martes, 12 de abril de 2011

LIGA DA COSTA 31ª XORNADA: SAN LORENZO 3 - MALPICA 2

SAN LORENZO: Recarey, Iván Rey, Casilleiro (Adrián min.46), Dubra (Anxo min.74), Puña, Álex, Cañizo, Javi Pensado, Jorge, Fuentefría (Eloy min.61), Carliños.

SCD MALPICA: Víctor Martínez, Diego (Víctor min.6), Miguel, Gonzalo, Marco (Eloy II min.55), Eloy (Nando min.52), Neucha (Miguel Dourado min.60), Casais, David Blanco, Andrés, Ismael.

Árbitro: Goyeneche García. Estivo ben en termos xerais, axudado pola deportividade de ámbolos dous conxuntos. Errou no último minuto ao indicarlle un fóra de xogo ao malpicán Miguel Dourado cando este encaraba a área rival. Expulsou por dobre amarela ao local Javi Pensado no minuto 60.

Incidencias: Máis de cen espectadores nas Pedreiras, nunha tarde gris. O defensa do Malpica Diego tivo que ser sustituído por un pinchazo nun abductor nada máis comezalo encontro. Destacar que por parte do Malpica debutou o xuvenil Eloy.

Goleadores: 1-0 (min.5): Balón en profundidade cara o desmarque de Jorge na zona de extremo esquerdo, recorta e saca un centro-chut que se cola entre o gardameta e a defensa visitantes. 2-0 (min.10): Fuentefría chega a líña de fondo por banda dereita, saca un centro que remata Jorge cunha semivolea no punto de penalti libre de marca. 3-0 (min.49): Saque de esquina favorable ao San Lorenzo dende o curruncho dereito do seu ataque, sacan rápido e no segundo pao cabecea de novo Jorge. 3-1 (min.65): Hai unha serie de rexeites no borde da área do San Lorenzo, o balón cáelle a David Blanco que anota un trallazo que se cola preto da escadra dereita. 3-2 (min.76): Ismael tira dende fóra da área, o esférico rebota nun xogador local e cae nos pés de David Blanco que marca de tiro cruzado.

Comentario: Despois de xogalo sábado a ida da eliminatoria previa da Copa da Costa, a SCD Malpica afrontaba un desplazamento complicado ao campo das Pedreiras en Verdillo para medirse ao San Lorenzo, e facíao con moitas novidades (ata catro xogadores en idade xuvenil tiveron minutos). Os costeiros contaban coas baixas de Cheo e Manu Pardo, ámbolos dous expulsados o sábado fronte ao Alcaián. Comezou moi mal o Malpica, pois nos primeiros 15 minutos os erros e imprecisións foron constantes, apenas lograron combinar con criterio, e froito diso foron os dous goles dos locais, que mesmo puideron anotar algún gol máis nestes primeiros compases do encontro. Sen embargo, a partires dese intre os malpicáns fixéronse donos do partido, defendendo con máis orde e mandando balóns perigosos a David Blanco que se aproveitou constantemente da debilidade defensiva local (de feito son o segundo equipo máis goleado da categoría), pero tiveron mala sorte no remate, ao que se sumou a boa actuación de Recarey. Así, as mellores ocasións foron para o Malpica, destacando dúas: un tiro dende o borde da área de Andrés que rexeitou Recarey e despois dou no poste; un cabezazo de David Blanco que volve a rexeitalo longueiro, anotando Neucha o rexeite pero o gol é anulado correctamente polo colexiado por falta ao porteiro.

No segundo tempo, un novo despiste nos primeiros compases provocou o terceiro gol local, poñéndoselle o partido moi costa arriba para os visitantes. Pero os xogadores de Manuel Agilda, lonxe de virse abaixo, seguiron dominando e chegando con perigo ás inmediacións da área do San Lorenzo, ademais agora atopábanse en superioridade numérica trala expulsión de Javi Pensando, pero volveron a estar negados de cara a gol, e non lograron traducir a súa superioridade en goles, a pesar de ter varias oportunidades para facelo, sobre todo nun disparo de David Blanco que rexeitou o pao e un disparo de Ismael dende o pico esquerdo da área que pasou rozando a escadra dereita de Recarey. Polo que atinxe aos locais, mostráronse lentos en defensa e pouco ambiciosos en ataque, pois despois do 2-0 apenas inquedaron a Víctor, pero atopáronse coa fortuna de lograr unha boa renda en pouco tempo.

En resumo, bo encontro o disputado pola SCD Malpica, máis tendo en conta a presencia de varios xuvenís no equipo e o cansancio que acumularon varios xogadores que acumularon dous partidos en 24 horas. Non obstante, a "páxara" inicial e o despiste ao comezo da segunda parte costoulles a derrota, un resultado bastante inxusto á luz dos méritos que fixeron os dous conxuntos. Tamén tiveron mala sorte nos metros finais, pois dispararon ata tres veces ao pao ou longueiro. O próximo compromiso liguerio para o Malpica será o domingo na Pedra Queimada fronte ao Ponteceso, pero antes xogan o sábado a volta da eliminatoria fronte ao Alcaián.

0 comentarios:

Publicar un comentario