domingo, 31 de octubre de 2010

PRENSA

Novas declaracións de Manuel Agilda ó diario deportivo Depor Sport. Aquí se pode ler.

jueves, 28 de octubre de 2010

PREVIA

Novena xornada da Liga da Costa 2010-2011:

- Domingo día 31 de outubro, ás 16:30 horas: SCD Malpica - Porteño, na Pedra Queimada.

martes, 26 de octubre de 2010

PRENSA

Nova entrevista do diario Depor Sport ó adestrador da SCD Malpica, Manuel Agilda, con motivo do derbi que se disputou este pasado fin de semana. Neste enlace pódese ver.

lunes, 25 de octubre de 2010

RESULTADOS DA 8ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Club do Mar 1 - Baio 0

Muros 5 - Carnota 0

Corme 1 - Camariñas 2

Sofán 2 - Castriz 3

Dumbría "B" 0 - Ponteceso 4

Vimianzo 2 - San Lorenzo 2

Porteño 1 - Esteirana 3

O Pindo 1 - Fisterra 1

LIGA DA COSTA 8ª XORNADA: BUÑO 1 - MALPICA 2

BUÑO SD: Brais, José, Pancho, Diego, Lolo, Jorge, Elías (Ángel min.64), Martín, Rubén (Mendieta min.46), Fran Martuxa (Santi min.64), Víctor Pardiñas (Víctor Vilar min.46).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Marco min.74), Víctor, Iago, Manu Pardo (Miguel Dourado min.78), Neucha, Casais (Ismael min.83), David Blanco, Cheo, Andrés (Eloy min.64).

Árbitro: Álvarez Vega. Correcta actuación na tarde de onte, sen abusar dos cartóns, ainda que con certa tendencia a "caseiro" na indicación das faltas. Sen embargo, si foi valente ó sinalar un penalti a prol do Malpica na segunda metade.

Ambiente e Incidencias: Bo ambiente e gran entrada no campo de Xaviña, cuns 200 espectadores. Tarde nubrada e con boa temperatura, condicións ideais para a práctica do fútbol. Non houbo expulsados. No capítulo de lesións, o malpicán Marcos Amado tivo que ser sustituído por molestias nun xeonllo; tamén Andrés abandonou o terreo de xogo con problemas nun aductor. Merece especial relevancia a gran deportividade que houbo entre ámbolos dous conxuntos e tamén nas bancadas, a pesares da rivalidade.

Goleadores: 0-1 min. 59: David Blanco é empurrado por Mendieta dentro da área, nun penalti innecesario, pois o dianteiro malpicán estaba de costas á portería e no lateral da área, pero foi moi claro. A pena máxima transfórmaa Neucha de tiro raso que da na parte de dentro do pao esquerdo da portería. 0-2 min. 68: Fenomenal contragolpe do Malpica tras un saque de esquina a favor do Buño, Cheo recolle o esférico no borde da súa propia área, emprende unha carreira en solitario, tras facer unha parede cun compañeiro, anotando un golazo despois de facerlle un autopase a un defensa e de regatear ó gardameta tras percorrer case todo o campo. 1-2 min. 94: Co tempo xa cumplico, prodúcese un saque de falta lateral a prol do Buño, a defensa despexa nun primeiro instante, pero o balón cáelle a Diego no borde da área, controla co peito e bate a Suso de tiro cruzado pasando o balón entre unha maraña de xogadores.

