lunes, 7 de febrero de 2011

LIGA DA COSTA 22ª XORNADA: SOFÁN 2 - MALPICA 0

SOFÁN SD: Álex, Roberto Souto, Juan Rabuñal, Juanjo, Alberto Pensado, Alemán, Adrián (Miniño min.79), Pizo, Jacobo (Luisito min.61), Mario Casal, Bertín (David Pensado min.72).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Marco, Víctor, Andrés, Neucha, Cheo (Eloy min.13), David Blanco, Manu Pardo (Miguel Dourado min.65), Ismael, (Casais min.56).

Árbitro: Grañas Martínez. A pesar de traer malos recordos para o Malpica, na tarde de onte estivo correcto en líñas xerais, nun encontro no que non houbo dureza nin grandes xogadas polémicas. Sen embargo, os malpicáns reclamaron penalti por unhas mans de Juanjo tras un centro de David Blanco preto do descanso.

Incidencias: Boa entrada no Carral, cunhas 150 persoas no campo nunha tarde soleada e cunha temperatura moi agradable. O extremo malpicán Cheo tivo que ser sustuído ao pouco de comezalo encontro por un pinchazo nos isquiotibiais da perna esquerda. Non houbo expulsados.

Goleadores: 1-0 min.9: Tras unha serie de rexeites na banda esquerda do ataque sofanista, Adrián asiste a Bertín para que o dianteiro controle no pico da área, drible a un defensa visitante e anote de tiro raso cruzado axustado ao pao dereito da portería defendida por Suso. 2-0 min.93: Balón en longo cara David Pensado que controla en posición de extremo dereito, entra na área e centra para Luisito que se atopaba na frontal da área pequena, este deixa pasalo balón enganando a Suso e o balón cólase na portería a pesar de que Charlie intenta despexalo.

Crónica: A pesar de que o Sofán ten un dos mellores equipos da categoría durante as últimas tempadas, para os malpicáns son un dos rivais contra os que acostuman sacar bos resultados, e con esa intención viaxaban, conscientes de que unha vitoria acercábaos á parte alta da clasificación. Manuel Agilda podía contar con case toda a plantilla, a excepción de Carlitos e dos habituais Viña e Martín (lesionados para toda a tempada). O partido non podía comezar peor para a SCD Malpica, pois ós poucos minutos lesionábase Cheo e tamén encaixaban o primeiro gol. Ademais, os malpicáns non deixaron boas sensacións neste primeiro acto, pois apenas lograban dar dous ou tres pases seguidos con criterio, non conseguiron gañalos numerosos balóns disputados (as dimensións do terreo de xogo provoca moito fútbol directo e balóns divididos) e non foron quen de disparar entre os tres paos máis que a balón parado. Por se fose pouco, eran constantes os resbalóns, pois todos xogaron con tacos de goma cando as condicións do terreo de xogo non eran moi propicias para elo. Polo que atinxe ó Sofán, coa tranquilidade que otorga ir por diante no marcador, mostrouse coma un conxunto moi ordeado e sólido no xogo aéreo, e apenas pasou dificultades defensivas mentres que en ataque buscaba facer perigo buscando, sobretodo, a Bertín (o seu máximo goleador). As ocasións foron poucas para o Malpica, destacando unha falta lateral botada por Neucha que despexou Álex e unha volea de David Blanco dende a frontal da área que saiu moi alta (ámbalas dúas accións tiveron lugar a poucos minutos do descanso). O Sofán, a pesar de levalo peso do encontro, tampouco tivo moitas oportunidades de gol, destacando dúas claras: unha xogada de Bertín pola dereita tras un saque en longo de Álex pero o seu centro paséase pola área visitante sen atopar rematador, e un cabezazo de Jacobo que saiu preto da portería malpicán.

No segundo período a tónica foi semellante á da primeira parte, co fútbol directo como protagonista. A pesar de ir por detrás no marcador, a SCD Malpica non dou a sensación de poder logralo empate, pois seguían as imprecisións e en ataque non lograron desbordar. O Sofán continuou moi serio, sen grandes "florituras", pero buscando crear perigo mediante contragolpes. Non obstante, a entrada de Luisito deulles un plus de calidade e de tranquilidade cando o balón pasaba polos seus pés, asociándose moi ben cos seus compañeiros de ataque. Co paso dos minutos, os malpicáns estiráronse un pouco, agora con dous dianteiros, pero non tiveron profundidade nin conseguiron poñer en dificultades á defensa local. A mellor ocasión para o conxunto costeiro foi unha falta botada por Neucha, que rexeita Álex con dificultades quedando o esférico morto no punto de penalti, pero ningún xogador malpicán atinou a tirar. Non obstante, a oportunidade máis clara nestes segundos 45 minutos estivo nun cabezazo de Mario que rexeitou ó longueiro tras un centro dende a banda dereita.

En resumo, mal encontro da SCD Malpica en case tódolos aspectos, mostrando unha alarmante falta de profundidade (non tiraron entre os tres paos con perigo, salvo a balón parado) e con moitas imprecisións en tódalas parcelas do campo, ante un Sofán que tampouco demostrou nada espectacular. Preocupante xeira de resultados para o conxunto de Manuel Agilda como visitante: dos últimos 6 partidos xogados a domicilio, só suman un empate, con 5 derrotas consecutivas e con só 2 goles a favor. A vinderia semana, a SCD recibe ó Dumbría "B", un equipo recén ascendido pero que se está a confirmar como unhas das revelacións da tempada (marchan na 7ª plaza a só tres puntos do terceiro clasificado).

0 comentarios:

Publicar un comentario