SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago (Casais min. 59), Marco (Gonzalo min. 62), Eloy, Marcos Amado, Neucha, David Blanco, Andrés (Ismael min. 56), Manu Pardo (Miguel Dourado min. 64).
CORME CF: Suso, (Javi min. 60), Adolfo, Martín, Pipo, Pandi, Felipe (Xavi min. 70), Alejo, Alejandro, Iago (Mauro min. 75), Lucas, Dani.
Árbitro: Fernando Rodríguez Rodríguez. Tivo unha actuación sen sobresaltos, pois o partido non tivo apenas accións polémicas. Sen embargo, na segunda metade equivocouse ó indicar penalti a prol do Corme por unha inexistente falta de Marcos Amado sobre Iago.
Ambiente e Incidencias: Tarde soleada na Pedra Queimada pero que foi empeorando a medida que pasaban os minutos, inclusive con choiva no treito final do encontro. Unhas 150 persoas na grada, cunha afección local que non deixou de animar durante os 90 minutos. Non houbo lesionados de consideración nin expulsados.
Goleadores: 1-0 min. 3: Xogada individual de Neucha dende a posición de extremo dereito, recorta a varios rivais en diagonal "ó estilo Messi" e dende o pico da área lanza un zurdazo que entre preto da escadra dereita. 2-0 min. 5: Internada de David Blanco pola esquerda, plántase ante Suso que despexa, pero o rexeite cáelle a Neucha que anota no segundo pao a pracer. 2-1 min. 19: Saque de esquina botado polo Corme, a defensa local despexa, pero no borde da área hai un rexeite caéndolle o esférico a Lucas que marca de tiro cruzado. 3-1 min. 39: Pase en longo sobre a área visitante, o gardameta Suso dubida quedando a media saída, tropeza con Pandi, quedando balón morto para que Neucha só teña que empuxala coa cabeza. 4-1 min. 50: Pase en profundidade cara David Blanco que se interna na área e bate a Suso de tiro raso coa perna esquerda. 5-1 min. 52: Penalti de Pandi sobre David Blanco que materializa Neucha de forte tiro. 6-1 min. 60: Man a man de David Blanco que dispara, o balón sae rebotado tras rexeitala o gardameta, caéndolle, de novo, a Neucha que marca a porta vacía.
Comentario: Partido fundamental para os intereses da SCD Malpica, pois despois da derrota en Muros atopábase a tan só cinco puntos dos postos de descenso, e recibía na Pedra Queimada a un rival directo, o Corme, conxunto que contaba con un punto menos que os malpicáns na táboa clasificatoria. Manuel Agilda, adestrador local, contaba coas seguintes ausencias: Viña, Martín (ámbolos dous lesionados de longa duración), Cheo (sancionado) e o gardameta xuvenil Víctor (mancado). Presumíase un encontro bonito, xa que ámbolos dous conxuntos se caracterizan polo bo trato de balón, pero apenas houbo emoción, pois ós cinco minutos os malpicáns xa contaban con dous goles de vantaxe tras un comezo fulgurante, acosando ó Corme no seu propio campo e chegando con moita facilidade ás inmediacións da área rival. Pero a medida que pasaban os minutos o partido entrou nunha fase algo máis nivelada, onde os visitantes aproveitaron certos desaxustes na presión local para estirarse algo máis en busca do gol, tendo unha boa ocasión por medio dun disparo de Iago que Suso mandou a corner tras unha gran intervención. Non obstante, cando o Malpica tiña paciencia e combinaba en curto, creáballe numerosos problemas a unha defensa visitante que se mostrou moi insegura durante a tarde de onte, pero non contou con claras oportunidades de gol, a excepción dun disparo de falta de Manu Pardo que saiu lambendo o longueiro.
Na segunda metade, os malpicáns non baixaron a intensidade, e sairon coa idea de cerralo partido para evitar posibles sorpresas, anotando tres goles en apenas un cuarto de hora. Nestes segundos 45 minutos o partido non tivo historia, pois o Malpica controlou completamente a posesión de balón, chegando con facilidade á área rival, tanto con balóns en profundidade como por medio de combinacións en curto, desbordando ós medios e defensas visitantes unha e outra vez. A medida que se achegaba o final, os locais baixaron "unha marcha" e limitáronse a controlalo tempo do partido ante un Corme que dou síntomas de cansancio. A pesar dos seis goles, o Malpica tivo varias oportunidades claras para marcar máis tantos: un cabezazo de Neucha que se estrelou no longueiro tras unha boa xogada entre David Blanco e Casais; un man a man de David Blanco; un rexeite tras un erro do gardameta Javi ó que non chega Miguel Dourado por pouco en boca de gol; etc. O Corme apenas cruzou o mediocampo, e só tirou entre os tres paos por medio dun penalti que lanzou Iago e atallou un fenomenal Suso.
Importante vitoria do Malpica que foi moi superior a un Corme que deu moi malas sensacións, e que lle permite ascender varios postos na clasificación (actualmente é oitavo), sumando a segunda vitoria consecutiva como local. Hai que resaltala espectacular inspiración de Neucha na tarde de onte, autor dun "repóker" de goles, algo pouco habitual nun campo de fútbol, que practicamente anotou todo o que tirou, e inclusive estivo preto de sumar un sexto gol se non chega a ser polo longueiro. Despois de lograla maior goleada no que vai de tempada, a SCD ten unha complicada saída a vindeira semana xa que xoga contra o Sofán.
a ver quen aguanta a Neucha ahora, con un poker de finales da copa da costa e un repoker de goles...ajummm
ResponderEliminarjajaja!! non che queda nada...
ResponderEliminarpero bueno, que non se tire moito da moto que foron 3 rechaces e un de penalti...jeje