lunes, 2 de abril de 2012

LIGA DA COSTA 29ª XORNADA: SCD MALPICA 2 - ESTEIRANA 0

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Iago, Daniel Varela, Rancaño (Manu Pardo min.67), Dani (Neucha min.73), Charro (David Álvarez min.88), Pablo, Tato, David Blanco (Gonzalo min.90).

SCDR ESTEIRANA: Beni, Codesido, Simón, Dani Rama, Maceiras (David min.69), Adrián (Ángel min.79), Álex, Yago, Roberto Pladur, Adelino, Isma.

Árbitro: Pérez Rellán. Boa actuación na tarde de onte, non se complicou a vida nun encontro onde houbo poucas accións polémicas e soubo levalo control da contenda sen apenas amosar cartóns. No minuto 50 sinalou penalti a prol do Malpica por un derrubo innecesario de Maceiras sobre Charro cando o balón xa estaba en posesión do seu equipo. Non houbo expulsados.

Incidencias: Tarde soleada pero cun vento moderado que tivo certa influencia no xogo. Pouco público na Pedra Queimada, con menos de 100 espectadores. Non houbo mancados de consideración.

Goles: 1-0 (min.16): Falta lateral dende a esquerda que Tato saca rasa e moi cerrada, o balón pasa por toda a área sen que ningún atacante nin defensor a toque e cólase polo segundo pao. 2-0 (min.50): O penalti sobre Charro é materializado por Pablo que engana a Beni.



Crónica: Despois da primeira derrota da "era David Baña" a semana pasada en Fisterra, a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada á perigosa Esteirana coa necesidade de gañar para non descolgarse dos postos altos da táboa clasificatoria. O adestrador local contaba coas seguintes baixas: Óscar Moscoso (que esta semana comezou a adestrar co grupo despois da operación de xeonllo), Cheo, Víctor (por motivos laborais), Marco (con problemas musculares), Miguel Avelino (tamén con problemas musculares) e Andrés (baixa de última hora). O Malpica foi moi superior durante a primeira metade, presionando ben a saída de balón dos visitantes e aproveitándose do vento a favor para meter á Esteirana na súa parcela de campo. Apenas pasaron apuros defensivos mentres que en ataque chegaban con moito perigo tanto en xogadas combinativas como en balóns en profundidade polas bandas, pero faltoulles puntería para lograr algún gol máis. Así, as mellores oportunidades foron as seguintes: gran xogada colectiva pola esquerda, Charro apura a liña de fondo, envía cara atrás e David Blanco remata alto; saque de esquina que Charlie remata alto dende o corazón da área; centro de Pablo dende a dereita e David Blanco remata fóra por pouco no primeiro pao; e saque en longo de Suso que supera á defensa, David Blanco plántase ante Beni pero o seu disparo cruzado chapao o gardameta nunha gran parada. Polo que atinxe á Esteirana, apenas se aproximaron á área local, e tiveron tan só unha oportunidade nos primeiros minutos nun balón en longo onde despois dun pequeno lio o esférico da no longueiro facéndose Suso con el en segunda instancia.

A segunda parte comezou de xeito inmellorable para os malpicáns, pois aos cinco minutos anotaron o segundo gol que lles daba un pouco de tranquilidade. Mesmo nos primeiros 15 minutos dispuxeron de dúas grandes oportunidades para sentencialo partido: David Blanco recibe no punto de penalti, controla no medio de dous defensas, dispara coa punteira e Beni despexa a saque de esquina nunha espectacular estirada; centro dende a esquerda cara o segundo pao onde aparece Dani libre de marca co porteiro xa superado pero dispara alto en boca de gol nunha oportunidade inmellorable. No tramo central dos seegundos 45 minutos o Malpica relaxouse un pouco, aproveitando o equipo visitante (que agora contaba co vento a favor) para adiantar líñas para intentar recuperar diferencias, contando con dúas accións de perigo: Adelino saca rápido unha falta cara Roberto Pladur, éste dispara pero Suso despexa cos pés; e de novo Roberto Pladur dispara raso dende a frontal pero Suso despexa nunha boa estirada. Nos últimos 15 minutos a SCD controlou o partido, circulando o balón con tranquilidade conscientes de que o tempo xogaba ao seu favor, ante unha Esteirana que baixou os brazos. Mesmo Neucha puido marcar, pero o seu dispara raso dende o pico esquerdo da área pequena rexeitouno Beni.

Vitoria da SCD Malpica que volve á senda do triunfo despois de tres partidos sen gañar, nun encontro onde foron superiores e onde tan só a mala fortuna nos metros finais propiciou que a renda non fose maior. Os malpicáns seguen de pleno na loita pola terceira posición, xa que a falta de cinco xornadas para rematar están na 4ª posición a tan só un punto do 3º clasificado, o Fisterra. O próximo partido será dentro de dúas semanas en Dumbría, pois esta semana non hai liga debido á festividade de Semana Santa.

4 comentarios:

  1. Disculpade os problemas do blog pero houbo un problema con blogger. Nos vindeiros días o diseño e o funcionamento será o correcto.

    ResponderEliminar
  2. Anónimo3/4/12

    O único que me extraña un pouco é que os problemas informáticos coincidan no tempo ca única derrota do malpica na etapa Baña e se subsanen ca victoria seguinte. pero bueno, a nadie lle gusta facer publicidade das súas derrotas. O entendo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Claro, como neste blog só sen fan as crónicas das vitorias... pensar eso creo que é de paranoicos.

      A explicación é bastante sinxela: non houbo crónica do Fisterra - SCD Malpica porque eu non fun ao encontro porque estaba lesionado e quedei estudando que tíña dous exames importantes. Ademais, a mediados desta semana o blog "colgouse" (apenas se podía ler, cambiou o formato, etc). Alfredo tentou de apañalo un pouco pero está de vacacións, asique nos vindeiros días todo estará ben.

      Eliminar
  3. non sei para que das tantas explicacións, Iago. Como si ésto fora un choio, con salario e todo. no voso blog mandades vós. ninguén mais, sin interferencias dafora.e menos, cos consabidos anónimos que sólo deben querer buscar líos e non dar a cara. en fin...

    ResponderEliminar