lunes, 6 de febrero de 2012

LIGA DA COSTA 21ª XORNADA: O PINDO 0 - SCD MALPICA 1

O PINDO: Garrido, Diego Trillo, Juan Vilela (Bicho min.81), Lolo, Juan de Dios, León, Eloy, Manolito (Ángel min.80), Diego Riolo (Carlos min.46),Carlos Leis, Pato.

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago, Marco, Rancaño, Neucha (David Álvarez min.90), Cheo, Charro (Miguel Avelino min.85), Tato (Daniel Varela min.88), Pablo (Marcos Amado min.75).

Árbitro: España Andrade. Mal. Estivo moi caseiro durante todo o encontro (especialmente durante a primeira metade) onde se deixou influenciar polos xogadores locais e sen criterio á hora de amosar cartóns amarelos. Anuloulle dous goles á SCD Malpica, o primeiro deles a Pablo por un fóra de xogo non existía. Preto do descanso sinalou penalti a prol do Pindo por unhas mans involuntarias de Tato cando se atopaba formando parte da barreira nun lanzamento de falta. Non houbo expulsados.

Incidencias: Tarde soleada e cunha temperatura bastante agradable en Lombáns. Moi pouco público asistiu ao partido, cuns 25 espectadores. Non houbo lesionados de gravidade.

Goles: 0-1 (min.28): Centro de Cheo dende a banda esquerda cara o primeiro pao onde aparece Pablo que se adianta á defensa e ao gardameta locais para anotar de cabeza.



Crónica: Visitaba o Malpica a O Pindo despois de gañar tódolos encontros disputados en xaneiro nun partido dos denominados "trampa", pois se ben é certo que o cadro carnotán é o colista (suma tan só unha vitoria) non ía ser unha tarefa tan sinxela coma algúns puidesen pensar, pois moitos equipos pasaron dificultades nas últimas xornadas ante este equipo. A SCD contaba coas baixas de Óscar Moscoso, Dani (por problemas musculares) e Andrés (sancionado). A contenda comezou ben para os malpicáns, dominando e encerrando aos locais na súa metade de campo, contando o Charro cunha oportunidade nada máis comezar que Garrido despexou cos pés. Sen embargo, a medida que pasaban os minutos caeron en certa relaxación, abusaron en exceso do xogo directo, mostraron menos claridade á hora de circulalo esférico e deixáronse influenciar polo mal arbitraxe do colexiado. A SCD tivo algunha oportunidade para marcar máis goles, pero a falta de acerto nos seus remates non no fixo posible. A pesar de non disputar unha boa primeira metade, O Pindo só creou perigo nas xogadas a balón parado onde Suso se mostrou moi seguro e na xa mencionada xogada do penalti que Suso lle detivo ao lanzador local.

Na segunda parte os xogadores adestrador por David Baña sairon cunha actitude máis positiva, mostrando máis agresividade facendose donos por completo do encontro. Froito disto foron as numerosas oportunidades coas que contaron tódolos homes de ataque, pero unhas veces a falta de puntería e outras as intervencións do gardameta Garrido (o mellor home do partido na tarde do sábado) provocaron que a renda non fose maior, destacando as seguintes: remate de Charro que semellaba colarse na portería pero rebota en Neucha que estaba en posición de fóra de xogo anulando o colexiado o gol; xogada de Cheo por banda dereita, centra raso cara Pablo que estaba só en boca de gol pero faise un pequeno lio e atalla Garrido; unha falta botada por Neucha que de novo Garrido desvía a saque de esquina; xogada individual de Cheo pola dereita, penetra na área pero dispara ao lateral da rede; saque de esquina que cabecea Tato pero un defensor local despexa na mesma líña de gol; etc. Na recta final do encontro as interrupcións foron constantes debido as faltas dos locais, feito que beneficiaba a un Malpica que apenas sufriu defensivamente nos segundos 45 minutos onde O Pindo non tirou a porta.

Novo triunfo da SCD que acumula oito de xeito consecutivo e dez xornadas sen perder, ainda que o resultado quedouse demasiado curto visto as oportunidades dun e doutro equipo. Despois dun tramo de campionato onde o Malpica se enfrentou aos equipos da zona media-baixa da táboa clasificatoria, entramos nunha fase que semella será decisiva para coñecelo verdadeiro potencial do equipo, pois nas próximas xornadas os rivais serán os da zona alta, comezando polo Baio que visita a Pedra Queimada o vindeiro domingo. Os malpicáns están agora no 4º posto da clasificación (empatados co Corme a puntos) a dous puntos do 3º posto que ocupa o Fisterra.

1 comentarios: