lunes, 28 de marzo de 2011

LIGA DA COSTA 29ª XORNADA: MALPICA 5 - ESTEIRANA 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Víctor min.69), Iago (Gonzalo min.62), Marco, Eloy, (Casais min.65), Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Manu Pardo min.56), Nando.

SDR ESTEIRANA: Venancio, Chispi (Maceiras min.58), José Varela, Dani Rama, Suízo, Pichu (Roi min.81), Álex, Anaco, Uru (Andel min.46), Simón, Godo (Vidal min.75).

Árbitro: España Andrade. Ben en líñas xerais nun encontro bastante sinxelo de arbitrar. Sen embargo, errou nalgún fóra de xogo (que perxudicou e favoreceu indistintamente aos dous conxuntos). Os malpicáns protestaron ao anularlle un gol a Cheo por fóra de xogo moi dubidoso preto do final da primeira metade.

Incidencias: Tarde gris na Pedra Queimada, pero sen choiva. Uns 100 espectadores. Non houbo lesionados de consideración nin expulsados.

Goleadores: 1-0 (min.15): O Malpica saca rápido un fóra de xogo ao seu favor mentres os xogadores visitantes quedan protestando, Neucha recibe á altura de tres cuartos de campo e asiste en profundidade a David Blanco que bate a Venancio de tiro cruzado coa perna esquerda. 2-0 (min.25): Xogada dos malpicáns no borde da área, Cheo quere pasarlle o balón a David Blanco, hai un rexeite quedando o esférico morto para que o propio David marque a pracer de tiro raso. 3-0 (min.32): Nova xogada de Neucha que forcexea cun defensa rival, perde o balón pero cáelle de novo a David Blanco dentro da área que fusila a Venancio. 4-0 (min.86): Pase en longo de Nando cara a banda esquerda, o visitante Maceiras intenta controlalo dentro da área pero sáelle moi defectuoso salindo o balón cara David Blanco que anota o seu cuarto gol de tiro cruzado. 5-0 (min.91): Neucha controla o balón fóra da área, e lanza un trallazo coa perna dereita que se cola preto da escadra dereita, marcando un verdadeiro golazo.

Crónica: Tra-la derrota en Fisterra que cortaba unha xeira de catro vitorias consecutivas, a SCD Malpica volvía á Pedra Queimada para tentar de volver á senda do triunfo e seguir aspirando aos postos nobles da clasificación. Para iso, tería que superar a unha Esteirana que estaba tan só tres puntos por debaixo súa da táboa clasificatoria. Non había baixas no cadro local, máis que as coñecidas de Viña e Martín. A primeira metade comezaba cun Malpica adormilado, fallando en accións francas e con pouca claridade na circulación de balón. A Esteirana presionou ben e tentaba de sacalo esférico con criterio, pero apenas creaba perigo sobre a meta de Suso. Nas contadas accións nas que os locais lograban combinar plantábanse en zona de tres cuartos de campo sen moitas dificultades, e ahí foi onde naceron os tres primeiros goles (ademais do anulado a Cheo), aproveitándose da fráxil defensa visitante e cun David Blanco que, practicamente, tódolos tiros que intentou remataron en gol. Foi unha primeira parte con poucas ocasións de gol para ámbolos dous conxuntos, onde a efectividade dos malpicáns foi decisiva. A Esteirana tivo a súa ocasión máis clara nun tiro cruzado de Simón que Suso mandou a saque de esquina e nun par de faltas laterais que levaban perigo pero que non atoparon rematador.

No segundo acto o xogo non mellorou, continuaron os erros en pases claros e as imprecisóns á hora de combinar, cunha intensidade que pouco a pouco foi decaendo ainda máis. A Esteirana xuntou máis homes arriba, pero non foron quen de crear perigo pois apenas disfrutaron de pases acertados dos seus homes de mediocampo (resultado disto foi que non tiraron con perigo nestes segundos 45 minutos). O Malpica, que parecía conformarse con 3-0, controlou o encontro pero desenvolvendo un fútbol ramplón, pero tivo varias accións de perigo para marcar: un disparo de Manu Pardo que dou no pao esquerdo; un pase raso de Neucha dende a posición de extremo esquerdo ao que Casais non chegou no segundo pao; un saque de banda no que Venancio erra no despexe quedando o balón morto no corazón da área sen atopar rematador; e un saque de falta indirecto dende a frontal da área, no que Manu Pardo envía sobre Cheo cun toque sutil pero adiántase o porteiro visitante por pouco.

Partido máis ben gris dos homes adestrados por Manuel Agilda, no que o mellor foi, sen dúbida, o resultado final aproveitándose das facilidades defensivas da Esteirana. Deberá de melloralo xogo a SCD Malpica para afrontalos cinco derradeiros encontros de liga, pois preséntaselles un calendario nada sinxelo. É de destacala actuación de David Blanco (anotou 4 goles), pois converteu en gol todo o que lle chegou en zona de perigo, oxalá que colla unha boa racha goleadora para axudar ao seu equipo despois dunha tempada onde parece que a sorte lle está sendo esquiva de cara a gol. O vindeiro fin de semana, a SCD recibe de novo na Pedra Queimada ao Baio (na primeira volta o resultado foi de 0-0).

1 comentarios:

  1. Impresionante a crónica en quepasanacosta!! Si señor, da gusto poder contar cun medio de comunicación tan imparcial...lamentable... pero bueno, non creo que, a estas alturas, lle sorprenda a nadie...

    ResponderEliminar