lunes, 19 de septiembre de 2011

LIGA DA COSTA 3ª XORNADA: CORCUBIÓN 1 - SCD MALPICA 3

UD CORCUBIÓN: Cristian, Pablo (Sebas min.63), Sergio Manín, Conguito, Papi, Alán, Edu, Camacho (Balucho min.86), Mario, David Lourido, Jhony.

SCD MALPICA: Suso, David (Miguel Avelino min.46), Eme (Casais min.46), Víctor, Iago, Nando (Rancaño min.46), Neucha (Cheo min.46), Dani, Pablo, Andrés, Alfredo.

Árbitro: Goyeneche García. Estivo bastante irregular, alternando decións valentes e correctas con erros bastante evidentes. Acertou ao sinalar dous penaltis a favor do Malpica, pero enganouse cando na primeira metade anulou un gol ao local David Lourido por un fóra de xogo inexistente. Ademais expulsou ao adestrador do Corcubión por protestar na recta final do encontro.

Incidencias: Tarde soleada cunha temperatura agradable. Menos de cen espectadores no Novo Cubaleiro. Non houbo lesións de gravidade.

Goles: 1-0 (min.5): Saque de esquina botado por Alán, o coiro pasa entre Andrés e Eme, rebota no peito de Víctor volvendo a rebotar esta vez na cabeza de David Lourido antes de entrar na portería do Malpica. 1-1 (min.43): Pablo realiza unha xogada individual pola banda esquerda, penetra na área sendo derrubado por Sergio Manín; o propio Pablo anota a pena máxima. 1-2 (min.47): Cheo centra dende a posición de extremo dereito, marcando Alfredo dende o corazón da área. 1-3 (min.88): Falta bastante lonxana que bota o Malpica cara a posición de Cheo no punto de penalti, cando este se dispón a controla é derrubado por Sergio Manín. Pablo transforma o penalti.

Crónica: Viaxaba a SCD Malpica ata Corcubión para enfrontarse a un equipo recén ascendido, despois de de perder a semana anterior no seu estreo na Pedra Queimada ante o Castriz. O adestrador malpicán, Manuel Agilda, acumulaba numerosas baixas, algo que está sendo habitual no comezo ligueiro: Charro, que sigue recuperándo dun esguince de nocello; Daniel Varela, por motivos persoais; Marco; Marcos Amado, sancionado; Charlie, sancionado; e Óscar Moscoso, operado hai uns días do menisco. Durante a primeira metade o Corcubión foi superior a un Malpica que non se meteu no encontro en ningún momento deste período, e a pesar de que o gol local foi unha auténtica "carambola", os malpicáns tiveron sorte de non encaixar máis goles (de feito o colexiado invalidou un a David Lourido conseguido de forma legal). A SCD mostrouse con pouca ambición, deixando facer ao equipo local que sen facer nada espectacular creaba perigo, pasou moitos apuros defensivos e en ataque apenas logrou chegar con claridade á meta defendida por Cristian. As mellores oportunidades foron do Corcubión, pero unhas veces a falta de puntería e outras as intervencións de Suso evitaron que o resultado fose maior. Cando semellaba que se chegaría o descanso co 1-0, un penalti claro cometido sobre Pablo fixo que o empate subise ao marcador.

Mostra da mala actuación do Malpica foi que o adestrador realizou os catro cambios no intermedio. Se na primeira parte o Corcubión foi mellor, no segundo acto os visitantes xogaron con moita máis intensidade, pasando a ter as mellores oportunidades para marcar, pero non estiveron atinados nos metros finais. O Corcubión xa non chegaba con claridade á líña de tres cuartos, e so creaba perigo a balón parado, algo que as reducidas dimensións do Novo Cubaleiro favorece, pero de novo Suso aportou moita seguridade nos balóns colgados. Pola contra, os malpicáns xeraban moitas accións de perigo, tanto en xogadas colectivas como a balón parado, pero non lograron sentenciar ata practicamente o minuto 90. Alfredo estivo especialmente activo nesta parte, pero faltoulle un pouco de fortuna para aumentala súa conta goleadora, sendo as mellores ocasións as seguintes: unha falta dende o borde da área que Cristian desvía nunha gran intervención; unha nova acción de Alfredo que se planta ante Cristian pero tira demasiado cruzado; unha falta botada polo propio Alfredo que sae lambendo o longueiro; un disparo de Dani dende o borde da área que rexeita o pau esquerdo; etc. O Corcubión tivo unha última oportunidade para marcar nos pés de Mario, pero o seu disparo con pouco ángulo foi atallado por Suso.

Foi un encontro onde a SCD Malpica amosou dúas facianas ben distintas, cunha mala primeira parte e unha segunda onde foi superior, pero onde tardou en exceso en sentenciar. Debe o equipo malpicán afrontalos partidos con maior ambición e intensidade, pois está máis que demostrado que cando baixan o "pistón" convertense nun equipo moi vulnerable. O vindeiro domingo a SCD recibe na Pedra Queimada a O Pindo.

0 comentarios:

Publicar un comentario