Comentario: Volvíanse a velas caras Buño e Malpica en Xaviña despois de dúas tempadas nas que o conxunto da vila oleira estivo na Terceira Rexional, e co recordo na mente dos malpicáns da salvación lograda no minuto 93 da derradeira xornada da Liga da Costa 2007-2008 (encontro que rematara co resultado de 2-3). O adestrador dos malpicáns, Manuel Agilda, tiña as baixas de Viña (lesionado nun xeonllo) e de Martín (con problemas musculares). Ao partido chegaban os equipos cos "papeis intercambiados", xa que o Buño precedía ó Malpica en tres puntos na clasificación e estaba a sela revelación do campionato. Sen embargo, dende os primeiros minutos o Malpica mostrou a súa superioridade, completando un dos encontros máis completos da tempada, e sen dar opcións ó seu rival. Saíron moi concentrados, coas ideas moi claras, tanto en defensa como en ataque, presionando moi ben en tódalas líñas, e roubando balóns aproveitándose das dificultades do Buño á hora de sair co esférico controlado. Apenas se pasaron apuros defensivos, mentres que na parcela ofensiva combinábase ben entre os mediocentros, aproveitándose a movilidade dos xogadores ofensivos, e penetrouse con sentido polas bandas. Mostra delo foron as ocasións que se crearon, sobresaíndo as seguintes: un potente disparo de Marcos Amado dende o pico esquerdo da área que se marchou fóra por pouco; unha falta botada por Manu Pardo á altura do borde da área que atallou Brais; outra falta sacada por Neucha que rexeitou Brais, caendo o rexeite a Manu Parde que anota de cabeza pero o colexiado non no concede por presunto fóra de xogo; e unha xogada de Cheo pola banda dereita, cuio centro mándao David Blanco fóra tras rematar na área pequena. Polo que atinxe ó Buño, acumulou moita xente atrás, e tivo grandes dificultades á hora de combinar con fluidez, mostrándose inoperativo en ataque. Só destacaron dúas accións de perigo, ambas a balón parado: un cabezazo de Jorge tras un saque de esquina que atallou un ben colocado Suso, e un ramate en "semichilena" tras un rexeite despois dunha falta lateral de Fran Martuxa que detivo de novo Suso sen dificultades.

No segundo tempo, o Buño saiu cun pouco máis de ambición, subindo líñas e acumulando máis xente arriba, pero isto provocou que quedasen moitos espacios para os rápidos atacantes do Malpica. Os visitantes seguiron co mesmo planteamento, pero tras anotalo primeiro gol atoparon moitas máis facilidades para chegar á área local mediante perigosos contragolpes, pois o Buño tentou lograr un hipotético gol que lle dera o empate, pero en ningún momento dou a sensación de poder acadalo. Os malpicáns tiveron varias ocasións clarísimas de gol, pero non lograron aproveitalas, destacando dúas clamorosas: un remate de David Blanco dentro da área pequena tras pase de Casais que atalla Brais, despois dunha gran xogada colectiva do Malpica; e un man a man de Neucha que intenta "picalo" balón ante a saída do gardameta pero sáelle demasiado alto. Polo que respecta ós locais, a pesar de ir por detrás no marcador, só tiveron unha oportunidade clara, de novo a balón parado, tras un saque de falta que peina Víctor Vilar que Suso despexa a saque de esquina despois dunha gran estirada.

Importante e convincente vitoria da SCD Malpica na tarde de onte, non soamente por tratarse do derbi da localidade, se non porque o Buño ainda non coñecía a derrota no que iba de tempada. O conxunto de Manuel Agilda atravesa un bo momento de forma, en clara progresión, como desmostran os seguintes datos: é o conxunto menos goleado da categoría (6 goles encaixados en 8 encontros); suma por primeira vez nesta tempada dúas vitorias consecutivas; logra a súa primeira vitoria como visitante; e acumula 6 xornadas consecutivas sen perder. A vindeira semana a SCD recibe ó Porteño.

domingo, 24 de octubre de 2010

PRENSA

Con motivo do derbi que enfronta hoxe a Buño e Malpica, o diario deportivo Depor Sport dedicou a súa edición do pasado xoves a recordala derradeira vez que se enfrontaron ámbolos dous conxuntos. Aquí se pode leer.

viernes, 22 de octubre de 2010

PREVIA

Este fin de semana xógase a oitava xornada da Liga da Costa 2010-2011, xornada na que terá lugar o derbi do concello de Malpica:

- Domingo día 24 de outubro, ás 16:30 horas: Buño - SCD Malpica, en Xaviña (Buño).

PRENSA

O diario Depor Sport publicou unha pequena entrevista co xogador malpicán Cheo o pasado martes, pódese consultar neste enlace.

lunes, 18 de octubre de 2010

RESULTADOS DA 7ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Puenteceso 1 - Sofán 2

Carnota 1 - Club do Mar 1

Camariñas 4 - Muros 1

San Lorenzo 2 - Dumbría "B" 3

Esteirana 0 - Buño 1

Baio 3 - O Pindo 1

Castriz 0 - Corme 1

Fisterra 3 - Porteño 1

LIGA DA COSTA 7ª XORNADA: MALPICA 5 - VIMIANZO 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie (M. Dourado min.60), Marcos Amado, Víctor, Iago (Marco min.46), Eloy, Neucha (Carlitos min.69), Casais, David Blanco, Cheo, Andrés (Manu Pardo min.58).

