SD ALCAIÁN: Herrera, Paco (Diego min.63), Luís, Dani, Víctor, Pistolas (Javi min.82), Souto (César min.46), Pío, Toño (Portillo min.46), David (Doro min.63), Framil.
SCD MALPICA: Suso, Charlie, Víctor, Iago, Marco (Marcos Amado min.72), Eloy, Neucha (Casais min.46), Ismael, David Blanco, Andrés (Miguel min.56), Nando (Gonzalo min.56).
Árbitro: Rellán Pérez. Comezou o encontro algo nervioso, pero non se deixou intimidar por ningún dos dous equipos e desenvelveu unha boa labor. Atinou á hora de indicar dous penaltis, un a favor de cada equipo: o primeiro por mans do local Víctor tras un tiro de Neucha, e o segundo por unha entrada do malpicán Iago a David, ámbolos dous na primeira metade.
Incidencias: Sobre un cento de espectadores en Portorrubio, nunha tarde soleada e con boa temperatura. Os visitantes Marco e Andrés tiveron que ser sustituídos por molestias nun xeonllo e nos abductores, respectivamente. Non houbo expulsados.
Goles: 0-1 (min.23): Disparo de Neucha dende o pico esquerdo da área que rexeita Víctor coas mans. O propio Neucha anota a pena máxima de forte disparo. 0-2 (min.27): Falta lateral a prol do Malpica que bota Nando e que cabecea Charlie no borde da área pequena sen oposición. 0-3 (min.36): O local Víctor marca en propia meta tras ceder atrás cara Herrera, que non logra despexar ante a presión de David Blanco.
Comentario: Partido complicado o que tíña que afrontalo SCD Malpica na volta da eliminatoria previa da Copa da Costa tralo empate a un gol que logrou o Alcaián na Pedra Queimada había unha semana. Dificultades que aumentaban debido ás características do terreo de xogo de Portorrubio, cun firme moi irregular e cunhas dimensións reducidas (especialmente de longo). Manuel Agilda contaba con varias baixas na tarde do sábado: Diego (lesionado nun abductor), Manu Pardo e Cheo (os dous sancionados). O encontro comezou moi disputado, cos malpicáns tentando de adaptarse canto antes ao campo, posto que o xogo combinativo facíase moi complicado, o que provocou que predominase o xogo directo. Non obstante, e a pesar de que non eran unhas condicións propicias, loitaron dende o principio para remontala eliminatoria, mostráronse firmes en defensa e nas xogadas a balón parado, sen complicarse na circulación de balón e cunha intensidade que se cadra faltou no partido de ida. Ademais, tiveron un alto porcentaxe de acerto cara o gol, o que se traduxo en tres goles en apenas un cuarto de hora. Os locais, que saíron moi fortes, e que pouco a pouco foron baixando a intensidade, tiveron a oportunidade de meterse de novo na eliminatoria cando co 0-2 dispuxeron dun penalti, pero Suso rexeitou a pena máxima executada por Víctor, volvendo a despexalo rexeite nunha gran intervención. Os malpicáns mesmo puideron marcar outro gol máis antes do descanso, por medio dun saque de falta lateral de Nando que Herrera sacou con moitos apuros.
Coa eliminatoria practicamente sentenciada (os locais debían de marcar 4 goles para pasar) comezou o segundo acto, no que non houbo a loita dos primeiros 45 minutos. O Malpica limitouse a controlalo tempo do encontro consciente da súa gran vantaxe e de que no día seguinte había outro partido de liga, non se complicaron atrás, mentres que en ataque trataron de buscala rapidez de David Blanco e o poderío aéreo de Ismael nas xogadas a balón parado. Cearon perigo en varias ocasións, pero non dispuxeron de grandes oportunidades claras, ainda que destacaron dúas: un disparado de David Blanco algo escorado que atallou Herrera e un disparo dende a frontal de Ismael que saiu desviado. Polo que atinxe ao Alcaián, trataron de acumular xente arriba, buscando cando menos anotar un gol, pero apenas deron sensación de perigo, mentres que na parcela defensiva pasaban dificultades cando os visitantes apretaban. Contaron cunha gran ocasión por medio de Framil tras unha mala saída do gardameta Suso pero o seu disparo rexeitouno Marco case na líña de gol.
Partido moi serio do Malpica, nun campo complicado onde calquera rexeite ou balón parado leva perigo, onde a actitude dos xogadores dende o primeiro minuto foi clave para non deixar marxe á sorpresa. Este resultado fai que o conxunto costeiro pase aos dezaseisavos de final da Copa da Costa 2011, sendo o seu próximo rival o Muros. O partido de ida terá lugar na Pedra Queimada.
0 comentarios:
Publicar un comentario