lunes, 12 de septiembre de 2011

LIGA DA COSTA 2ª XORNADA: SCD MALPICA 1 - CASTRIZ 3

SCD MALPICA: Suso, David (Casais min.82), Marcos Amado, Víctor, Iago (Marco min.82), Rancaño, Neucha, Cheo (Nando min.65), Pablo, Andrés (Dani min.70), Alfredo.

SD CASTRIZ: Herrera, Prego (Sergio min.85), Álex, Pose (Miguel min.87), Toniño, Alberto, Mauri, Sebas, Iván, Martín (Pablo min.71), Rubén (Jonathan min.90).

Árbitro: Del Río Amor. Moi mal na tarde de onte. Apenas sinalou faltas e deixou sen castigar algunha entrada dura, sobre todo do equipo visitante (de feito, non sacou ningún cartón amarelo en todo o encontro). Concedeu o segundo gol do Castriz a pesar do fóra de xogo de Iván. O local Marcos Amado foi expulsado na recta final do encontro por cartón vermello directo tras protestar.

Incidencias: Partido disputado na Pedra Queimada, nunha tarde con temperatura agradable pero cun vento moderado que tivo influencia no xogo (especialmente na primeira metade). Boa entrada, con 125 espectadores. Non houbo lesionados de gravidade.

Goles: 1-0 (min.59): Gran xogada individual de Pablo que tras desfacerse de varios defensas na parte dereita da área, envía un pase raso cara Alfredo que empurra o balón no segundo pao. 1-1 (min.65): Falta na frontal da área que bota Iván, marcando de tiro raso por fóra da barreira. 1-2 (min.70): Balón en longo cara Iván que arranca en fóra de xogo, plántase ante Suso e marca no man a man. 1-3 (min.77): Grave erro do malpicán Iago que perde o esférico ante Sebas á altura de tres cuartos de campo, éste encara a Suso, tira cruzado, o balón peta no pao e o rexeite cae nos pés de Pablo que anota a pracer.

Crónica: Despois da goleada conseguida na primeira xornada en Natón (1-6), a SCD Malpica disputaba o seu primeiro encontro como local nesta Liga da Costa 2011/2012. O rival era o Castriz, un equipo complicado (foi finalista na pasada Copa da Costa) e que nos últimos anos está logrando resultados positivos en Malpica (suma xa catro tempadas consecutivas sen coñecela derrota). Os locais contaban con numerosas baixas: Óscar Moscoso, mancado de longa duración; Manu Pardo, por cuestións persoais; Dani, por temas laborais; Charlie, sancionado; e Charro, con esguince de nocello. Na primeira metade, o Malpica atopouse con vento en contra, o que dificultaba a tarefa; non obstante, comezaron ben o encontro, tomando a iniciativa e tratando de circulalo balón con esférico. Pero pouco a pouco impúxose o fútbol do Castriz, máis directo, o que beneficiaba aos seus intereses pois contan con xogadores de máis envergadura, poñendo en dificultades os locais que tiveron moitas dificultades para superala presión visitante. A pesar de que era o equipo xalleiro o que tíña unha maior presencia ofensiva, foi o Malpica o que contou coas mellores ocasións de gol, destacando tres claras: un disparo de Andrés dende o borde da área tras un rexeite que se marchou rozando o pao esquerdo; un man a man de Alfredo, pero que dispara demasiado alto; e outro man a man de Pablo que se planta só ante un descolocado Herrera, pero faise un pequeno lio e non logra culminar.

No segundo tempo, os homes adestrados por Manuel Agilda saíron ao terreo de xogo con máis intensidade, e pesar de que o vento xa non soplaba tan forte como nos primeiros 45 minutos, subiron líñas, pasando a desenvolver un fútbol máis combinativo e con máis profundidade. Froito delo foron as dúas ocasións das que dispuxeron antes de adiantarse no marcador: un cabezazo de Neucha tras un saque de esquina executado por Alfredo que sae moi preto do pao dereito; e un disparo do propio Neucha dende o pico esquerdo da área que sae alto. O Malpica logrou o máis complicado, adiantarse no marcador, pero unha serie de erros propios e arbitral, provocaron que o Castriz lle dera a volta ao marcador en apenas dez minutos, cando apenas lograra chegar a área local con perigo. O Malpica tentou empatar, contando Alfredo cunha boa oportunidade mediante un tiro raso que se marchou demasiado cruzado. O terceiro gol visitante preto do minuto 80, froito doutro erro individual, e a posterior expulsión de Marcos Amado, fixeron imposible calquera atisbo de remontada.

Partido un tanto extraño da SCD Malpica, onde tras unha primeira metade bastante discreta (onde a pesar de todo contaron con ocasións claras), logrou na segunda poñerse por diante do marcador, pero un cúmulo de accións desgraciadas provocaron a vitoria do Castriz. Esta derrota debe de servir de estímulo, aprender dos erros cometidos e darse de conta de que a igualdade vai sela nota predominante nesta tempada. O vindeiro partido da SCD será en Corcubión.

0 comentarios:

Publicar un comentario