lunes, 14 de febrero de 2011

LIGA DA COSTA 23ª XORNADA: MALPICA 2 - DUMBRÍA "B" 3

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Casais, Víctor, Iago, Andrés, Neucha, Cheo (Ismael min.7), David Blanco, Manu Pardo (Miguel Dourado min.46), Eloy.

CF DUMBRÍA "B": Anxo, Tantán, José Manuel, David Carreira, Pablo Lestón (Carlos min.92), Jesús (José Carreira min.37), Ramiro (Pablo Casais min.63), Fernando, Poyo, Sergio Cives, Pablo Muíño.

Árbitro: Bruno Méndez. Estivo moi ben na tarde de onte, seguindo o xogo sempre de cerca, sen cometer grandes erros e non abusou dos cartóns amarelos.

Ambiente e Incidencias: Tarde fría na Pedra Queimada con pouco público (uns 75 espectadores). O xogador malpicán Cheo retirouse lesionado ao comezo do encontro con problemas musculares. Tamén o visitante Jesús foi sustiuído na primeira metade por lesión. O gardameta do Dumbría "B" Anxo foi expulsado no minuto 15 da segunda parte por cartón vermello directo tras encararse co colexiado por indicarlle perda de tempo por segunda vez case de maneira consecutiva, o que derivou nunha trifulca entre os xogadores do Dumbría e o colexiado, especialmente protagonizada polo propio Anxo (que perdeu totalmente os papeis) que se resistía a abandonalo terreo de xogo e amenazando constantemente ao colexiado. Tamén foi expulsado o adestrador do Dumbría "B". O encontro suspendeuse durante uns 20 minutos, pois o árbitro reclamou a presencia da Policía Local. Se xa foi lamentable a actuación de Anxo neses intres, peor foi a súa conducta ao final do encontro insultado e realizando xestos despectivos á afección local.

Goleadores: 1-0 min. 30: Falta cometida sobre Neucha na media lúa que bota maxistralmente o propio Neucha, colándose o esférico como un obús pola escadra dereita. 1-1 min. 45+1: Trallazo de Poyo dende fóra da área que entra pola escadra dereita tras pegar na cruceta. 1-2 min. 55: Pablo Muíño recibe o balón á altura de tres cuartos, realiza unha parede con Pablo Lestón e penetra na área batendo a Suso de tiro cruzado. 1-3 min. 64: O malpicán Casais intenta intenta tocar para Víctor pero o seu pase é interceptado por Pablo Muíño que entra na área, anotando a pracer tras regatear a Iago e a Suso. 2-3 min. 94: Balón colgado sobre a área do equipo visitante, Ismael peina, quedándolle o esférico a Neucha que marca coa dereita dende o punto de penalti.

Crónica: Tra-la mala imaxe mostrada a semana pasada en Sofán, a SCD Malpica regresaba á Pedra Queimada, onde ultimamente viña conseguindo resultados positivos, coa intención de logralos tres puntos e de melloralo xogo das últimas xornadas. O rival era o Dumbría "B", un recén ascendido pero que se confirma como a revelación da liga. No Malpica eran baixas os habituais Viña e Martín, aos que había que engadir as de Marco e Marcos Amado (ámbolos dous por motivos persoais). O partido comezou con alternativas e ocasións para os dous conxuntos: para o Malpica dúas internadas de David Blanco que penetra na área tras sendos envíos de Manu Pardo pero na primeira delas o seu tiro sae desviado por pouco e na segunda saélle frouxo e párao Anxo sen problemas. Polos visitantes, destacaron un tiro escorado de Pablo Muíño que tras regatear a Suso tira desviado e un remate do mesmo protagonista que despexa Suso. Sen embargo, tras estes 15-20 primeiros minutos iniciais de "toma e daca", o Malpica fíxose co control do xogo, tentando sair co balón dende atrás e combinando ben en tódalas parcelas do campo. Na parte defensiva, estiveron máis atentos aos balóns en longo e non pasaron máis dificultades. Os malpicáns tiveron varias ocasións para marcar, sobretodo por medio dun disparo lonxano de Manu Pardo que sacou Anxo con moitas dificultades e nun centro de Neucha dende a esquerda ao que David Blanco non chega pero que estivo a punto de introducir na súa portería un defensa visitante. Pero cando parecía que se ía chegar co 1-0 ao descanso, na prolongación chegou o empate, feito que quizáis marcou o partido.

No segundo tempo, o equipo adestrado por Manuel Agilda continuou coa mesma líña mostrada nos primeiros 45 minutos, con moita posesión de balón e tocando ben a altura de tres cuartos. Así, pronto chegaron as oportunidades nun centro de Miguel Dourado dende a banda dereita que remata Neucha libre de marca pero moi forzado no segundo pao e que saiu fóra; e un forte disparo de Eloy dende o pico dereito da área que sae rozando o primeiro pao. Sen embargo, na primeira aproximación do Dumbría logran poñerse por diante no marcador. A pesar de que a remontada semellaba máis sinxela coa expulsión de Anxo (que obligaba ao equipo visitante a ter que poñer de porteiro a un xogador de campo con 30 minutos por xogar), un erro na circulación de balón propiciou o 1-3 ao pouco de reanudarse o encontro tra-la trifulca anteriormente comentada. A partir de aquí, os últimos 25 minutos de encontro foron un "querer e non poder" por parte do Malpica, que monopolizou a posesión e encerrou ao Dumbría no seu campo, pero non tiveron a claridade para encontrar ocos na poblada defensa, e non contaron con grandes ocasións a pesar da súa superioridade numérica, salvo unha falta botada por Neucha que saiu alta e nun cabezazo con pouca potencia de Charlie que remata sen oposición un saque de esquina. O Dumbría "B" encerrouse atrás, creando perigo en contragolpes por medio dos seus rápidos atacantes, pero que sen lograr culminar.

