SCD MALPICA: Suso, Charlie (Víctor min.49), Marcos Amado, Iago (Ismael min.65), Marco, Eloy, Neucha, Cheo (Casais min.58), David Blanco, Andrés, Nando (Gonzalo min. 83).
SD BUÑO: Brais, Óscar, Ángel, Pancho (Fran Martuxa min.60), Lolo, Jorge, Emilio, Juan (Víctor Pardiñas min.72), Berti (Rubén min.68), Víctor Vilar, Dourado (Fernando min.83).
Árbitro: Juan Manuel Prieto Rojo. Na primeira metade sinalou dous penaltis, un a prol de cada equipo, por sendas mans do malpicán Marco e do visitante Víctor Vilar. Se ben a segunda non deixa lugar a dúbidas, a primeira si ofrece máis controversia, pois hai ausencia total de voluntariedade, ainda que si é certo que o esférico rebota na man do defensa local. Na segunda metade non tivo grandes complicacións, pero quizáis se excedeu no número de tarxetas que mostrou.
Incidencias: Boa entrada na Pedra Queimada, cuns 200 espectadores. Tarde soleada e cunha temperatura agradable. O xogador do Malpica Charlie tivo que ser sustituído ao pouco de comezala segunda metade por molestias no sóleo da perna esquerda. Non houbo expulsados. Destacalo debut no bando local do mediocentro Nando.
Goleadores: 1-0 min.10: Saque de falta a prol do Malpica no lateral esquerdo da área do Buño, Neucha centra moi forte e cerrado para que Cheo marque co muslo da perna esquerda dentro da área pequena libre de marca. 2-0 min.32: Saque de esquina botado por Nando, a defensa do Buño rexeita en primeira instancia, pero Eloy recolle o rexeite e dispara dende o borde da área impactando o balón nas mans demasiado abertas de Víctor Vilar, dando lugar a unha pena máxima que anota Neucha de forte disparo.
Crónica: Chegaba o segundo derbi da tempada para a SCD Malpica, que recibía a un Buño que atrevesaba un bo estado de forma (levaba 6 xornadas sen coñecela derrota) e co que estaba igualado a puntos na clasificación. Manuel Agilda, adestrador local, tiña a súa disposición á práctica totalidade do plantel, a excepción do lesionado de longa duración Viña. O Malpica saiu moi concentrado ao terreo de xogo, ben plantado no campo e tentando de sair co balón controlado dende atrás, dominando a posesión do esférico. Froito disto foi que pronto se adiantaron no marcador, pero a partir dese momento o fútbol directo foi gañando protagonismo e apenas se viron xogadas combinativas. A clave do encontro estivo nos primeiros 30 minutos, pois co 1-0 o Buño tivo dúas inmellorables ocasións de gol para empatar: unha xogada pola banda esquerda de Juan que centra para que Víctor Vilar remate a bocaxarro no borde da área pequena que despexa Suso cos pés nunha fenomenal parada (min.16); no min.23 Suso volve a ser protagonista ao deter un penalti executado por Berti. En cambio, os locais si anotaron a pena máxima da que dispuxeron poucos minutos despois, deixando o encontro practicamente sentenciado. Quitando as xogadas mencionadas, apenas houbo accións de perigo, salvo algunha xogada individual dos atacantes malpicáns que encontraban grandes espacios cando superaban a líña do mediocampo do Buño, pois deixaban moitos metros entre a defensa e os mediocentros, pero que non se traduciron en oportunidades manifestas.
O segundo tempo comezou como rematou a primeira parte, con escaso fútbol de toque e con moitas interrupcións no xogo debido á intensidade coa que se empregaban ámbolos dous conxuntos (é de recalcar que sempre dentro da deportividade), e onde as defensas lle gañaron a partida aos ataques. O Malpica limitouse a defender con orde, xuntando líñas e tratando de lograr algún gol máis a través de contragolpes, conscientes da vantaxe da que dispoñían. A pesar de que as oportunidades de gol brillaron pola súa ausencia nestes segundos 45 minutos, os locais tiveron unha ocasión clarísima por medio de Neucha que disparou alto dentro da área pequena tras un gran centro de Nando dende a banda esquerda. Pola contra, o Buño puxo gañas e corazón para tentar logralo empate, pero faltoulle fútbol e profundidade para facelo, e non tiveron ningunha acción clara para marcar, salvo nalgún balón parado pero que non creou excesivas dificultades sobre a meta de Suso.
En resumo, partido moi disputado, con intensidade pero con pouco fútbol. O Malpica volve a impoñerse no derbi do concellor ao Buño (na primeira volta o resultado foi de 1-2), sumando a súa segunda vitoria consecutiva que lle da moita tranquilidade de cara o futuro. Parece que o conxunto costeiro está atopando nas últimas xornadas unha maior facilidade de cara a gol, algo que se resisteu en boa parte da tempada, pois nos últimos 5 encontros sumou 13 goles a favor. A vindeira semana a SCD desprázase ata Camariñas para xogar contra o Porteño (conxunto que esta tempada está a xogalos partidos de local no Hermanas Patiño).
0 comentarios:
Publicar un comentario