lunes, 11 de abril de 2011

COPA DA COSTA 2011 ELIMINATORIA PREVIA (IDA): MALPICA 1 - ALCAIÁN 1

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Iago, Víctor, Manu Pardo (Casais min.63), Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Eloy min.46), Nando.

SD ALCAIÁN: Herrera, Paco (Portillo min.35), Luís (Toño min.61), Dani, Víctor, Pistolas, Souto, Pio, Víctor Pazos, David, Framil (Doro min.94).

Árbitro: David Brun. Mala actuación deste colexiado que volveu a perxudicar ao equipo malpicán (como xa ocorrera en Fisterra hai unhas semanas), pois concedeu un gol ilegal ao Alcaián (como mostran as imaxes o xogador nº11 dos visitantes está en fóra de xogo cando recibe o esférico despois dun cabezazo dun compañeiro seu). Expulsou aos locais Cheo, dobre amarela por protestar nos minutos finais, e Manu Pardo, este cando xa fora sustituído.

Incidencias: Pouco público na Pedra Queimada, cuns 75 espectadores, nunha tarde nubrada pero con temperatura agradable. Os xogadores visitantes Luís e Paco tiveron que ser sustituídos por diversos problemas físicos.

Goleadores: 0-1 (min.10): Saque de esquina a prol do Alcaián dende o córner dereito do seu ataque, un xogador visitante cabecea a altura do punto de penalti, Suso rexeita o tiro caéndolle a Framil que se atopaba en fóra de xogo, e este asiste a Pistolas que anota en boca de gol. 1-1 (min.27): David Blanco recibe na parte dereita da área un gran pase en longo de Andrés e bate a Herrera de tiro raso cruzado.

Comentario: O sorteo celebrado o pasado luns deparou que o Malpica tivera que xogala eliminatoria previa da Copa da Costa 2011 e que o seu rival fose o Alcaián, como xa sucedese na edición do ano 2005, a pesar de que ainda faltaban catro xornadas para rematala liga. Para este primeiro encontro, Manuel Agilda contaba coa plantilla ao completo, a excepción do mediocentro Ismael (por cuestións académicas). O encontro comezou mal para os malpicáns, pois no minuto 10 encaixaron un gol que complicaba as cousas. Ademais disto, non deixaron boas sensacións nesta primeira parte, pois se ben dominaban o encontro desenvolveron un fútbol lento e previsible, que se traduxo en pouca profundidade e escasas oportunidades de gol. Moita desa posesión tivo lugar en zonas do campo nas que non hai perigo para o rival, pois eran os defensas os que tocaban pero non lograban enlazar cos atacantes, excesivamente estáticos. O Alcaián apenas pasou apuros, defendendo con orde e xuntos, mentres que cando roubaban rapidamente enviaban o balón en longo buscando contragolpear (mesmo dispuxeron de dúas oportunidades por medio de sendas accións de Víctor Pazos en forma de vaselina e de cabezazo tras unha saque de falta lateral, pero saíron desviados).

No segundo tempo o Malpica mellorou, esta vez saíndo concentrados dende o primeiro minuto e coa idea de lograr un resultado que lles dera máis tranquilidade para o partido de volta, pero non lograron trasnformar ningunha das ocasións das que dispuxeron. Os locais dominaron por completo nestes segundos 45 minutos, agora con máis claridade e chegando con facilidade á líña de tres cuartos, cun Alcaián moi metido atrás (quizáis acusando o esforzo físico da primeira metade), pero apenas lograron desbordar nos metros finais e mostráronse demasiado imprecisos en accións puntuais. Os visitantes, renunciaron por completo ao ataque, non tiraron a porta e apenas lograron combinar. O Malpica dispuxo de varias oportunidades para marcar, pero non estiveron acertados, destacando as seguintes: un disparo de Eloy ao longueiro dende o pico esquerdo da área tras sacar rápido unha falta; centro de Neucha dende a banda esquerda e David Blanco erra no borde da área pequena tras facerse un pequeno lio; un potente disparo de Cheo que marchou alto por pouco; e un remate de Charlie no segundo pao tras un centro dende a esquerda que despexa un defensor visitante en líña de gol.

Mal resultado da SCD Malpica neste primeiro partido da eliminatoria, que os obliga a anotar un gol como mínimo o vindeiro sábado se queren chegar aos dezaseisavos de final. Para iso, deberán de xogar cunha maior intensidade da que amosaron durante a primeira parte, pois a pesar da diferencia de categoría entre os conxuntos participantes no torneo copeiro a igualdadade é a nota predominante. Ademais, as reducidas dimensións de xogo do campo do Alcaián non favorece para nada ao estilo de xogo da SCD, polo que as dificultades serán maiores.

1 comentarios:

  1. moi clarificadores e evidentes as fotos do gol do Alcaian, Iago. non pode haber dúbidas.pésima a apreciación do colexiado.

    ResponderEliminar