Nova derrota da SCD Malpica, que está inmersa nunha mala xeira de resultados dende finais do ano pasado: acumula 7 derrotas nos derradeiros 9 encontros. Ademais, encaixaron por primeira vez tres goles nun mesmo encontro en todo o que vai de tempada. O aspecto positivo foi a mellora no xogo, especialmente na primeira metade, pero que non serviu para gañar. Agora mesmo, o descenso está a 7 puntos, pero convén ir gañando partidos para evitar posibles apuros a final de tempada, tendo a mellor ocasión o vindeiro fin de semana, pois visitan ao Vimianzo, colista e con só 2 vitorias en 23 encontros.

5 comentarios:

  1. Anónimo14/2/11

    por favor...de verdade?? é real o que estou vendo...de verdade dicides que o árbitro estivo ben???non o podo creer!!!en 15 anos que levo xogando ao fútbol non vin cousa igual..pitou duas infraccións de 6 seg. de saque(nunca antes pitaran unha nun partido no que eu xogara, e non estou seguro de si esa regra sigue actualmente) nun minuto , ademais de expulsar ao noso porteiro sen decirlle nada, ademais da sua actitude inadmisible(penso que o dumbria debería denunciar a este colexiado pois intentou por todos os seus medios quitarlle os 3 puntos onte...)o malpica tras ter agredido a un arbitro non fai muito en carnota debería seguir o exemplo dos xogadores do dumbria que en ningun momento agrediron ao arbitro pese ó que estaba a pasar...si chega ser outro equipo..
    tamén dicir que os xogadores do malpica en todo momento estiveron correctos intentando tranquilizarnos e entendendo o que estaba a pasar..

    ResponderEliminar
  2. Para empezar, o "Malpica" non agredeu a nadie, foi unha persoa con nome e apelidos a título individual, que non era nin xogador, nin membro do corpo técnico nin directivo do equipo.

    En segundo lugar, creo que a reacción do gardameta Anxo foi desproporcionada, absolutamente fóra de si, por unha expulsión que puido ser máis ou menos inxusta, xa non só co colexiado, se non tamén coa afección que creo que non tiveron culpa ningunha da súa expulsión.

    E en terceiro lugar, a segunda das infraccións que sinalou o colexiado non foi por perda de tempo, se non por algo que lle dixo o gardameta cando tiña o balón nas mans. Tamén un xogador do Dumbría "B" empurrou ao colexiado (creo que era o nº5), e cando xa marchaba cara os banquillos pensando que ía ser expulsado só recibiu un cartón amarelo, cando era unha acción clara de vermella.

    ResponderEliminar
  3. Anónimo14/2/11

    bueno, penso que estás equivocado..non podes dicir que o árbitro estivo ben despois de ver a que armou nun partido no que non houbo nin unha entrada dura e foi do mais exemplar entre os xogadores dos dous equipos..non empurrou ó colexiado, agarrouno e preguntoulle qué estaba facendo ao que o colexiado respondeulle q estaba expulsado(por iso marchaba)..é verdade q o de carnota non debería ter opinado pois non estiven alí..en todo caso alegrome que esa persoa non tivera relacion co malpica pois levo xogando contra vos toda a vida e nunca tiven problemas con ninguen..ah, e a expulsion do porteiro non foi mas ou menos inxusta, foi inxusta e punto..a peor arbitraxe que vin e seguramente verei en toda a miña vida pero si para ti estuvo ben, pois nada..

    ResponderEliminar
  4. Mira, eu tamén levo xa varios anos na liga da costa xogando no Malpica, e o nivel das arbitraxes é penosa, pero se te queixas deste, se chegas a velos nonos partidos non che digo nada (por exemplo contra o Dumbría nas semifinais da copa o ano pasada), ou varios desta tempada na primeira volta.
    O da expulsión está claro que cada un ten o seu punto de vista, coma case todo no fútbol é subxetivo.

    ResponderEliminar
  5. é verdade que o porteiro perdeu os nervios e houbo que calmalo. mais censurable, para mín, foi a actitude de un dos dianteiros do Dumbría, que, desde lonxe berroulle ó arbitro: ¡ eres un hijo de p...! ¡me cago en tu p... madre! eso sí, desde lonxe, para que non se lle mostrara nada. menos mal que non o escoitou o árbitro porque se iba a calle directo. si o árbitro quixera facer unha escabechina a houbera feito e punto, coa cantidade de xogadores que se puxeron a reclamarlle e a amenazalo. a segunda infracción non a vín clara porque andaba atendendo a outra cousa. agora, a primeira das infraccións foi moi clara. incluso saltou o que facía de axudante do entrenador a chamarlle burro ó porteiro.

    ResponderEliminar