CD NANTÓN: Martín, Diego (Pedro min.76), Cristian (Iván min.56), Félix, Sito, Carlos Vidal, Fabio, Isidro, Luís, Manolo Cruceiro (Lareu min.67), Martín Suárez (Eloy min.76).
SCD MALPICA: Suso, David, Marcos Amado, Víctor, Iago, Rancaño (Manu Pardo min.66), Neucha (Nando min.58), Cheo (Dani min.62), Pablo, Andrés (Dani Varela min.59), Alfredo.
Incidencias: Partido disputado no campo de Fontiñas, nunha tarde con nubes e claros e cunha temperatura moi agradable. Uns 75 espectadores seguiron o encontro. Non houbo lesionados de gravidade.
Árbitro: Torreiro Ramos. A pesar de que o partido apenas tivo xogadas polémicas, tivo dous graves erros que perxudicaron ao Malpica: no min.16 non indicou unha clara falta de Cristian a Cheo cando este se internaba na área (queda a dúbida de se estaba dentro ou non, pero era cartón vermello por selo último home); e no min.61 non indica fóra de xogo de Luís na acción do gol local. Non houbo expulsados.
Goles: 0-1 (min.1): Cando non pasara nin un minuto de xogo, Rancaño envía un pase en profundidade cara Pablo, Félix cede cara o seu porteiro que despexa pero rebota en Pablo entrando o esférico na portería. 0-2 (min.35): Cheo recibe na posición de extremo dereito, plántase diante de Martín e anota polo primeiro pao. 0-3 (min.45+5): Gran xogada combinativa do Malpica que saca o balón xogado dende atrás, e que culmina cunha internada de Neucha pola banda esquerda, realiza o "pase da morte" cara Pablo que recorta a un rival e bate a Martín dende o borde da área pequena. 0-4 (min.48): Alfredo saca un córner dende a banda dereita que remata Neucha cun gran cabezazo á altura do punto de penalti. 1-4 (min.61): Pase en profundidade cara Luís que anota ante Suso no man a man. 1-5 (min.63): Saque de banda de Marcos Amado cara Alfredo, que controla e tira dende tres cuartos unha espectacular semivolea que se cola pola escadra esquerda. 1-6 (min.75): Pablo envía un pase cruzado dende a banda dereita cara Alfredo que se adianta ao seu par e ao gardameta, anotando a porta baleira.
Crónica: Debutaba a SCD Malpica na Liga da Costa 2011/2012, e facíao visitando ao Nantón, un equipo rescén ascendido pero moi perigoso (hai que recordar que eliminou aos malpicáns nos oitavos de final da pasada Copa da Costa e que gañou a Liga da 3ª Autonómica perdendo tan só un encontro). Para o debut ligueiro, Manuel Agilda contaba con numerosas baixas: Marco, con problemas musculares; Óscar Moscoso, que deberá pasar polo quirófano para operarse do menisco; Miguel Avelino, recuperándose dun esguince de nocello; Charro, cun esguince grave de nocello; e Charlie, sancionado. As cousas comezaron de cara para o Malpica, pois en apenas 48 segundos púxose por diante no marcador, algo que non pasara en ningún dos dous partidos de Copa, onde os malpicáns non lograron marcar nin un gol. O encontro transcorreu como era de esperar, cun Nantón xogando un fútbol directo, mandando balóns en longo (ás veces con pouco sentido), e cun Malpica que saiu coa lección aprendida, pois non deixou sorprenderse e apenas pasou apuros durante os primeiros 45 minutos. Por outra banda, cando lograban a posesión do esférico trataron de aproveitala velocidade dos seus atacantes, ainda que ás veces pecaron de precipitación. Aparte dos goles, os visitantes tiveron unha gran oportunidade nos pés de Neucha que disparou ao longueiro tras un barullo na área. O Nantón só tivo unha oportunidade de gol nesta parte e foi a balón parado tras recoller Luís o seu propio disparo que rexeitara a barreira, pero o potente disparo foi desviado por Suso.
O segundo tempo comezou de maneira similar ao primeiro, co Malpica anotando moi pronto o que sentenciaba o choque. Sen embargo, os locais sairon cun pouco máis de mordente en ataque, e Luís estivo cerca de marcar nun man a man que salvou Suso; pero a partir do quinto gol non volveron a crear perigo. A SCD continuou con transicións rápidas buscando aos seus xogadores ofensivos, creando accións de ataque tanto polas bandas como polo centro, desbordando aos defensas do Nantón que se viron sempre superados no un contra un. O equipo costeiro tivo oportunidades para marcar ainda máis goles, como foron as seguintes: un disparo de Rancaño que foi fóra por pouco; unha xogada individual de Dani pola banda dereita pero o seu centro non atopa rematador; e un disparo de Nando que se marchou alto tras un centro de Dani. Nos derradeiros 15 minutos a contenda decaeu notablemente, cos dous conxuntos agardando a que o colexiado pitase o final.
Bo estreno da SCD Malpica, pois non era nada sinxelo o encontro, mais se temos en conta que o estado do terreo de xogo non era o mellor, pero os malpicáns adaptáronse ben, deixando boas sensacións e cuns atacantes que se amosaron moi inspirados na tarde de onte. Despois desta vitoria, o Malpica colócase como o primeiro líder da Liga. O próximo encontro será na Pedra Queimada ante o Castriz, actual finalista da Copa da Costa.
A POLO CASTRIZ,RAPACES:EMEPEZA A FOLIADA!!!!
ResponderEliminar