SDU VIMIANZO: Damián, Martín, Amarelle, Camilo, Iván de Treos, Sergio Quintáns, Arán (Maicol min.62), Iván de Baiñas (Mario min.60), Javi (Vilaseco min.72), Manacas, Rafa (Diego min.57).

Árbitro: Vázquez Expósito. Tiva unha actuación regular, pois sempre se mantivo moi lonxe das xogadas, o que provocou que cometese graves erros de apreciación. Tampouco estivo moi acertado á hora de sacalos cartóns amarelos. Houbo dúas xogadas polémicas: 1.- Na primeira metade indica penalti a prol do Malpica por mans, o que foi protestado polos visitantes, a pesar de que foi bastante evidente. 2.- Na segunda metade non sinala un penalti a favor dos malpicáns tras unha clara falta sobre David Blanco.

Ambiente e Incidencias: Sobre unhas 100 persoas na Pedra Queimada. Tarde soleada pero cun vento moderado que dificultaba o control do esférico. Non houbo nin lesionados de gravidade nin expulsados.

Goleadores: 1-0 min. 14: Boa xogada individual de Cheo pola banda dereita, que culmina dende o lateral da área cun forte disparo raso que se cola polo primeiro pao. 2-0 min.16: Penalti transformado por Neucha de forte tiro raso que da no pao esquerdo da meta defendida por Damián antes de entrar. 3-0 min.33: Fenomenal contragolpe dos locais que inicia o gardameta Suso sacando rápido cara Cheo, este envía o balón cara David que realiza unha boa xogada por banda dereita e cede outra vez para Cheo, que só ten que empurralo esférico en boca de gol. 4-0 min.59: Gran pase en profundiade de Manu Pardo sobre David Blanco que fai o cuarto de disparo cruzado. 5-0 min.72: Manu Pardo controla o balón a altura do mediocampo, fai un "caño" e lanza un preciso tiro que se cola pola escadra dereita, anotando un auténtico golazo.

Comentario: Despois de catro empates consecutivos, a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada ó Vimianzo (conxunto que lle sacaba un punto ós malpicáns antes do encontro) coa intención de conseguila segunda vitoria da tempada e seguir coa boa xeira de resultados como local. Eran baixas nos locais o defensa Viña (lesionado de longa duración) e os mediocentros Ismael e Martín, ámbolos dous por problemas musculares. Os xogadores adestrados por Manuel Agilda saíron moi enchufados ó partido, conscientes de que a vitoria na tarde de onte era moi importante, e apenas deron opción ós visitantes na primeira metade. A pesar do forte vento e que lles daba de cara, conseguiron circulalo esférico con criterio, aproveitando a movilidades dos seus xogadores de ataque. Moi importante foi tamén a orde defensiva cando tocaba recuperalo balón, pois a boa presión de todo o equipo fixo que, practicamente, Suso pasase desapercibido. Ademais dos goles, destacaron outras dúas claras ocasións para o Malpica nos primeiros 45 minutos: un tiro de David Blanco que sae excesivamente cruzado, e un man a man de Cheo que atalla Damián. Polo que atinxe ó Vimianzo, mostrouse moi desacertado en defensa, e en ataque só dispuxo dunha ocasión, preto do descando e a balón parado, despois dunha falta botada por Arán que chapou Suso cunha bonita estirada.

Na segunda parte, e co partido sentenciado, o ritmo de xogo baixou bastante, pois os locais dedicáronse a "nadar e gardala roupa" e os visitantes a capealo temporal coa maior honra posible. Así, o Malpica mostrouse un pouco máis irregular no seu xogo, alternando grandes xogadas (especialmente polas bandas) con imprecións froito da relaxación, pero sen pasar apuros en ningún momento, dando a sensanción de telo partido totalmente controlado en todo momento. A pesar de baixar "unha marcha", os locais tiveron ocasións de sobra para lograr unha goleada de escándalo, destacando: un disparo de David Blanco que dou no longueiro; un cabezazo do mesmo protagonista en boca de gol que petou no seu compañeiro Dourado; un remate de cabeza, tamén en boca de gol, de Carlitos que marchou alto; e un man a man no que Damián lle gañou a partida a David. O Vimianzo non tirou entre os tres paos durante os segundos 45 minutos, e non deixou moi boas sensacións na tarde de onte. Sen embargo, hai que agradecela súa deportividade e comportamento exemplar, sen un mal xesto nin entradas duras.

