lunes, 4 de abril de 2011

LIGA DA COSTA 30ª XORNADA: MALPICA 1 - BAIO 2

SCD MALPICA: Suso, Víctor, Marcos Amado (Charlie min.63), Iago, Marco (Casais min.78), Eloy, Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Ismael min.67), Nando.

CD BAIO: Poyo, Matías, Andrés (Fredy min.71), José Antonio, Diego, Mario, Rubio (Eloy min.78), Martín, Jorge, Alberto, Canay.

Árbitro: Brea Sánchez. Pésima arbitraxe na tarde de onte, perxudicando aos locais. Non indicou dúas penas máximas claras a prol do Malpica (unha en cada metade) por mans claras dos defensores visitantes. Ademais, no segundo gol do Baio Canay arranca en evidente fóra de xogo. Ademais disto, estivo moi mal á hora de sinalalos fóras de xogo, pois varios dos que indicou ao Malpica non eran. Tampouco estivo acertado á hora de descontar, pois non tivo en conta as constantes perdas de tempo do conxunto visitante.

Incidencias: Tarde con claros e nubes cunha temperatura agradable. Boa entrada na Pedra Queimada, cunhas 150 persoas no campo. Non houbo mancados de gravidade nin expulsados.

Goleadores: 0-1 (min.25): Balón en longo cara a frontal da área local, o central Iago adiántase ao dianteiro do Baio pero marca en propia meta ao tentar cederlle o esférico a Suso que non ten tempo para reaccionar. 0-2 (min.39): Pase en profundidade de Martín cara Canay que arranca en fóra de xogo, anotando de vaselina ante a saída de Suso que pouco puido facer. 1-2 (min.58): Boa xogada de Cheo por banda dereita que penetra na área, centra raso, aparecendo Neucha no punto de penalti para marcar a pracer.

Comentario: Entraba a Liga da Costa na parte final, pois despois deste partido só quedarían catro encontros, e o Malpica tiña a intención de continuar coa súa boa xeira de resultados como local que lle permitira seguir soñando coa quinta plaza e así mellorala clasificación do ano pasado cando quedaron sextos. Para iso, tíñan que vencer ao Baio, un equipo que se atopaba a catro puntos do virtual descenso. Manuel Agilda, adestrador local, contaba coa única baixa de Manu Pardo (por asuntos persoais). O Malpica comezou algo impreciso o encontro, se ben intentaba levala iniciativa, costáballe superala líña de mediocampo rival, pois o Baio acumulaba moita xente nesa parcela. A pesar de que os locais intentaban tocar dende atrás ante o repliegue visitante, creando perigo cada vez que lograban facelo con criterio, abusaron dos balóns en longo en demasiadas ocasións o que perxudicou aos seus intereses. Polo que atinxe ao Baio, apenas creou perigo en ataque, limitándose a sair ao contragolpe mandando balóns en longo cara os seus extremos. As mellores oportunidades na primeira parte foron para os malpicáns: pase en profundidade de Eloy cara David Blanco que regatea a Poyo pero queda sen ángulo e sáelle frouxo o seu disparo; unha falta botada por Neucha que sae preto do pao esquerdo; e un novo tiro de Neucha no segundo pao tras recibir un centro da dereita que salva un defensor baixo paos.

O segundo acto comezaba co Malpica perdendo por dous goles froito de dous erros (un propio e outro do colexiado), pero que non deu o encontro por perdido en ningún momento, encerrando ao Baio no seu campo durante toda a segunda metade. O equipo visitante apenas pisou a área malpicán, e non dispuxeron de ningunha oportunidade para marcar, acumulando xente atrás buscando defendela renta lograda antes do descanso, perdendo tempo cada vez que podían. Os locais controlaron por completo a posesión do balón, non se ofuscaron en buscala portería contraria mediante xogo directo, e alternaron moi ben o xogo en curto cos pases en profundidade, pero a pesar de recortalas distancias bastante pronto non lograron traducir a posesión do balón en ocasións, pois tampouco tiveron sorte nos metros finais cos nos varios rexeites que houbo. Nos últimos 15 minutos o dominio intensificouse, agora só con tres defensas, metendo ao Baio na súa propia área, pero non tiveron a mesma fortuna de cara a gol que nas últimas xornadas. Quizáis a mellor oportunidade do Malpica estivo nun lanzamento de Cheo dende fóra da área que Poyo mandou a saque de esquina tras unha fenomenal estirada.

Unha mágoa a derrota dos malpicáns, nun encontro no que foron netamente superiores ao Baio pero no que non sumaron os tres puntos (algo semellante sudeceu na primeira volta, onde empataron 0-0 sendo tamén superiores). Derrota que ainda resulta máis dolorosa tendo en conta os resultados que se produxeron nesta xornada, pois de gañar ascenderían ata a sexta plaza. No lado positivo queda a capacidade de reacción e o bo xogo que mostraron (sobre todo na segunda metade). A espera do que suceda coa Copa da Costa, a SCD viaxa a vindeira semana a Verdillo para medirse ao San Lorenzo.

2 comentarios:

  1. Full4/4/11

    Moi boas crónicas, tanto esta coma a de Luis. Lamentable a actuación do arbitro...pero pouco se pode pedir dunha persona con ese cociente intelectual...conformemonos con que foi capaz de encontrar a saída do campo el so..

    ResponderEliminar
  2. iago4/4/11

    O Presidente da Federación Galega de Fútbol que siga inaugurando campos de fútbol que levan funcionando unha década e vestiarios sen auga, que total o tema dos árbitros debe de ser secundario, cando me parece que debería de ser unha prioridade da nova directiva da Federación visto o paupérrimo nivel que mostran cada semana a inmensa maioría deles.

    ResponderEliminar