SDU VIMIANZO: Sergio, Susiño, Amarelle, Maikol, Iván de Treos, Martín (Maracas min.71), Dieguito (Vilaseco min.46), Pablo Pereira, Arán, Lagoa, Pose (Iván de Baiñas min. 46).
SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Marco, Eloy (Gonzalo min.62), Neucha, Casais (Diego min.72), David Blanco, Ismael, Miguel Dourado (Miguel min.71).
Árbitro: Álvarez Vega. Boa labor a que desenvolveu na tarde de onte, nun partido onde sempre reinou a deportividade entre ámbolos dous conxuntos e onde non houbo xogadas polémicas.
Ambiente e Incidencias: Pouco público no Municipal de Vimianzo (menos de 50 espectadores, e case todos de Malpica), nunha tarde nubrada e fría. Non houbo xogadores expulsados nin lesionados de gravidade.
Goleadores: 0-1 min.20: Bo centro de Charlie dende a banda dereita para que anote David Blanco dende o borde da área pequena de tiro raso tras gañarlle a partida á defensa local. 0-2 min.26: Neucha recibe un pase entrelíñas de Casais, acomoda o balón e marca dende fóra da área de forte disparo coa perna esquerda. 0-3 m.53: Miguel Dourado recibe un balón en longo na posición de extremo dereito, entra na área e asiste para que David Blanco só teña que empurralo balón dende o punto de penalti.
Comentario: Viaxaba a SCD Malpica ata Vimianzo para enfrontarse ao colista da liga, pero con algunha incertidume pois o equipo costeiro estábase a mostrar coma un rival moi feble cando actúa como visitante (dende o 21 de novembro do ano pasado non gañaban a domicilio). Para esta xornada eran baixas Viña, Martín, Cheo (con molestias musculares), Andrés e Iago (estes dous por sanción). O encontro comezou igualado, con chegadas a ámbalas dúas áreas, e mesmo os locais dispuxeron dunha ocasión para marcar por medio de Arán que disparou rozando o longueiro. Sen embargo, a partir do minuto 10 o Malpica comezou a levalo peso do partido, impoñendose no mediocampo, controlando a posesión do esférico e dando sensación de perigo tanto polas bandas como cando mandaban balóns en profundidade cara os dous dianteiros. Froito disto, aos 25 minutos xa gañaban por 0-2 e mesmo contaron con oportunidades para anotar máis goles, destacando, sobre todo, un man a man de David Blanco que rexeitou o gardameta Sergio cos pés. Polo que atinxe ao Vimianzo, é de eloxiar a súa actitude totalmente deportiva e a súa intención de xogar un fútbol combinativo, pero as imprecisións e os erros foron constantes, véndose superados polos visitantes.
No segundo tempo, os homes adestrados por Manuel Agilda saíron algo relaxados, conscientes da vantaxe no marcador, feito que aproveitaron os locais para levar perigo, pois apiques estiveron de marcar mediante un tiro dende o pico esquerdo da área que saiu excesivamente cruzado e por medio dun disparo de Iván de Treos dende o borde da área que saiu alto. Pero o segundo tanto de David Blanco no min.53 sentenciu definitivamente a contenda, volvendo o Malpica a dominar sen pasar máis apuros defensivos. A medida que pasaban os minutos, o Vimianzo concedía máis falicidades defensivas, aproveitando os centrocampistas malpicáns para surtir de balóns aos atacantes, pero faltou puntería para marcar máis goles, pois houbo numerosas ocasións claras para facelo: un disparo de David Blanco coa zurda dende o punto de penalti que atallou Sergio; outro disparo de David dende dentro da área que volve a rexeitar Sergio; un man a man de Miguel que se entretén demasiado e perde o balón; un novo man a man de David Blanco que tira fóra despois de regatear ao gardameta; etc. Destacar que neste segundo acto debutou Miguel co Malpica, xogador ainda en idade xuvenil.
Por fin gañou o Malpica lonxe da Pedra Queimada, o que supón tres puntos importantes para evitar apuros de aquí a final de tempada, pois agora están a 10 puntos dos postos de descenso cando quedan 10 partidos por xogarse. Tamén hai que decir que o Vimianzo non deu boas sensacións, ofreceu moitas facilidades defensivas e apenas inquedaron en ataque, quedando a 15 puntos da salvación despois desta xornada. Esperemos que esta vitoria supoña o inicio dunha xeira de bos resultados para a SCD, que recibe a vindeira semana ao outro equipo do concello: o Buño.
0 comentarios:
Publicar un comentario