lunes, 26 de septiembre de 2011

LIGA DA COSTA 4ª XORNADA: SCD MALPICA 4 - O PINDO 1

SCD MALPICA: Suso (Víctor Martínez min.46), Víctor, Marcos Amado (Miguel Avelino min.59; Manu Pardo min.63), Dani Varela, Iago, Rancaño, Neucha, Cheo (Alfredo min.59), Pablo, Andrés (Nando min.59), Dani.

O PINDO CF: Garrido, Conexo (José min.56), Herminio, Álex (Diego min.79), Juan, Manolito (Casais min.49), Hugo, Lolo (Gonzalo min.60), Carlos (Pablo min.57), Leis, Nano.

Árbitro: Óscar López. Ben no primeiro tempo, onde apenas tivo complicacións, pero no segundo acto tivo algúns erros de apreciación á hora de sinalalos fóras de xogo, sendo moi riguroso cos malpicáns e permisivo cos visitantes. Indicou dúas penas máximas, unha para cada equipo: acertou a prol do Malpica tras ser derrubado Alfredo na recta final do encontro; pero errou ao indicar unha man de Víctor, pois estaba completamente pegada ao corpo. Non houbo expulsados.

Incidencias: Tarde soleada e con moita calor, especialmente no primeiro tempo. Gran entrada na Pedra Queimada, cuns 175 espectadores. O gardameta local Suso foi sutituido no descanso por precaucación, xa que arrastraba problemas musculares. O malpicán Miguel Avelino sufriu un pinchazo nun abductor nada máis incorporarse ao partido. Tamén o local Víctor tivo que abandonar momentaneamente o terreo de xogo na segunda metade por un corte de dixestión.

Goles: 1-0 (min.13): Gran pase en profundidade de Rancaño cara Cheo que entra pola banda dereita e bate a Garrido no man a man. 2-0 (min.40): Neucha recibe na posición de extremo esquerdo, controla e envía cara Pablo que marca dende o punto de penalti. 3-0 (min.42): Intercambiánse os papeis Pablo e Neucha, pois é o primeiro o que asiste a Neucha que marca coa dereita. 4-0 (min.48): Gran xogada individual de Pablo que se interna na área, desfaise de varios rivais (inclusive o gardameta) e marca a pracer. 4-1 (min.79): Penalti moi dubidoso por presuntas mans de Víctor que transforma Hugo de tiro raso.

Crónica: A SCD Malpica recibía na Pedra Queimada a O Pindo, conxunto que ainda non sumara ningún punto (conta cun partido menos) coa intención de lograla primeira victoria do curso como local para seguir na zona alta da clasificación. Como é (lamentablemente) habitual neste inico de liga, o conxunto costeiro afrontaba o encontro con varias baixas: Marco, por molestias musculares; Charro, con esguince de nocello; Charlie, sancionado; e Óscar Moscoso. No primeiro tempo só houbo un equipo sobre o terreo de xogo, pois o Malpica monopolizou a posesión do balón, mentres que O Pindo non disparou entre os tres paos durante os primeiros 45 minutos. Os malpicáns recuperaban moi rápido o esférico froito da boa presión de tódalas líñas, moveron o balón con criterio ante a pasividade visitante, e chegaron con perigo á meta de Garrido constantemente, pero tardaron en exceso en materializalas moitas oportunidades que tiveron (de feito ata o minuto 40 o resultado era de 1-0). De entre as ocasións que desperdiciaron, destacaron as seguintes: un cabezazo de Neucha tras un saque de esquina botado por Cheo que Garrido desvía cunha espectacular estirada; un remate de Neucha libre de marca no segundo pao que sae alto tras un novo centro de Cheo dende a banda dereita; un man a man de Pablo que detén Garrido; un disparo dende longa distancia de Rancaño que rexeita o longueiro, o rexeite cáelle nos pés a Neucha que a porta valeira envía fóra; etc. Pola súa parte, O Pindo amosou moitas dificultades para sacalo balón controlado e concedeu moitas facilidades defensivas, e apenas se acercou a área local.

No segundo tempo, o conxunto adestrado por Manuel Agilda saiu coa mesma intensidade que no primeiro acto, e xa nada máis sacar de centro contou cunha nova ocasión de gol nos pés de Pablo tras unha internada de Dani pola banda dereita. Pouco despois sentenciaban o encontro co 4-0 logrado por Pablo. Sen embargo, a medida que pasaban os minutos o ritmo foi decaendo, cun Malpica con menos ambición e que non tivo continuidade no xogo, o que provocou que O Pindo se acercase con perigo sobre a meta defendida por Víctor Martínez, aproveitándose das perdas de balón locais en zonas perigosas. A pesar deste feito, a SCD contou con novas ocasións claras para marcar: un man a man de Pablo que desaproveita por entreterse demasiado; unha nova oportunidade de Neucha que se marcha fóra; unha vaselina de Alfredo dende o pico dereito da área que sae alto por pouco; e un penalti que Garrido lle detivo ao propio Neucha. Os visitantes chegaron con perigo en varias accións, pero Víctor Martínez amosouse moi seguro, inclusive realizando unha gran parada desviando un tiro a bocaxarro de Leis.

En resumo, gran partido o que desenvolveu o Malpica durante os primeiros 55-60 minutos, dominando por completo e sen pasar apuros atrás, e só a falta de puntería e a gran tarde de Garrido (o mellor, sen dúbida, dos visitantes) impediron que o resultado fose de auténtico escándalo. Sen embargo, non deberon de relaxarse na segunda parte, pois na última fase do encontro baixaron moi a intensidade, "dándolle vida" a O Pindo. Con este triunfo a SCD logra os primeiros puntos da tempada como local, encadenando dúas victorias consecutivas. O seguinte partido será en Baio ante un dos equipos chamados a estar arriba na clasificación.

0 comentarios:

Publicar un comentario