Por fin se rompeu a racha de cinco partidos sen gañar do Malpica, e ademais de xeito espectacular, e de paso, acabou co gafe de cara a gol. Oxalá que tras este encontro os malpicáns gañen en confianza que dea lugar a unha xeira positiva de resultados para seguir escalando na clasificación. A vindeira semana haberá derbi, xa que a SCD xoga contra o Buño, que retorna á Liga da Costa tralo seu paso pola terceira rexional.

viernes, 15 de octubre de 2010

PREVIA

Este fin de semana xógase a séptima xornada da Liga da Costa:

- Domingo 17 de outubro, SCD Malpica - Vimianzo, ás 16:30 horas, na Pedra Queimada.

lunes, 11 de octubre de 2010

RESULTADOS DA 6ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Club do Mar 0 - Camariñas 1

Carnota 0 - Baio 0

Muros 1 - Castriz 1

Corme 2 - Ponteceso 4

Sofán 3 - San Lorenzo 2

Vimianzo 2 - Esteirana 5

Buño 0 - Fisterra 0

Porteño 3 - O Pindo 1

LIGA DA COSTA 6ª XORNADA: DUMBRÍA "B" 0 - SCD MALPICA 0

CF DUMBRÍA “B”: Anxo, J. Carreira, Samuel, David Carreira, Pablo Casais, Tantán, Poyo (Carlos min. 87), Chucho, Pablo Lestón (Ivanete min. 77), Sergio Cives, Josiño (Fernando min. 59).

SCD MALPICA: Víctor Martínez, Charlie, Marcos Amado (Carlitos min. 88), Víctor, Iago, Eloy, Neucha, Cheo (Manu Pardo min. 46), David Blanco, Andrés (Casais min. 68), Ismael (Miguel Dourado min. 63).

Árbitro: Rama Cotelo. Tivo unha actuación bastante discreta, sempre estivo ben situado pero cometeu algún erro de apreciación que provocaron as protestas de ámbolos dous conxuntos. A xogada polémica sucedeu no minuto 80, cando o malpicán Neucha foi derribado na área local tras unha zancadilla; os visitantes reclamaron penalti, pero o colexiado non no indicou a pesar de que fixo o amago de pitar.

Ambiente e Incidencias: Pobre entrada no Conco, cunhas 75 persoas no campo. Tarde con temperatura agradable e sen choiva durante o encontro. Non houbo cartóns vermellos. Tampouco houbo que lamentar lesionados de gravidade. Destacalo debut do gardameta en idade xuvenil Víctor Martínez no Malpica.

Comentario: Volvía a SCD Malpica ó Conco, campo con recordos enfrontados para os malpicáns, pois se ben foi escenario dunha semifinal histórica de Copa da Costa despois de 13 anos, o alí acontecido hai uns poucos meses deixou unha sensación de impotencia e rabia (tanto polo resultado, 3-0, como pola actuación arbitral naquel partido). Nesta ocasión o rival era o filial do Dumbría, conxunto debutante na Liga da Costa. Para esta sexta xornada de campionato, o adestrador do Malpica, Manuel Agilda, tíña as baixas de Viña (lesionado de longa duración), Marco (por motivos persoais) e do gardameta Suso (por razóns laborais). Na primeira metade, o conxunto azulón entrou ben organizado no campo, coas líñas xuntas, e tentando sair rápido para aproveitalos espazos que quedaban ás costas da adiantada defensa local, algo insegura na tarde de onte. Se ben nos derradeiros minutos desta parte perderon un pouco "o norte" por preocuparse máis do colexiado que do propio encontro. O Malpica dispuxo das mellores ocasións, destacando tres moi claras: un disparo desviado de Neucha cando o porteiro local se atopaba fóra da meta nunha mala saída; un man a man de David Blanco que manda fóra despois dun gran pase en profundiade de Eloy; e outra ocasión de David que non logra controlar ben un pase ó espazo e que o porteiro local consegue despexar "in extremis" tras outra saída un tanto alocada. Polo que atinxe ó Dumbría "B", é de agradecer a súa intención de sacalo esférico controlado, pero apenas conseguía chegar a área visitante, e non dispuxo de oportunidades, salvo nalgún balón parado.

