O PINDO CF: Garrido, Mateo (Ángel min.86), Cote (Edu min.79), César, Jóse, Miguel, Víctor, Rafa (Julián min.46), Aitor, Borja (Diego min.46), Rivas (Javi min.79).
SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago, Andrés (Miguel Dourado min.46), Neucha, Cheo, David Blanco (Carlitos min.88), Eloy, Ismael.
Árbitro: Acuña Piñeiro. Boa arbitraxe a que mostrou neste encontro, estivo bastante preciso nas indicacións das faltas e correcto á hora de sacalos cartóns. O lado "negativo" foi a súa falta de diálogo cos xogadores. A xogada polémica do partido sucedeu no minuto 67, cando castiga coa pena máxima un leve agarrón do malpicán Iago sobre Aitor cando este se plantaba só ante Suso, coa conseguinte expulsión por vermella directa.
Ambiente e Incidencias: Pouco público en Lombáns, con menos de 100 persoas nas bancadas. Tarde gris pero sen choiva durante o encontro, e cunha temperatura agradable para a práctica do fútbol. Non houbo lesionados de consideración.
Goleadores: 0-1 (min. 3): Boa recuperación de Ismael á altura do mediocampo, cédelle o esférico a David Blanco que asiste en profundidade cara Neucha, este entra na área por banda esquerda e bate a Garrido cun forte tiro cruzado a media altura. 0-2 (min.33): Cambio de banda de Marcos Amado cara David Blanco, que controla o balón no pico dereito da área local, asiste a Cheo que ven en carreira, entra na área e anota o segundo gol malpicán de disparo cruzado. 1-2 (min. 67): Aitor anota de tiro raso pegado ó pao esquerdo de Suso o penalti xa comentado anteriormente. 2-2 (min.90): Rápida xogada de transición do Pindo despois dun ataque dos visitantes, que culmina cunha internada na área de Víctor que se desfai de varios rivais e envía "o pase da morte" para que Aitor marque a pracer na área pequena.
Comentario: Despois do empate que colleitara a semana pasada fronte ó Porteño na Pedra Queimada, a SCD Malpica viaxaba ata Carnota con gañas de deixar atrás o mal sabor de boca e de lograla segunda vitoria como visitante ante un O Pindo que se atopaba na parte baixa da clasificación. Manuel Agilda contaba con numerosas baixas: Manu Pardo (problemas nun aductor), Viña (nun xeonllo) , Martín (tamén con molestias físicas) e o porteiro Víctor (lesionado nun hombro); baixas ás que había que engadir, a última hora, as de Marco e Casais. O encontro non podía comezar mellor para os intereses malpicáns, pois conseguían anotar moi pronto poñéndoselle o partido de cara, pois foron os claros dominadores dos primeiros 15 minutos, ante un conxunto local moi impreciso á hora de sacalo esférico. Pero pouco a pouco os malpicáns comezaron a abusar dos balóns en longo, con posesións de balón curtas, e sen chegar con claridade á área local. Sen embargo, contaron con outras dúas boas ocasións nesta primeira parte: un disparo coa perna esquerda de Ismael dende a frontal da área que saiu fóra por pouco, e un disparo cruzado de David Blanco que se aproveita con picardía dun erro da defensa pero que se marcha fóra lambendo ó pao dereito de Garrido. Á hora de defender o Malpica mostrouse moi serio, ben plantado atrás e recuperando moitos balóns á altura do mediocampo, o que se traduxo en que O Pindo apenas pisou a área visitante, creando certo perigo só en algunha xogada a balón parado.
No segundo tempo o panorama cambiou radicalmente, pois se ben durante os primeiros 45 minutos o Malpica controlou por completo a situación, a partir da reanudación foron os locais os que asumiron o protagonismo. Saiu relaxado o equipo bergantiñán, quizáis confiado trala superiorade mostrada, ó que hai que engadir que xogaron con inferioridade numérica os últimos 25 minutos. O Pindo logrou tocar mellor neste tempo, facendo dano tanto entrelíñas como a través de numerosas xogadas a balón parado, e tendo varias ocasións perigosas para marcar, pero o gardameta Suso converteuse na figura do encontro ó realizar varias intervencións decisivas e tamén moi seguro no xogo aéreo. Nos minutos finais, e cos locais volcados en busca do empate, os malpicáns si tiveron certa presencia en ataque a través de varios contragolpes, e inclusive Neucha mandou un balón ó longueiro no minuto 85. A pesar de todo, os malpicáns aguantou ata os intres finais, pero incomprensiblemente deixaron que o Pindo lles empatase ó non cortar unha xogada de contragolpe no minuto 90.
Novo empate da SCD Malpica (suma 6 igualdas nos últimos 8 encontros) nun partido con dúas metades moi diferenciadas. Os malpicáns non deberían de ter esas fases de relaxación que amosaron nos dous últimos encontros, especialmente ó comezo dos segundos tempos, e que lle costaron dous encontros que tiñan totalmente controlados no descanso (contra o Porteño gañando 1-0 e onte 0-2), pois este ano estáse a ver xornada tras xornada que non hai rival pequeno e no momento en que un equipo non está ó 100% calquera rival se lle "sube ás barbas". A próxima semana o rival será o Fisterra, un dos favoritos para conseguilo título.
0 comentarios:
Publicar un comentario