lunes, 23 de enero de 2012

LIGA DA COSTA 19ª XORNADA: CASTRIZ 0 - SCD MALPICA 2.

SD CASTRIZ: Herrera, Michel, Sergio Pose (Prego min.59), Álex, Toniño (Sergio Gerpe min.82), Mauri (Jhony min.79), Martín (Pablo min.46), Toño, Sebas, Iván, David Agra.

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago, Marco (Marcos Amado min.46), Rancaño, Neucha, Cheo (Daniel Varela min.80), Pablo (Manu Pardo min.86), Charro (Miguel Avelino min.67), Andrés.

Árbitro: Fernández Iglesias. Regular. Non tivo unha incidencia directa no resultado, pero si tivo moitos erros de apreciación (especialmente na segunda metade) e apenas sacou cartóns en accións que as merecían. Non houbo expulsados.

Incidencias: Tarde fría co ceo nubrado pero sen choiva. Pouco público en San Pedro, con apenas 50 espectadores. O defensa malpicán Marco abandonou o terreo de xogo con problemas musculares.

Goles: 0-1 (min.14): Marco envía en longo cara a frontal da área local, Pablo anticípase á defensa, controla, penetra na área polo pico dereito e bate a Herrera cun gran disparo cruzado. 0-2 (min.45): Cheo centra dende a banda dereita cara o segundo pao onde aparece Neucha que anota cunha espectacular semivolea cando apenas tiña ángulo.

Crónica: Primeiro desprazamento da SCD Malpica neste 2012 despois de comezar forte como local (seis puntos en dous encontros). O rival era o Castriz, conxunto que a pesar de estar na zona media-baixa sempre resulta un equipo difícil de vencer, sobre todo no seu terreo de xogo debido ás reducidas dimensións do mesmo. Nesta xornada, David Baña contaba coas seguintes ausencias: Óscar Moscoso, Tato (sancionado), Dani (con problemas musculares) e Casais (mancado nunha man). A contenda comezou igualdada, cos dous conxuntos sen correr riscos, predominando o xogo directo e sen accións de perigo. Sen embargo, a partir do minuto 10 o Malpica fíxose co control, contando con máis presencia ofensiva e chegando con perigo ás inmediacións da área de Herrera, destacando as seguintes oportunidades: Pablo aproveita un erro de Toniño para facerse co balón pero o gardameta local salva in extremis; Charro remata dende o punto de penalti tras un centro raso de Neucha dende a esquerda pero Herrera despexa cunha boa estirada; e de novo Charro volve a rematar pero o seu tiro frouxo é atallado polo gardameta. O Castriz apenas se aproximou á área malpicán, tendo que intervir Suso tan só nun disparo de Toniño dende fóra da área que detivo sen dificultades.

No segundo tempo a SCD continuou ben plantado no terreo de xogo, sen dar apenas opcións a un Castriz que se estirou algo máis en ataque pero apenas tivo profundidade. A pesar da vantaxe, os malpicáns non renunciaron ao ataque, e tiveron varias aproximacións perigosas pero non foron capaces de concretalas, destacando sobre todo unha ocasión de Rancaño que se planta ante Herrera pero a súa vaselina saiu por encima do longueiro. Tamén as interrupcións foron protagonistas, pois en varias fases do partido apenas se xogou, xa que houbo varias faltas nas que xogadores dos dous bandos tardaron en recuperarse. A medida que pasaban os minutos, o Malpica arriesgaba menos, tratando de aproveitalos contragolpes que provocaban os saques de Suso, tendo Manu Pardo a mellor opción na recta final do encontro a través dunha vaselina que marchou desviada. Polo que atinxe ao Castriz, abusou do xogo directo e pecou de falta de claridade, ainda que tivo algunha oportunidade a balón parado, especialmente nun cabezazo de Álex que Suso despexou nunha gran intervención.

Partido moi completo do Malpica, cunha gran primeira metade, onde controlaron por completo o encontro e apenas deron opcións ao Castriz. Os malpicáns seguen coa gran xeira de resultados nas últimas xornadas, pois acumulan seis triunfos consecutivos e oito partidos sen perder. A vindeira semana reciben na Pedra Queimada ao Corcubión.

4 comentarios:

  1. Anónimo23/1/12

    COMO QUE ENVIO EN LONGO....PASE ORIENTADO...HABER SI APRENDE ALGO AMADO.

    ResponderEliminar
  2. Anónimo24/1/12

    Rozando las primeras clasificaciones..... VAMOS :)

    ResponderEliminar
  3. Anónimo24/1/12

    O que hay que ler, "envio en longo", cando tiña que poñer: pedrada, melonazo, bareada...etc.

    ResponderEliminar
  4. Anónimo24/1/12

    Tamén podedes ler en Piratas de Muxia: "xogada tipo Molina - Makaay", ou o que é o mismo: pedrada e que corra o delantero!!!

    ResponderEliminar