No segundo período, a tónica do encontro foi un pouco a mesma, cun Malpica dominador da posesión do esférico, pero cun Dumbría "B" algo máis encerrado. Sen embargo, o xogo desplegado polo coxunto costeiro foi un tanto irregular, alternando boas xogadas combinativas con outras precipitadas. Quizáis faltou un pouco de profundidade polas bandas, xa que apenas se creou perigo por esta vía. Nestes segundos 45 minutos tamén contou a SCD con varias oportunidades de gol, destacando de novo tres: un man a man desperdiciado por David Blanco ó cruzar en exceso o balón; un tiro dende o pico da área do propio David que se marchou fóra; e un cabezazo de Carlitos xa no tramo final que se marchou alto. O Dumbría "B" atopou algún espazo máis, pois o Malpica arriesgou e moitas veces quedaban os dous centrais cos dous dianteiros, pero tampouco lograron boas ocasións, destacando a potencia no xogo aéreo Sergio Cives.

Novo empate da SCD Malpica, que xa suma catro seguidos. Non consegue o conxunto malpicán rompelo meigallo de cara a porta, pois en case tódolos partidos teñen boas oportunidades pero que non se materializan. Así, nos últimos 5 encontros só suman 4 goles a favor (e dous deses catro foron a balón parado). Se ben a nota positiva é a solidez defensiva, xa que unicamente encaixaron 5 goles nos 6 partidos disputados (e deses cinco, tres claramente concedidos de xeito irregular). Esperemos que a vindeira semana por fin consigan "abrila lata" e lograr unha vitoria que lles dea unha maior tranquilidade.

viernes, 8 de octubre de 2010

PREVIA

Sexta xornada da Liga da Costa:

- Domingo día 10 de outubro, ás 16:30 horas: Dumbría "B" - SCD Malpica, no Conco.

jueves, 7 de octubre de 2010

lunes, 4 de octubre de 2010

RESULTADOS DA 5ª XORNADA DA LIGA DA COSTA

Camariñas 1 - Carnota 1

Ponteceso 4 - Muros 1

San Lorenzo 4 - Corme 3

Esteirana 0 - Dumbría B 1

Fisterra 2 - Vimianzo 1

O Pindo 2 - Buño 2

Baio 3 - Porteño 3

Castriz 1 - Club do Mar 1

LIGA DA COSTA 5 ª XORNADA: MALPICA 1 - SOFÁN 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago, Ismael, Casais (Neucha min. 46), Cheo, David Blanco, Andrés (Miguel Dourado min. 62), Eloy (Manu Pardo min. 46),

SD SOFÁN: Costa, Roberto Souto, Diego, Alberto Pensado, Juanjo, Alemán, Jacobo, Mario, Luís, David Pensado, Bertín (Adrián min. 69).

Árbitro: Juan Alberto Blanco Bravo. Pésima arbitraxe a súa na tarde de onte. Fatal á hora de sacalos cartóns amarelos, pois non tivo un criterio claro en ningún momento, lamentable a súa condición física (que provocou que seguise o xogo dende moita distancia) e penoso nas xogadas polémicas, pois sempre errou en contra do Malpica: concede gol ó Sofán cando Jacobo está en claro fóra de xogo; na recta final do partido "comiuse" un penalti de Alberto Pensado a Neucha cando este encaraba só a meta rival; e co tempo case cumprido anuloulle un gol ós malpicáns por presunta falta de Cheo ó gardameta local no saque dun córner, algo que só viu el, pois foi o propio porteiro do Sofán o que introduce o balón na súa portería tras intentar despexar de puños (feito que reconoceron varios dos xogadores visitantes). Unicamente tivo un acerto: o gol anulado a David Blanco por fóra de xogo no minuto 15. Tras esta "actuación", queda en evidencia a decadencia do nivel do arbitraxe na Liga da Costa, algo que os responsables federativos deberían de comezar a resolver.

Ambiente e Incidencias: 100 valentes foron os que acudiron á Pedra Queimada, nunha tarde gris, con moito vento e choiva. Non houbo expulsados. No apartado de lesións, o xogador local Andrés abandonou o campo con molestias nun nocello.

Goleadores: 0-1 min. 24: Rexeite do Malpica tras un balón parado, o esférico cáelle a Bertín que mete un pase en profundidade dende a esquerda, á espalda da defensa malpicán, cara Jacobo que estaba só no segundo pao en evidente fóra de xogo, éste controla, acomoda o balón e bate a Suso de tiro cruzado. 1-1 min. 56: Hai unha serie de rexeites na frontal da área do Sofán sen que nadie atine a resolver con claridade, nun dos rexeites o balón sae cara a media lúa, alí está Ismael, que controla libre de marca e anota "á reviravolta", tras un tiro que entrou pegado ó pao dereito de Costa, facendo estéril a estirada do gardameta.

