SDU VIMIANZO: Sergio, Martín, Amarelle, Riveiro, Iván de Treus, Adrián, Fran Pioto, Arán (David 68’), Iván de Baiñas (Camilo 35’), Rafa (Sergio Vilaseco 56’), Jaime (Suso 90’).
SCD MALPICA: Toni, Braix, Marcos Amado, Iago, Marco, Rancaño, Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Ismael 78’), Charlie (Casais 56’).
Árbitro: Sr. Lago Barros. Mal na primeira metade, pois non sinalou un claro penalti cometido sobre o dianteiro malpicán David Blanco nin unhas mans dun xogador local á altura do medio campo cortando un contragolpe visitante sendo o último home. En cambio, concedeu unha pena máxima a prol do Malpica por un agarrón sobre Rancaño moi dubidoso. Na segunda parte non tivo graves erros, pero deixou mostras de pouca personalidade.
Goleadores: 0-1 (min. 7): Gran pase en profundiade de Cheo cara David Blanco pola banda dereita, o dianterio gáñalle a partida á defensa local por velocidade e bate a Sergio de tiro raso. 1-1 (min. 35): Saque de banda do Vimianzo dende a banda esquerda do seu ataque, Fran Pioto controla só e envía un centro ó segundo pao onde aparece Arán para controlar, libre de marca, e anotar un fermoso gol dende o borde da área que se cola pola escadra esquerda da portería defendida por Toni. 2-1 (min. 76): Forte tiro de Sergio Vilaseco dende longa distancia tras un rexeite da defensa malpicán que entra pegado ao pao esquerdo.
Ambiente e Incidencias: Boa temperatura no Municipal de Vimianzo pero cun vento moderado. Poucos espectadores no campo, unhas 75 persoas. Foi expulsado o vimiancés Riveiro por doble amarela no tramo final do encontro. O defensa malpicán Víctor lesionouse no quencemento, e o mediocentro Charlie foi sustituído, algo conmocionado, despois de chocar con Neucha na primeira parte. O local Iván de Baiñas tamén marchou lesionado.
Comentario: Despois do parón de Semana Santa, a SCD Malpica viaxaba ata Vimianzo para enfrontárse a un debutante na categoría que estaba situado na parte media-baixa da táboa clasificatoria coa intención de seguir coa boa xeira de resultados colleitados nas últimas xornadas. O conxunto costeiro contaba coa única baixa do sancionado Eloy. Nos primeiros 20 minutos de encontro os homes de Manuel Agilda foron os claros dominadores do partido, ben plantados no terreo de xogo e creando moito perigo coa rapidez dos seus xogadores ofensivos. Así, ademais do gol ós sete minutos, o Malpica tivo outra clarísima ocasión un man a man que David non foi quen de anotar; un centro de Neucha que o David non rematou por un claro empuxón dentro da área; e, para colmo, o propio David tirou alto un penalti cometido sobre Rancaño xa no minuto 45. Non obstante, a medida que avanzaban os minutos ritmo de xogo foi decrecendo e o Vimianzo comezou a subir líñas, pero o seu perigo chegaba sempre por medio de xogadas a balón parado, pois tíñan o vento a favor neste período, pero o gardameta Toni mostrouse moi seguro.
No segundo acto, e agora co vento a favor, os visitantes tentaron volver a adiantarse no marcador, pero en ningún momento lograron dar verdadeira sensación de perigo, a pesar de que a maior parte do encontro se disputou na parcela do campo defendida polos locais. Faltou precisión en ámbolos dous equipos, predominando o xogo directo e apenas houbo oportunidades claras de gol. Así as cousas, as mellores ocasións malpicáns chegaron en varios lanzamentos de falta botados por Neucha que se marcharon fóra, e xa en tempo de desconto, unha xogada de Cheo por banda esquerda foi remata por Neucha ó longueiro, o rexeite cáelle a Casais no borde da área pequena pero o seu cabezazo sae fóra. Pola contra, o Vimianzo limitouse a defender acumulando xente atrás, buscando os seus dianteiros con balóns longos pero sen crear apenas sensación de perigo.
Mal resultado da SCD Malpica, que non foi quen de aproveitalo tropezo do Carnota, situándose a catro puntos do terceiro posto a falta tan só de 12 puntos por desputarse. A pesar de ter poucas ocasións de gol, estas foron moi claras (penalti incluído), pero o desacerto malpicán unido ó acerto local (con dous golazos en xogadas aílladas) provocaron a derrota na tarde de onte. A vindeira semana, a SCD recibe na Pedra Queimada ó Monte Louro.
0 comentarios:
Publicar un comentario