lunes, 24 de enero de 2011

LIGA DA COSTA 20ª XORNADA: MUROS 2 - MALPICA 1

MUROS SD: Ruzo, (Lupi min. 74), Gael, Iván, Teo (Dani min. 73), Mayuyo (Martín min. 88), David, Bibi, Miguel, Toni, Varito (Edu min. 90), Cexo, (Manu Dosil min.84).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago, Ismael, Neucha, Casais (Miguel Dourado min. 46), Cheo, Manu Pardo, Eloy.

Árbitro: Juan Alberto Blanco Bravo. Estivo ben en líñas xerais, pero cometeu dous erros graves que poideron ter incidencia no marcador final: non sinalou penalti a prol do Muros por unhas claras mans do visitante Neucha, nin expulsou a un xogador do Muros por unha brutal entrada por detrás cometida sobre Cheo na segunda metade.

Ambiente e Incidencias: Pouco público no campo de Miraflores, con menos de 100 espectadores. Tarde despexada pero con moito frio. Non houbo cartóns vermellos. Os locais Teo e Ruzo retiráronse con sendos problemas físicos na segunda parte.

Goleadores: 1-0 min. 40: Falta preto do borde da área a favor do Muros que executa maxistralmente Miguel coa súa perna esquerda colándose o esférico preto da escadra esquerda da portería defendida por Suso que nada puido facer a pesar da súa estirada. 1-1 min. 49: Centro de Miguel Dourado dende a banda esquerda, a defensa do Muros logra despexar pero aparece Eloy no borde da área que fai o empate de tiro raso que se lle escapa entre as pernas a Ruzo. 2-1 min. 76: Centro dende a banda dereita do ataque local, hai unha serie de rexeites na área do Malpica, e o esférico cáelle a Toni que anota o gol da vitoria de tiro cruzado.

Comentario: Viaxaba a SCD Malpica a Muros coa ilusión de gañar nun dos campos que peor se lles da ós malpicáns nas últimas tempadas, e despois de gañarlle a semana anterior ó poderoso Club do Mar. Para tal tarefa, Manuel Agilda acumulaba as seguintes baixas: Martín, Viña, Marco (sancionado), Andrés (con problemas nun abductor), Víctor II (por un golpe) e David Blanco (baixa de última hora por unha gastroenteritis). Durante os primeiros 45 minutos o xogo directo foi o protagonista, pois o Malpica non logrou nunca sentirse cómodo co balóns nos pés, tendo posesións moi curtas e con escasas penetracións na área local. En cambio, nas ocasións nas que chegaron a altura de tres cuartos de campo abusaron en exceso da conducción individual. O Muros si lograba reter algo máis a posesión do esférico, pero enseguida buscaban o pase en longo para os seus rápidos atacantes. A pesar de non estar moi inspirados en ataque, os malpicáns apenas pasaron apuros defensivos, salvo en algunha xogada a balón parado e nun disparo de Miguel que saiu alto dende a frontal da área. A ocasión máis clara para o Malpica foi un disparo de Cheo dende a parte dereita da área que saiu demasiado cruzado ó comezo do encontro.

No segundo tempo, e a pesar de lograr empatar con rapidez, o Muros mostrouse superior á SCD, facéndose dono do balón e enviando constantemente pases que buscaban ás costas da defensa visitante. Ademais, as reducidas dimensións do campo de Miraflores provocaba que os numerosos saques de esquina e faltas botadas polos xogadores locais se convertesen en accións perigosas. O Malpica non logrou poñer en apuros á defensa local en case ningunha ocasión, mostrando pouco desborde e profundidade, excepto en algunha xogada de Cheo por banda dereita, pero sen tirar entre paos. O mellor xogador do encontro nestes segundos 45 minutos foi o gardameta Suso, que realizou varias paradas de mérito ante Cexo, Toni e Miguel, ademais de mostrase moi seguro nos balóns colgados. Tamén o local Bibi tirou ó pao. Sen embargo, no último minuto de encontro, o Malpica puido logralo empate por medio dun disparo de Eloy dende a frontal da área que saiu rozando a escadra dereita.

Mal encontro do Malpica na tarde de onte, onde non tiraron entre os tres paos con perigo en ningunha ocasión ó longo de todo o encontro (salvo no gol e coa colaboración do gardameta), onde se viron desbordados polos atacantes locais e con moi pouco claridade para combinar. Despois desta derrota os obxetivos deben cambiar, pois os postos de descenso están a tan só 5 puntos despois de acumular 5 derrotas nos últimos 6 partidos disputados. A vindeira semana, a SCD recibe na Pedra Queimada ó Corme, un rival directo.

0 comentarios:

Publicar un comentario