MUROS SD: Lupi (Yago min.80), Manu, Iván Cerilla (Berni min.70), Gael (Vistete min.80), Mayuyo, Dani (Gabo min.77), Toni, Varito, Yanky, Bibi (David min.74), Cexo.
SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Iago, Marco (Víctor min.60), Eloy (Manu Pardo min.72), Neucha, Cheo (Casais min.70), David Blanco, Andrés, Nando (Ismael min.65).
Árbitro: Sergio Rodríguez Tajes. Comezou o encontro bastante "caseiro", sacando varios cartóns aos malpicáns por protestas leves e deixando sen sancionar idénticas protestas locais. Na segunda metade estivo moi ben, pitando con idéntico criterio para ámbolos dous lados.
Incidencias: Tarde gris, con vento e con choiva intermitente durante o encontro. Un cento de persoas en Miraflores. Non houbo expulsados. O malpicán Marco tivo que ser sustituído ao sufrir un pinchazo muscular nun abductor.
Goles: 0-1 (min.20): Pase de Cheo dende a banda dereita cara David Blanco que lle gaña as costas aos centrais e bate a Lupi de tiro raso cruzado coa zurda. 1-1 (min.29): Saque de esquina que bota Cexo, Yanky cabecea no segundo pao e Iván Cerilla marca de cabeza dende dentro da área pequena. 1-2 (min.62): Neucha saca unha falta dende a banda dereita do ataque malpicán, o esférico diríxese cara o punto de penalti onde aparece Charlie que remata sen oposición. 1-3 (min.69): Cheo rouba un balón na posición de extremo dereito, penetra na área e é derrubado por por Iván Cerilla. Neucha marca o penalti cun forte disparo coa zurda.
Crónica: Despois do 2-1 na ida, a eliminatoria dos dezaseisavos de final da Copa da Costa 2011 entre Malpica e Muros estaba totalmente aberta, polo que os malpicáns deberían de loitar moito para pasar aos oitavos ante un rival que se lles da realmente mal, sobre todo cando visitan Miraflores. Manuel Agilda contaba con tódolos seus xogadores para este trascendental encontro. O Malpica comezou moi ben o partido, serios dende o pitido inicial, xuntos á hora de presionar e facendo moito dano á defensa local a través de transicións rápidas, superando claramente ao Muros nos primeiros 25 minutos. Mostra delo foron as numerosas ocasións das que dispuxeron en tan pouco tempo: unha falta botada por Neucha que Lupi atalla con problemas; un man a man de David Blanco tras un bo servicio en profundidade de Eloy, pero o balón sáelle longo tras driblar ao gardameta; un disparo de Eloy que detén Lupi; outra falta de Neucha botada con moita potencia que de novo despexa o porteiro local; e unha semivolea de David Blanco dende o pico dereito da área que Lupi (o mellor xogador do Muros nos dous partidos) manda a córner cunha espectacular intervención. Sen embargo, cando semellaba que os visitantes podían sentenciala eliminatoria en calquera momento, chegou o empate tras un saque de esquina, o que devolvía a emoción ao marcador. O Muros só foi quen de crear perigo a balón parado, o auténtico punto forte deste coxunto no seu feudo dado as reducidas dimensións do terreo de xogo. Nos últimos 15 minutos da primeira metade o encontro entrou nunha fase máis calmada e sen apenas accións de perigo.
Durante o primeiro cuarto de hora da segunda parte a igualdade foi maior, cun Muros que tentaba enviar balóns aos seus rápidos atacantes pero a defensa visitante mostrouse moi sólida, e tan só crearon certa sensación de perigo de novo a balón parado, especialmente nun cabezazo de Mayuyo que se foi desviado. O Malpica continuou xogando moi concentrado e buscando aproximarse á área contraria a través de pases en profundidade, tratando de aproveitar a boa forma que mostraron os seus dianteiros na tarde do sábado. O gol de Charlie no minuto 62 sentenciou a eliminatoria (xa que os locais necesitaban agora tres goles), a partir dese momento o partido foi un monólogo dos malpicáns, que pasaron a monopolizala posesión do balón, xogando con criterio no mediocampo e sen pasar ningún tipo de apuro, algo que se volveu máis evidente co 1-3 que disipou calquera tipo de incertidume.
Partido moi completo o que realizou a SCD Malpica, dende o primeiro minuto ata o noventa, superando novamente ao Muros como xa sucedera no partido de ida, onde (de novo) o porteiro local Lupi salvou ao seu equipo dunha goleada maior. Quizáis foi un dos mellores encontros que xogou o conxunto de Agilda en toda a tempada, ante un rival que era un dos favoritos para chegar moi lonxe nesta edición da Copa da Costa. O próximo rival da SCD nos oitavos de final será o Nantón, actual campeón da Terceira Rexional, e que lle creará moitas dificultades ao conxunto costeiro (pois tan só perderon un partido en toda a tempada).
0 comentarios:
Publicar un comentario