SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago, Ismael, Casais (Neucha min. 46), Cheo, David Blanco, Andrés (Miguel Dourado min. 62), Eloy (Manu Pardo min. 46),
SD SOFÁN: Costa, Roberto Souto, Diego, Alberto Pensado, Juanjo, Alemán, Jacobo, Mario, Luís, David Pensado, Bertín (Adrián min. 69).
Árbitro: Juan Alberto Blanco Bravo. Pésima arbitraxe a súa na tarde de onte. Fatal á hora de sacalos cartóns amarelos, pois non tivo un criterio claro en ningún momento, lamentable a súa condición física (que provocou que seguise o xogo dende moita distancia) e penoso nas xogadas polémicas, pois sempre errou en contra do Malpica: concede gol ó Sofán cando Jacobo está en claro fóra de xogo; na recta final do partido "comiuse" un penalti de Alberto Pensado a Neucha cando este encaraba só a meta rival; e co tempo case cumprido anuloulle un gol ós malpicáns por presunta falta de Cheo ó gardameta local no saque dun córner, algo que só viu el, pois foi o propio porteiro do Sofán o que introduce o balón na súa portería tras intentar despexar de puños (feito que reconoceron varios dos xogadores visitantes). Unicamente tivo un acerto: o gol anulado a David Blanco por fóra de xogo no minuto 15. Tras esta "actuación", queda en evidencia a decadencia do nivel do arbitraxe na Liga da Costa, algo que os responsables federativos deberían de comezar a resolver.
Ambiente e Incidencias: 100 valentes foron os que acudiron á Pedra Queimada, nunha tarde gris, con moito vento e choiva. Non houbo expulsados. No apartado de lesións, o xogador local Andrés abandonou o campo con molestias nun nocello.
Goleadores: 0-1 min. 24: Rexeite do Malpica tras un balón parado, o esférico cáelle a Bertín que mete un pase en profundidade dende a esquerda, á espalda da defensa malpicán, cara Jacobo que estaba só no segundo pao en evidente fóra de xogo, éste controla, acomoda o balón e bate a Suso de tiro cruzado. 1-1 min. 56: Hai unha serie de rexeites na frontal da área do Sofán sen que nadie atine a resolver con claridade, nun dos rexeites o balón sae cara a media lúa, alí está Ismael, que controla libre de marca e anota "á reviravolta", tras un tiro que entrou pegado ó pao dereito de Costa, facendo estéril a estirada do gardameta.
Comentario: Neste primeiro fin de semana de outubro, a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada a un dos favoritos da Liga, á SD Sofán, que ten nas súas filas a dous vellos coñecidos con pasado "azul": Varela e Diego. Os dous conxuntos buscaba a vitoria despois dunha derradeira xornada nada boa para ningún deles. O adestrador local, Manuel Agilda, contaba con dúas baixas na parcela defensiva: o capitán Marco (por cuestións persoais) e Viña (lesionado nun xeonllo). O partido estivo condicionado na primeira metade polas condicións climáticas e polo estado do terreo de xogo, xa que había un forte vento e o campo estaba encharcado pola choiva que caera durante as horas previas (ainda que durante o encontro non choveu), facendo case imposible o xogo combinativo. Saiu centrado o Malpica, xuntando ben as líñas á hora de defender, recuperando moitos balóns no medio do campo, e sen complicarse en defensa, o que provocou que o Sofán apenas tirara entre os tres paos durante o encontro. Non obstante, as condicións do terreo de xogo fixeron que se abusase dos balóns longos, tentando gañarlle a partida a unha defensa sofanista que tivo algúns erros claros, pero a rapidez que adquiría o esférico tras contactar co piso facía moi complicado o seu control. Destacaron as internadas de Cheo pola banda dereita, pero os seus centros non atoparon rematador. Non houbo ocasións claras de gol, pero si moitas aproximacións perigosas á área visitante; sen embargo, ademais do gol anulado a David Blanco, destacaron dous remates do mesmo protagonista: un remate de cabeza que despexou o gardameta local e un disparo dende fóra da área que saiu rozando o pao dereito. Por parte do Sofán, destacar un tiro dende a frontal de Bertín no min. 5 tras unha xogada individual que detivo Suso.
Tras unha primeira metade onde predominou o xogo directo e onde ningún dos dous conxuntos logrou impoñerse con claridade, no segundo tempo o terreo de xogo foi a mellor notablemente e o xogo fíxose máis fluído. A SCD Malpica, a pesar de telo vento en contra, foi o gran dominador nos segundos 45 minutos, levando o peso do partido e coa clara intención de remontar (como mostran os trocos realizados, pois os tres homes máis ofensivos dos que dispoñía M. Agilda entraron xa no descanso ou no primeiro cuarto de hora). O Sofán apenas lograba sair da súa metade de campo, mostrándose superado pola presión local e pola velocidade dos atacantes malpicáns. Sen embargo, a falta de definición e os erros clamorosos do colexiado, provocaron que o empate fose o resultado final. Houbo oportunidades claras mara o Malpica: un tiro desviado de Charlie dentro da área tras unha xogada persoal pola banda dereita; un man a man de David Blanco ante Costa despois dun bo pase en profunidade de Manu Pardo; un balón que quedou morto á áltura do punto de penalti tras centro dende a dereita; e un centro de Neucha dende a banda esquerda ó que Dourado non chega por pouco cando estaba só no segundo pao. Polo que atinxe ó Sofán, apenas creou perigo sobre a área local, limitándose a acumular xente atrás e sen lograr mantela posesión do esférico. Non obstante, dispuxeron dunha boa ocasión tras un saque do gardameta Costa que chegou ás botas de David Pensado que rematou fóra tras un exceso de confianza da zaga local.
Outro empate do Malpica (van tres en cinco xornadas), pero que deixa sensacións moi diferentes o da semana pasada, pois o conxunto costeiro mereceu gañar con claridade, pero a lamentable actuación do árbitro nono permitiu. Esperemos que a actitude e a boa imaxe mostradas onte sexan a tónica dos vindeiros encontros, pois de seguro que xogando así chegarán mellores resultados. A vindeira semana, a SCD enfróntase ó Dumbría "B", equipo recén ascendido e que debuta na Liga da Costa.
0 comentarios:
Publicar un comentario