martes, 3 de mayo de 2011

LIGA DA COSTA 33ª XORNADA: CASTRIZ 4 - MALPICA 3

SD CASTRIZ: Pejo, Chinda (Dani min.46), Sergio Pose, Álex, Toniño, Alberto (Suso min.53), Cilindro, Bruno, Sebas, Mauri, Rubén (Martín min.57).

SCD MALPICA: Víctor Martínez, Charlie (Iago min.46), Víctor (Marcos Amado min.63), Gonzalo, Marco, Ismael, Neucha, Casais, Miguel, Manu Pardo, Nando (Eloy min.46).

Árbitro: Álvarez Vega. Boa labor a que desenvolveu este domingo, axudado polo comportamento de ámbolos dous conxuntos. Os malpicáns protestaron no segundo gol un posible fóra de xogo de Sebas que arranca en posición moi dubidosa.

Incidentes: Pouco público en San Andrés, con medio centenar de espectadores, nunha tarde gris. Non houbo lesionados de gravidade nin expulsados.

Goleadores: 0-1 (min.19): Casais recibe o balón na parte dereita da área, recorta cara adentro e marca coa zurda. 1-1 (min.40): Sebas recibe no borde da área e bate a Víctor de tiro raso. 2-1 (min.43): Pase en profundidade cara Sebas que se planta só ante Víctor definindo no man a man. 2-2 (min.47): Balón en longo cara Neucha, Pejo sae pero choca cun defensa local, quedando o balón morto para que o propio Neucha marque a placer. 2-3 (min.49): Ismael faise cun rexeite do gardameta local e marca dende case o medio do campo cun tiro moi axustado. 3-3 (min.67): Balón colgado sobre a frontal da área do Malpica, Dani faise co rexeite, entra na área e marca de tiro cruzado coa dereita. 4-3 (min.85): Centro ao segundo pao dende a banda dereita, Dani controla e marca polo primeiro pao.

Crónica: Despois de xogalo sábado ante o Muros na Copa da Costa, a SCD Malpica viaxaba a Castriz para afrontalo derradeiro encontro como visitante na liga neste curso futbolístico 2010/11. Manuel Agilda, adestrador malpicán, contaba con numerosas baixas para esta xornada: Diego (lesionado), Andrés (sancionado), David Blanco (con problemas físicos) e Suso (por motivos persoais). O partido comezou un tanto descafeinado, posto que os dous conxuntos case non se xogaban nada (ademais víñan de xogar copa o sábado), e durante os primeiros 15 minutos predominou o xogo no mediocampo e sen apenas oportunidades de gol. Os malpicáns, con dous xuvenís no once inicial, tratou de crear perigo en combinacións en curto, e despois dunha oportunidade de Neucha tras un pase de Manu Pardo que rexeitou Pejo, lograrían adiantarse por medio de Casais. A partir de ahí, o Castriz estirouse un pouco máis, comezando a mandar constantes balóns en longo cara os seus rápidos atacantes, tratando de aproveitarse da adiantada defensa visitante, pero caeron en numerosos fóras de xogo. Sebas foi o que levou máis perigo, e tivo unha gran ocasión tras penetrar na área, pero Víctor Martínez mandou a saque de esquina co pé.

No segundo tempo, o Malpica pronto lle deu a volta ao marcador, aproveitándose dos erros do gardameta local, controlou a posesión do balón e realizou varias xogadas de mérito, pero apenas mostraron profundidade, pois só sumaron unha ocasión máis por medio dun centro-chut de Marcos Amado que Pejo sacou con moitos apuros. A medida que os minutos pasaban, o Castriz puxo máis intensidade que os malpicáns, intentando chegar á área visitante a través de balóns en longo, pero tampouco lograron ter oportunidades claras, destacando unha no primeiro minuto deste segundo acto pero o disparo de Dani rexeitouno Iago a córner.

Partido onde ámbolos dous conxuntos se mostraron bastante apáticos, quizáis cansados despois de xogar dous encontros en 24 horas, e no que o maior acerto dos locais foi decisivo para gañalo encontro. Dende que comezou a Copa da Costa para o Malpica (tivo que xogar a fase previa), o conxunto azulón suma catro derrotas consecutivas na Liga, racha que os alonxou da zona media-alta da clasificación. O vindeiro domingo a SCD recibe na Pedra Queimada ao Camariñas na derradeira xornada.

0 comentarios:

Publicar un comentario