de que o tempo xogaba encontra dos seus intereses. O dominio nos primeiros 45 minutos foi absoluto, mesmo daba a sensación de que non existía diferencia de categoría entre ámbolos dous equipos, tendo como resultado unha serie de oportunidades claras de gol a prol dos malpicáns: un disparo de Rancaño desviado; unha espectacular volea de Ismael dende uns 25-30 metros que salvou cunha grandísima parada José cando o balón se dirixía a escadra dereita da súa portería; un penalti fallado por Neucha, xa co 1-0 no marcador, despois dun empurrón do gardameta visitante a David Blanco tras un balón en longo (na miña opinón o cartón amarelo foi xusto, pois a pesar de selo "último home" o regate de David levaba unha dirección moi escorada); e un tiro de Rancaño tras unha xogada por banda dereita de David que se marchou alto. O Dumbría, pola súa parte, saiu un tanto apático, como se a eliminatoria xa estivera resolta, e viuse claramente desbordado pola entrega e intensidade dos locais, aguantando a duras penas o "chaparrón". Só tivo unha ocasión de gol, xa preto do descanso, tras unha xogada individual de Brais que tira fóra.

Proba da superioridade do Malpica, foi o feito de que o adestrador do Dumbría decidiu facer dous trocos no descanso (e outro no minuto 50). No segundo tempo, os visitantes aumentaron a intensidade, pois déronse conta de que a remontada non estaba tan lonxana. A SCD continuou pelexando tódolos balóns e tentando de atacar para marcar máis goles, pero as forzas xa non estaban tan enteiras como na primeira parte, e a medida que pasaban os minutos a precisión e a claridade no mediocampo xa non eran as mesmas perdendo o dominio tan claro na posesión do balón. Sen embargo, os xogadores seguíronse esforzando, e ata o derradeiro minuto entregaron todo o que tíñan (inclusive marcando no minuto 90, despois de todo o pelexado e coa "desilusión" do empate pouco antes). A maior igualdade do segundo acto reflectiuse no número de oportunidades de gol, pois o Malpica apenas contou con dúas: un disparo de David Blanco que atallou José e un disparo de Neucha dende o borde da área que marchou alto por pouco. O Dumbría, con tres centrais fixos, limitouse a "nadar e gardala roupa", pois incrementou o control de balón pero en posicións moi retrasadas, o que lle serviu para non pasar apuros pero tampouco xerou oportunidades (destacar unha de Adrián tras un centro que medio mal Toni).

Con este partido remata a Copa 2010 para a SCD Malpica, que quedou a un paso de chegar á final (algo que non sucede dende o ano 1985). Gran mérito tivo o equipo, pois puxo en serios apuros a todo un Dumbría e dou a cara durante os 180 minutos que durou a eliminatoria, pero algún erro puntual e a falta de sorte non fixeron posible que saltase a sorpresa. Entrar en qué houbese pasado se no Conco non encaixaran dous goles xusto antes do descanso por dous erros propios, se o colexiado anulase o terceiro gol na ida, se non se lle anulara o gol a David Blanco ou se Neucha non errase o penalti, non ten moito sentido (xa que nunca se saberá o que podería ter sucedido), pero si deixa unha sensación "agridulce", pois creo que o Malpica mostrou que non foi inferior ó seu rival. Non obstante, os afeccionados, a directiva, o adestrador e os xogadores poden estar contentos e orgullosos polo seu papel nesta tempada 2009-2010, tanto na Liga como na Copa, despois de dous anos con moitas dificultades deportivas. Mención especial merece a afección, que se mostrou absolutamente entregada (especialmente nas últimas roldas da Copa), e que volveu a mostralo seu apoio o sábado, a pesar da eliminación. A final da Copa da Costa 2010 non será ningunha sorpresa, xa que enfrontará os dous favoritos de cada cadro: Dumbría e Cee (o primeiro encontro desputaráse en Cee o vindeiro domingo 27 de xuño ás 18:00 horas).

1 comentarios:

  1. Ánimo nenos que aínda falta o mellor da temporada: a cea a conta das multas de Eloy e do míster!! jeje

    ResponderEliminar