lunes, 28 de noviembre de 2011

LIGA DA COSTA 13ª XORNADA: SCD MALPICA 2 - DUMBRÍA "B" 2

SCD MALPICA: Suso, Víctor, Marcos Amado (David Álvarez min.75), Iago, Marco (Casais min.46), Rancaño, Neucha, Cheo, Pablo (Miguel Avelino min.90), Charro, Andrés (Manu Pardo min.75).

CF DUMBRÍA "B": Anxo, Samuel, Ramiro, David Carreira, Sergio Cives (Fernando min.67), José Manuel, Riki (Esteban min.54), Jesús, Toni, Pablo Lestón, Alberto.

Árbitro: Gómez Otero. Regular. Tivo diversos erros de apreciación ao longo de todo o encontro, perxudicando indistintamente aos dous conxuntos. Expulsou ao malpicán Cheo no minuto 31 tras empurrar a un contrario despois de recibir un insulto grave.

Incidencias: Boa entrada na Pedra Queimada, cunhas 150 persoas no campo, nunha tarde despexada e temperatura agradable. O local Marcos Amado abandonou o terreo de xogo debido a unha torcedura dos dedos dunha man. Debutou David Baña como novo adestrador da SCD Malpica.

Goles: 0-1 (min.5): Saque de falta dende a banda dereita que remata David Carreira no segundo pao. 1-1 (min.20): Pablo recolle un rexeite dentro da área e anota ante Anxo ante a pasividade da defensa visitante. 1-2 (min.66): Transición rápida do Dumbría "B", Toni recibe en líña de tres cuartos, enviando un pase en porofundidade cara Alberto que marca no man a man con Suso. 2-2 (min.67): Casais centra dende a banda dereita, Samuel intenta despexar de cabeza pero introduce o balón na súa propia portería.



Crónica: David Baña debutaba no banquillo do Malpica (despois da marcha de Manuel Agilda a comezos da semana pasada), conxunto que levaba cinco encontros sen gañar. O rival dos malpicáns era o filial do Dumbría, que tras un inicio ligueiro espectacular (5 triunfos e 2 empates nas primeiras 7 xornadas) tamén estaba metido nunha mala xeira de resultados. Os locais contaban con varias baixas: Óscar Moscoso, Charlie (por motivos persoais), Alfredo (mancado no xeonllo dereito), Dani (por motivos laborais) e Daniel Varela. O encontro non podía comezar peor para os intereses malpicáns, pois aos 5 minutos xa se atopaban por detrás do marcador. Pero a partir dese instante comezaron a levalo peso do encontro, empregando moita intensidade e creando perigo constantemente, mentres que o Dumbría apenas lograba contela ofensiva da SCD. Contaron con varias accións de de gol, destacando especialmente dúas: un disparo de Charro ante Anxo que o gardameta despexou con apuros, e unha gran xogada colectiva que culmina cun centro de Neucha dende a esquerda que Charro remata demasiado alto cando estaba en boca de gol. No minuto 30 prodúxose o expulsión de Cheo, provocando que nos minutos finais da primeira metade os malpicáns perdesen a concentración en constantes protestas ao colexiado. Os visitantes dispuxeron dunha ocasión clara por medio de Sergio Cives que rematou fóra unha falta lateral.

No segundo tempo, e con 10 homes, o Malpica arriesgou máis en busca da vitoria, pasando a xogar, practicamente, con defensa de tres. Meteron ao Dumbría no seu propio campo comezando un carrusel de oportunidades, pero non estiveron atinados na definición: un ramate de chilena de Pablo que saiu preto do pao dereito da portería; un centro de Neucha dende a esquerda que Rancaño mandou alto totalmente libre e marca no segundo pao; unha nova acción individual de Pablo que non atina a culminar; e un rexeite que quedou "morto" no punto de penalti que ningún dos atacantes locais consegueu marcar. O Dumbría "B" apenas creou perigo, materializando a única oportunidade clara que tivo na segunda metade. Na recta final do encontro, o partido igualouse, cun Malpica que baixou o ritmo debido ao cansancio acumulado despois de xogar durante máis dunha hora cun home menos.

Gran encontro o que disputou a SCD, mágoa da falta de acerto nos metros finais, pero deixaron mellores sensacións que en datas precedentes, ademais de demostrar unha intensidade e ambición que se cadra faltara en outros momentos da tempada. Sen embargo, segue a mala xeira de resultados (só unha vitoria nos derradeiros 9 encontros), racha que se acentúa na Pedra Queimada, onde só levan un triundo en 7 partidos. A vindeira semana visitan ao Sporting Zas.

3 comentarios: