lunes, 16 de abril de 2012

LIGA DA COSTA 30ª XORNADA: DUMBRÍA "B" 0 - SCD MALPICA 1

CF DUMBRÍA "B": Anxo, Yerai, José Manuel, David Carreira, Samuel, Riki, Chucho, Rodrigo (Ivanete min.84), Fernando (Pablo min.68), Josiño (Tantán min.53), Miguel Poyo.

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Iago (Manu Pardo min.81), Daniel Varela (Andrés min.51), Rancaño, Dani (Neucha min.46), Charro, Pablo (Miguel Avelino min.94), Tato, David Blanco.

Árbitro: Souto Budiño. Moi ben durante a primeira metade. Na segunda parte estivo regular, pois non puxo freno ás constantes perdas de tempo locais. Controlou ben o encontro sen necesidade de abusar dos cartóns. Non houbo expulsados.

Incidencias: Pouco público no Conco, cuns 75 espectadores. Tarde fría e con vento moderado. O xogador do Malpica Iago abandonou o terreo de xogo por un golpe nun pé.

Goles: 0-1 (min.93): Saque de esquina dende a esquerda que executa Manu Pardo cara o primeiro pao onde cabecea Charlie que se adianta ao seu marcador.

Crónica: Despois dunha semana de inactividade futbolística na Costa debido á festividade de Semana Santa volvía o fútbol. A SCD Malpica viaxaba ata Dumbría para enfrontarse ao filial do conxunto local coa esperanza de conseguila vitoria e seguir pelexando polos postos altos da táboa clasificatoria. O adestrador malpicán, David Baña, contaba coas baixas habituais de Óscar Moscoso e Cheo. A SCD saiu moi ben, tendo a posesión de balón e chegando con moita claridade ás inmediacións da área local, mentres que practicamente gañaba tódolos balóns divididos no mediocampo e apenas sufría en defensa. Sen embargo, as difíciles condicións climáticas (con vento e cun campo moi rápido pola choiva) e certa imprecisión nos metros finais provocaron que o marcador non se movese. As mellores oportunidades foron: xogada individual pola banda esquerda de Pablo que se planta ante Anxo pero con pouco ángulo e o seu disparo despexao o gardameta; falta dende a frontal que executa Tato e peta no pao dereito despois de rozar na barreira; tiro de Tato dende a frontal que sae alto tras unha boa combinación do ataque malpicán; xogada de Charro que se desfai dun rival plántase no borde da área pero dispara desviado. Nos últimos 10 minutos da primeira metade o encontro entrou nunha fase sen dono, cun Dumbría que xogaba directo pero onde apenas tivo opcións de gol, salvo nun saque de esquina que David Carreira cabeceou alto no segundo pao.

Na segunda parte o dominio foi absoluto do Malpica, que a pesar do vento en contra meteu aos locais na súa propia parcela de campo, monopolizando a posesión e as oportunidades de gol (o Dumbría non disparou a porta nestes segundos 45 minutos). Pero de novo houbo impreción e precipitación nos metros finais, e a medida que o tempo pasaba os nervios visitantes ían en aumento conscientes de que o empate era un mal resultado vistos os méritos de ámbolos dous conxuntos. A SCD chegaba constanmente ás inmediacións da portería local pero non lograban culminalas xogadas, destacando as seguintes: Charlie centra dende a dereita cara Pablo que remata de chilena que sae rozando a escadra dereita; David Blanco penetra na área tras recibir un paso en profunidade pero dispara ao lateral da rede; Manu Pardo saca unha falta rápida cara David Blanco que con todo de cara dispara ás mans de Anxo. Nos últimos minutos o Malpica "asediou" aos locais mediante balóns directos, chegando o gol case na última xogada despois de varios saques de esquina consecutivos.

Importante triunfo da SCD, que semellaba gafada hoxe de cara a gol ante un Dumbría "B" que aguantou como puido pero que apenas se amosou en ataque. Ademais, os malpicáns ascenden un posto na clasificación e agora ocupan a terceira plaza con un punto de vantaxe sobre o Corme. A vindeira semana reciben na Pedra Queimada ao Sporting Zas.

0 comentarios:

Publicar un comentario