lunes, 15 de noviembre de 2010

LIGA DA COSTA 11ª XORNADA: MALPICA 0 - FISTERRA 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Marco, Andrés (Miguel Dourado min.67), Neucha, Cheo, David Blanco, Ismael, Eloy (Manu Pardo min.46).

SD FISTERRA: Joselu, Piti, Pana, Nico, Borja Santos, Rodri, Roa (Tata min.71), Julio, Edi (Nacho min.63), Roco, Manoliño.

Árbitro: Castaño Díaz. Boa labor en termos xerais durante a primeira metade, pero na segunda houbo dúas xogadas polémicas moi protestadas polos locais: un discutible fóra de xogo de David Blanco cando este encaraba só a portería rival, e no minuto 93 incomprensiblemente indica falta a prol do Fisterra (da cal viría o único tanto do encontro) despois de deixala lei da vantaxe e de que o xogador visitante perdese o balón tras golpealo defectuosamente ó querer centrar por erro propio e non como consecuencia da falta anterior.

Ambiente e Incidencias: Tarde moi desapacible na Pedra Queimada, con frío, vento e choiva intermitente (incluive cunha pequena granizada ó comezo do encontro). Unhas 100 persoas asistiron á contenda. O malpicán Andrés abandonou o terreo de xogo con molestias na espalda despois dunha mala caída. Non houbo expulsados.

Goleadores: 0-1 min.93: Falta lateral dende a banda esquerda botada polo Fisterra, o esférico diríxese ó punto de penalti e alí aparece Roco libre de marca para anotar de cabeza.

Comentario: Despois de afrontar unha primeira parte do calendario teoricamente favorable (de feito, enfrontouse xa ós oito derradeiros clasificados), a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada ó Fisterra, un dos mellores equipos da categoría, dando inicio a unha serie de partidos nos que se vai enfrontar a equipos da metade superior da táboa clasificatoria. Manuel Agilda non podía contar cos seguintes xogadores: Casais, Martín, Viña (os tres baixa por diferentes molestias físicas) nin con Iago (sancionado). O Malpica non disputou unha boa primeira metade, saiu algo frío, dando a sensación de ir un pouco a remolque, e sen lograr combinar nin crear perigo en ataque; só alguna xogada aillada de Cheo por banda dereita levou certo perigo. Ademais, houbo varios erros defensivos graves que propiciaron ocasións claras a prol do Fisterra. Pola contra, os visitantes mostráronse coma un conxunto moi sólido dende o primeiro minuto, sen conceder ocasións atrás e tratando o balón sempre con criterio, pero non foron quen de marcar. As ocasións máis importantes caeron do lado fisterrán, consecuencia lóxica do visto nos primeiras 45 minutos: tres nos pés de Manoliño despois de aproveitarse se sendas cesións defectuosas da defensa a Suso e unha de Borja Santos que dispara dende dentro da área pero Suso "chapa" o balón nunha gran parada.

No segundo acto as cousas cambiaron un pouco, xa que o Malpica entrou ó campo con máis agresividade e ambición, logrando librarse da presión do Fisterra e si plantou cara. Así, lograron recuperalo esférico con maior velocidade e chegaron moito máis ás inmediacións da área visitante (Joselu, o gardameta fisterrán, pasara desapercibo antes do descanso), ainda que con pouca profundidade. Froito da melloría mostrada, os locais tiveron varias oportunidades para marcar, destacando un disparo de Manu Pardo dende o borde da área que petou no longueiro e un tiro de Neucha dende o lateral esquerdo da área que sacou Joselu co pé despois dunha gran intervención. Polo que atinxe ó Fisterra, seguio mostrándose como un equipo moi serio, ben organizado, pero sen tanto protagonismo en ataque, e só destacou unha ocasión de Borja Santos despois dun contragolpe ó comezo da segunda metade que despexou Suso a saque de esquina.

Primeira derrota da SCD Malpica como local nesta tempada, e tamén primeira derrota na Pedra Queimada en liga dende o mes de setembro do ano pasado. Certo que o gol chega tras unha decisión arbitral errónea que perxudicou (unha vez máis) ós malpicáns, pero tampouco é menos certo que tiveron sorte de ir 0-0 ó descanso e de que non disputaron un bo encontro (especialmente na primeira parte). Sen embargo, ahora toca dalo "do de peito"e levantala moral para sacar bos resultados nos encontros que se aproximan, xa que serán os que marquen o devir do equipo nesta Liga da Costa 2010-2011. A vindeira semana, a SCD viaxa ata Esteiro para xogar co conxunto local o que será o primeiro dos dous encontros consecutivos que deberá disputar como visitante.

0 comentarios:

Publicar un comentario