Comentario: Neste primeiro fin de semana de outubro, a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada a un dos favoritos da Liga, á SD Sofán, que ten nas súas filas a dous vellos coñecidos con pasado "azul": Varela e Diego. Os dous conxuntos buscaba a vitoria despois dunha derradeira xornada nada boa para ningún deles. O adestrador local, Manuel Agilda, contaba con dúas baixas na parcela defensiva: o capitán Marco (por cuestións persoais) e Viña (lesionado nun xeonllo). O partido estivo condicionado na primeira metade polas condicións climáticas e polo estado do terreo de xogo, xa que había un forte vento e o campo estaba encharcado pola choiva que caera durante as horas previas (ainda que durante o encontro non choveu), facendo case imposible o xogo combinativo. Saiu centrado o Malpica, xuntando ben as líñas á hora de defender, recuperando moitos balóns no medio do campo, e sen complicarse en defensa, o que provocou que o Sofán apenas tirara entre os tres paos durante o encontro. Non obstante, as condicións do terreo de xogo fixeron que se abusase dos balóns longos, tentando gañarlle a partida a unha defensa sofanista que tivo algúns erros claros, pero a rapidez que adquiría o esférico tras contactar co piso facía moi complicado o seu control. Destacaron as internadas de Cheo pola banda dereita, pero os seus centros non atoparon rematador. Non houbo ocasións claras de gol, pero si moitas aproximacións perigosas á área visitante; sen embargo, ademais do gol anulado a David Blanco, destacaron dous remates do mesmo protagonista: un remate de cabeza que despexou o gardameta local e un disparo dende fóra da área que saiu rozando o pao dereito. Por parte do Sofán, destacar un tiro dende a frontal de Bertín no min. 5 tras unha xogada individual que detivo Suso.

Tras unha primeira metade onde predominou o xogo directo e onde ningún dos dous conxuntos logrou impoñerse con claridade, no segundo tempo o terreo de xogo foi a mellor notablemente e o xogo fíxose máis fluído. A SCD Malpica, a pesar de telo vento en contra, foi o gran dominador nos segundos 45 minutos, levando o peso do partido e coa clara intención de remontar (como mostran os trocos realizados, pois os tres homes máis ofensivos dos que dispoñía M. Agilda entraron xa no descanso ou no primeiro cuarto de hora). O Sofán apenas lograba sair da súa metade de campo, mostrándose superado pola presión local e pola velocidade dos atacantes malpicáns. Sen embargo, a falta de definición e os erros clamorosos do colexiado, provocaron que o empate fose o resultado final. Houbo oportunidades claras mara o Malpica: un tiro desviado de Charlie dentro da área tras unha xogada persoal pola banda dereita; un man a man de David Blanco ante Costa despois dun bo pase en profunidade de Manu Pardo; un balón que quedou morto á áltura do punto de penalti tras centro dende a dereita; e un centro de Neucha dende a banda esquerda ó que Dourado non chega por pouco cando estaba só no segundo pao. Polo que atinxe ó Sofán, apenas creou perigo sobre a área local, limitándose a acumular xente atrás e sen lograr mantela posesión do esférico. Non obstante, dispuxeron dunha boa ocasión tras un saque do gardameta Costa que chegou ás botas de David Pensado que rematou fóra tras un exceso de confianza da zaga local.

Outro empate do Malpica (van tres en cinco xornadas), pero que deixa sensacións moi diferentes o da semana pasada, pois o conxunto costeiro mereceu gañar con claridade, pero a lamentable actuación do árbitro nono permitiu. Esperemos que a actitude e a boa imaxe mostradas onte sexan a tónica dos vindeiros encontros, pois de seguro que xogando así chegarán mellores resultados. A vindeira semana, a SCD enfróntase ó Dumbría "B", equipo recén ascendido e que debuta na Liga da Costa.

viernes, 1 de octubre de 2010

PREVIA

Nova xornada da Liga da Costa 2010:

- Domingo 3 de outubro, ás 16:30 horas: SCD Malpica - Sofán, na Pedra Queimada.