CAMARIÑAS CF: Pombo, Josiño (Pesqui min. 61), Breo, Maikel, Ogando, Moriño, Brais, De la Sierra, Javi (Antelo min. 86), David (Mané min. 72), Juan o´Vello.
SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Marco, Iago, Ismael, Cheo, Casais (Neucha min. 46), David Blanco, Andrés (M. Dourado min. 76), Manu Pardo.
Árbitro: Gallego Hernández. O seu maior "lunar" estivo á hora de sinalalos fóras de xogo do equipo local, pois houbo varios claros que xeraron ocasións moi perigosas pero non nos indicou. No tramo final do encontro, os malpicáns pediron penalti por un empurrón de Maikel sobre David Blanco cando o dianteiro encaraba a portería de local. No resto dos apartados si estivo acertado e pitou con personalidade.
Ambiente e Incidencias: Pouca xente nas gradas, cun cento de persoas aproximadamente nunha tarde fría e nubrada. Non houbo expulsados nin lesionados de gravidade.
Goleadores: 1-0 min. 32: Perda de balón do Malpica preto do mediocampo, o Camariñas realiza unha boa transición ofensiva que culmina cun pase co peito de Brais cara Juan o´Vello que lle gaña as costas á defensa malpicán e bate a Suso dende a posición de extremo dereito cun preciso tiro que peta na cruceta dereita antes de entrar. 2-0 min. 90: Xogada individual de Brais pola banda dereita, gaña a líña de fondo e cede atrás para que Mané no corazón da área anote o segundo gol cun disparo axustado que rebota no pao dereito da portería defendida por Suso e entra mansamente.
Comentario: Primeiro encontro do ano 2011 para a SCD Malpica, que lle tocaba visitalo campo dun dos equipos máis potentes da categoría (pois ocupan a segunda posición na táboa clasificatoria). Manuel Agilda, adestrador malpicán, sumaba as seguintes baixas: Viña (lesionado), Martín (lesionado) e Marcos Amado (sancionado). Comezou o partido bastante nivelado, cun Camariñas que dominaba a posesión do esférico pero cun Malpica coas líñas xuntas e que non pasou apenas apuros durante a primeira media hora, salvo nun disparo forte de Javi que rexeitou Suso. Sen embargo, cando recuperaban o balón apenas lograban combinar, e non creaban perigo nas inmediacións da área do Camariñas. A pesar desta circunstancia, os malpicáns tiveron unha inmellorable ocasión para adiantrase no marcador no minuto 30, pois David Blanco lanzou fóra nun man a man ante Pombo despois dun fenomenal pase en profundidade de Manu Pardo. Despois desta ocasión, o Camariñas si tivo máis profundidade, e ademais do gol, tivo dúas claras oportunidades antes do descanso: unha internada de Brais que supera a Suso no man a man pero Iago evita que o balón entre case na líña de gol e un disparo do mesmo Brais que rexeitou o pao (ainda que arrancou en fóra de xogo).
No segundo tempo, a superioridade física do Camariñas foi clave, pois se ben o Malpica tentou subir líñas e apretar un pouco máis para buscalo empate, os locais sempre mostraron unha gran intensidade, facéndose ca maioría dos rexeites e creando perigo coa velocidade e forza dos seus homes de ataque. O Malpica non foi capaz de desbordar polas bandas nin de facerse coa posesión de balón, salvo en contadas ocasións, e así apenas inquedou a Pombo. Os visitantes contaron con dúas oportunidades para empatar: un centro de Cheo dende a banda dereita que Neucha non logra rematar de cabeza coa portería valeira tras unha saída en falso de Pombo, e unha falta lateral botada por Manu Pardo que o gardameta local saca a corner con dificultades. Non obstante, os locais tiveron de novo un tiro ó pao de Brais tras pase de Juan (que volve a arrancar en fóra de xogo), unha vaselina do propio Juan que sae alto por pouco e un lanzamento de Mané que tamén marcha desviado.
En definitiva, terceira derrota consecutiva para a SCD Malpica, que non da síntomas moi positivos nas últimas xornadas, cunha falta alarmante de gol (nos últimos 5 encontros quedou en catro sen marcar) e con graves problemas ante os equipos máis fortes da liga (non logrou gañarlle a ningún dos 8 primeiros clasificados na primeira volta). Esperemos que o ano novo traia novos folgos ó plantel e que comecen a segunda volta en Carnota cunha vitoria para recuperar confianza no seu xogo.
O mellor de todo é que, se é certo que os árbitros dan o que quitan, na segunda volta tócanos atracar entre 10-12 puntos...que fácil vai ser...
ResponderEliminarse esperamos a que nos axuden os árbitros podemos ir tranquilos...
ResponderEliminar