CF DUMBRÍA “B”: Anxo, J. Carreira, Samuel, David Carreira, Pablo Casais, Tantán, Poyo (Carlos min. 87), Chucho, Pablo Lestón (Ivanete min. 77), Sergio Cives, Josiño (Fernando min. 59).
SCD MALPICA: Víctor Martínez, Charlie, Marcos Amado (Carlitos min. 88), Víctor, Iago, Eloy, Neucha, Cheo (Manu Pardo min. 46), David Blanco, Andrés (Casais min. 68), Ismael (Miguel Dourado min. 63).
Árbitro: Rama Cotelo. Tivo unha actuación bastante discreta, sempre estivo ben situado pero cometeu algún erro de apreciación que provocaron as protestas de ámbolos dous conxuntos. A xogada polémica sucedeu no minuto 80, cando o malpicán Neucha foi derribado na área local tras unha zancadilla; os visitantes reclamaron penalti, pero o colexiado non no indicou a pesar de que fixo o amago de pitar.
Ambiente e Incidencias: Pobre entrada no Conco, cunhas 75 persoas no campo. Tarde con temperatura agradable e sen choiva durante o encontro. Non houbo cartóns vermellos. Tampouco houbo que lamentar lesionados de gravidade. Destacalo debut do gardameta en idade xuvenil Víctor Martínez no Malpica.
Comentario: Volvía a SCD Malpica ó Conco, campo con recordos enfrontados para os malpicáns, pois se ben foi escenario dunha semifinal histórica de Copa da Costa despois de 13 anos, o alí acontecido hai uns poucos meses deixou unha sensación de impotencia e rabia (tanto polo resultado, 3-0, como pola actuación arbitral naquel partido). Nesta ocasión o rival era o filial do Dumbría, conxunto debutante na Liga da Costa. Para esta sexta xornada de campionato, o adestrador do Malpica, Manuel Agilda, tíña as baixas de Viña (lesionado de longa duración), Marco (por motivos persoais) e do gardameta Suso (por razóns laborais). Na primeira metade, o conxunto azulón entrou ben organizado no campo, coas líñas xuntas, e tentando sair rápido para aproveitalos espazos que quedaban ás costas da adiantada defensa local, algo insegura na tarde de onte. Se ben nos derradeiros minutos desta parte perderon un pouco "o norte" por preocuparse máis do colexiado que do propio encontro. O Malpica dispuxo das mellores ocasións, destacando tres moi claras: un disparo desviado de Neucha cando o porteiro local se atopaba fóra da meta nunha mala saída; un man a man de David Blanco que manda fóra despois dun gran pase en profundiade de Eloy; e outra ocasión de David que non logra controlar ben un pase ó espazo e que o porteiro local consegue despexar "in extremis" tras outra saída un tanto alocada. Polo que atinxe ó Dumbría "B", é de agradecer a súa intención de sacalo esférico controlado, pero apenas conseguía chegar a área visitante, e non dispuxo de oportunidades, salvo nalgún balón parado.
No segundo período, a tónica do encontro foi un pouco a mesma, cun Malpica dominador da posesión do esférico, pero cun Dumbría "B" algo máis encerrado. Sen embargo, o xogo desplegado polo coxunto costeiro foi un tanto irregular, alternando boas xogadas combinativas con outras precipitadas. Quizáis faltou un pouco de profundidade polas bandas, xa que apenas se creou perigo por esta vía. Nestes segundos 45 minutos tamén contou a SCD con varias oportunidades de gol, destacando de novo tres: un man a man desperdiciado por David Blanco ó cruzar en exceso o balón; un tiro dende o pico da área do propio David que se marchou fóra; e un cabezazo de Carlitos xa no tramo final que se marchou alto. O Dumbría "B" atopou algún espazo máis, pois o Malpica arriesgou e moitas veces quedaban os dous centrais cos dous dianteiros, pero tampouco lograron boas ocasións, destacando a potencia no xogo aéreo Sergio Cives.
Novo empate da SCD Malpica, que xa suma catro seguidos. Non consegue o conxunto malpicán rompelo meigallo de cara a porta, pois en case tódolos partidos teñen boas oportunidades pero que non se materializan. Así, nos últimos 5 encontros só suman 4 goles a favor (e dous deses catro foron a balón parado). Se ben a nota positiva é a solidez defensiva, xa que unicamente encaixaron 5 goles nos 6 partidos disputados (e deses cinco, tres claramente concedidos de xeito irregular). Esperemos que a vindeira semana por fin consigan "abrila lata" e lograr unha vitoria que lles dea unha maior tranquilidade.
0 comentarios:
Publicar un comentario