lunes, 18 de octubre de 2010

LIGA DA COSTA 7ª XORNADA: MALPICA 5 - VIMIANZO 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie (M. Dourado min.60), Marcos Amado, Víctor, Iago (Marco min.46), Eloy, Neucha (Carlitos min.69), Casais, David Blanco, Cheo, Andrés (Manu Pardo min.58).

SDU VIMIANZO: Damián, Martín, Amarelle, Camilo, Iván de Treos, Sergio Quintáns, Arán (Maicol min.62), Iván de Baiñas (Mario min.60), Javi (Vilaseco min.72), Manacas, Rafa (Diego min.57).

Árbitro: Vázquez Expósito. Tiva unha actuación regular, pois sempre se mantivo moi lonxe das xogadas, o que provocou que cometese graves erros de apreciación. Tampouco estivo moi acertado á hora de sacalos cartóns amarelos. Houbo dúas xogadas polémicas: 1.- Na primeira metade indica penalti a prol do Malpica por mans, o que foi protestado polos visitantes, a pesar de que foi bastante evidente. 2.- Na segunda metade non sinala un penalti a favor dos malpicáns tras unha clara falta sobre David Blanco.

Ambiente e Incidencias: Sobre unhas 100 persoas na Pedra Queimada. Tarde soleada pero cun vento moderado que dificultaba o control do esférico. Non houbo nin lesionados de gravidade nin expulsados.

Goleadores: 1-0 min. 14: Boa xogada individual de Cheo pola banda dereita, que culmina dende o lateral da área cun forte disparo raso que se cola polo primeiro pao. 2-0 min.16: Penalti transformado por Neucha de forte tiro raso que da no pao esquerdo da meta defendida por Damián antes de entrar. 3-0 min.33: Fenomenal contragolpe dos locais que inicia o gardameta Suso sacando rápido cara Cheo, este envía o balón cara David que realiza unha boa xogada por banda dereita e cede outra vez para Cheo, que só ten que empurralo esférico en boca de gol. 4-0 min.59: Gran pase en profundiade de Manu Pardo sobre David Blanco que fai o cuarto de disparo cruzado. 5-0 min.72: Manu Pardo controla o balón a altura do mediocampo, fai un "caño" e lanza un preciso tiro que se cola pola escadra dereita, anotando un auténtico golazo.

Comentario: Despois de catro empates consecutivos, a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada ó Vimianzo (conxunto que lle sacaba un punto ós malpicáns antes do encontro) coa intención de conseguila segunda vitoria da tempada e seguir coa boa xeira de resultados como local. Eran baixas nos locais o defensa Viña (lesionado de longa duración) e os mediocentros Ismael e Martín, ámbolos dous por problemas musculares. Os xogadores adestrados por Manuel Agilda saíron moi enchufados ó partido, conscientes de que a vitoria na tarde de onte era moi importante, e apenas deron opción ós visitantes na primeira metade. A pesar do forte vento e que lles daba de cara, conseguiron circulalo esférico con criterio, aproveitando a movilidades dos seus xogadores de ataque. Moi importante foi tamén a orde defensiva cando tocaba recuperalo balón, pois a boa presión de todo o equipo fixo que, practicamente, Suso pasase desapercibido. Ademais dos goles, destacaron outras dúas claras ocasións para o Malpica nos primeiros 45 minutos: un tiro de David Blanco que sae excesivamente cruzado, e un man a man de Cheo que atalla Damián. Polo que atinxe ó Vimianzo, mostrouse moi desacertado en defensa, e en ataque só dispuxo dunha ocasión, preto do descando e a balón parado, despois dunha falta botada por Arán que chapou Suso cunha bonita estirada.

Na segunda parte, e co partido sentenciado, o ritmo de xogo baixou bastante, pois os locais dedicáronse a "nadar e gardala roupa" e os visitantes a capealo temporal coa maior honra posible. Así, o Malpica mostrouse un pouco máis irregular no seu xogo, alternando grandes xogadas (especialmente polas bandas) con imprecións froito da relaxación, pero sen pasar apuros en ningún momento, dando a sensanción de telo partido totalmente controlado en todo momento. A pesar de baixar "unha marcha", os locais tiveron ocasións de sobra para lograr unha goleada de escándalo, destacando: un disparo de David Blanco que dou no longueiro; un cabezazo do mesmo protagonista en boca de gol que petou no seu compañeiro Dourado; un remate de cabeza, tamén en boca de gol, de Carlitos que marchou alto; e un man a man no que Damián lle gañou a partida a David. O Vimianzo non tirou entre os tres paos durante os segundos 45 minutos, e non deixou moi boas sensacións na tarde de onte. Sen embargo, hai que agradecela súa deportividade e comportamento exemplar, sen un mal xesto nin entradas duras.

Por fin se rompeu a racha de cinco partidos sen gañar do Malpica, e ademais de xeito espectacular, e de paso, acabou co gafe de cara a gol. Oxalá que tras este encontro os malpicáns gañen en confianza que dea lugar a unha xeira positiva de resultados para seguir escalando na clasificación. A vindeira semana haberá derbi, xa que a SCD xoga contra o Buño, que retorna á Liga da Costa tralo seu paso pola terceira rexional.

0 comentarios:

Publicar un comentario