lunes, 1 de noviembre de 2010

LIGA DA COSTA 9ª XORNADA: MALPICA 1 - PORTEÑO 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago (Carlitos min.88), Andrés (Eloy min.46), Neucha, Cheo, David Blanco, Manu Pardo (Ismael min.27), Casais (Marco min.75).

CF PORTEÑO: Asier, Pejo, Roi, Manu, Pablo (Astu min.46), Piti (Óscar min.46), Ismael, Cousillas (Rubén min.89), Quilmes (Iago min.60), Pepe Wi (Iván min.57), Brais.

Árbitro: Ferreiro Varela. Non tivo apenas xogadas complicadas durante o encontro, estivo ben na apreciación das faltas e fóras de xogo pero mal á hora de sacalos cartóns amarelos, pois non mantivo un criterio homoxéneo. Houbo dúas xogadas polémicas: o Porteño reclamou penalti na primeira metade por un empurrón de Iago a Pepe Wi, e os locais unha clara cesión ó porteiro nos instantes finais que o colexiado non indicou.

Ambiente e Incidencias: Tarde gris, con frío e moito vento na Pedra Queimada. Unhas 100 persoas acudiron a velo encontro. Houbo que lamentala lesión do malpicán Manu Pardo (min.27) por un tirón muscular no aductor da perna dereita. Non houbo expulsados.

Goleadores: 1-0, min.9: Falta botada por Neucha dende o pico esquerdo da área do Porteño, o balón queda morto dentro da área pequena despois do rexeite do gardameta nun grave erro, e alí aparece Charlie libre de marca que só ten que empurralo esférico. 1-1, min.60: O xogador local Eloy trata de safarse dun rival pegado a banda esquerda á altura do mediocampo, hai un rexeite, coa mala fortuna de que o balón sae cara a posición de Ismael que se interna na área, e ante a saída de Suso saca un centro medido cara Cousillas que anota de cabeza practicamente na líña de gol.

Comentario: Despois da vitoria no derbi da semana anterior fronte ó Buño, a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada ó Porteño, un dos clásicos da Liga da Costa pero que nesta tempada non tivo un bo arranque ligueiro, coa intención de sumala terceira vitoria consecutiva e meterse de cheo na zona alta da táboa clasificatoria. Para este partido, Manuel Agilda non podía contar cos lesionados Martín (problemas musculares) e Viña (mancado nun xeonllo). O elemento que marcou o desenvolvemento do encontro foi o forte vento, que facía moi difícil o control do balón, especialmente no xogo aéreo. Tras un periodo inicial onde ámbolos dous equipos trataron de aclimatarse as condicións metereolóxicas, os locais atopáronse co tempraneiro gol de Charlie, o que lle dou un plus de tranquilidade. Non obstante, o Porteño non se veu abaixo, pero tiña moitas dificultades para combinar e so chegaba as inmediacións da área malpicana mediante o xogo directo (tanto en saques de banda como en faltas). No último cuarto de hora da primeira parte, o dominio foi absoluto do Malpica, metendo ós visitantes no seu campo e contando con varias oportunidades claras para ir cunha renda cómoda ó descanso, pero non lograron marcar. Destacaron: un mal despexe do porteiro que caeu nos pés de Casais pero o seu tiro marcha fóra; un disparo cruzado de Neucha que rexeita Asier caéndolle de novo o balón a Casais que non logra tirar a porta valeira; un disparo de Cheo dende a dereita despois dunha xogada individual; e un disparo dende a frontal da área de David Blanco que chapou Asier. O Porteño non tirou entre os teus paos nesta parte, e só destacou un potente lanzamento de falta de Ismael dende longa distancia que se marchou alto por pouco.

No segundo acto, os malpicáns sairon quizáis un pouco relaxados, froito da superioridade mostrada nos primeiros 45 minutos, e non foron en busca do segundo gol que sentenciara o partido. Esta dinámica cambiou tralo gol visitante, xa que o Malpica lanzouse en busca dun novo gol, presionando moi arriba e roubando constantemente, pero estiveron algo imprecisos nos metros finais (hai que ter en conta que o vento seguia soplando con moita intensidade), mentres que o Porteño xuntaba homes atrás, facendo do contacto físico a súa principal virtude á hora de defender. A pesar de que nesta derradeira última hora os malpicáns apretaron moito, inclusive quedando con tres defensas na parte final do encontro, e a pesar dos erros constantes da zaga e do gardameta rivais, non foron quen de marcalo gol da vitoria, ainda que si tiveron oportunidades para facelo, sobresaíndo unha clarísima de Neucha na área pequena tras un "pase da morte" de Cheo, pero o seu remate saiu moi frouxo. De novo Neucha tivo a vitoria nas súas botas cun gran disparo dende a frontal da área que petou na cruceta dereita da portería visitante co tempo xa cumplido.

Novo empate da SCD Malpica, que parece estar abonada a este resultado, pois xa acumula cinco en nove partidos disputados. Empate que deixa un mal sabor de boca, pois o Porteño só tirou unha vez entre paos durante todo o encontro, mentres que os malpicáns volveron a malgastar as súas numerosas oportunidades, mostrando unha preocupante falta de puntería que comeza a ser unha constante nos seus encontros. Ademais, e tendo en conta os resultados desta xornada, perderon unha fenomenal oportunidade de seguir escalando na clasificación. A vindeira semana o conxunto de Agilda desprazaráse ata Carnota para xogar contra O Pindo.

0 comentarios:

Publicar un comentario